5, maio, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, salientou que a división do voto do centro e da dereita foi clave o 28 de abril. Así, de cara as próximas eleccións municipais, incidiu en que é preciso unir e concentrar todo este electorado: “O PP é a única ferramenta posible para poñer freo ao populismo e ao nacionalismo que acompañan ao PSOE”.
Segundo o número dous do PPdeG, o pasado domingo, os españois dixeron ben claro nas urnas que queren un PP máis amplo, máis moderado e máis reformista, de aí que sinalou que ese ten que ser “o camiño para reconquistar a 10 millóns de españois” que noutras eleccións lle deron a vitoria ao Partido Popular: “Cando nos trabucamos temos que escoitar á cidadanía para retomar o rumbo que nos pide”. Así, destacou que, tras esa chamada de atención, hai que analizar os resultados para volver reconectar coa maioría social do país, porque, tal e como apuntou Tellado, “ninguén de fóra do PP lle ten que dicir ao PP como ten que ser”.
Durante unha entrevista na Radio Galega, remarcou que os españois mandaron unha mensaxe clara ao PP: preferiron un goberno socialista, aínda que estivese condicionado polo populismo, o nacionalismo e o secesionismo, antes que un goberno do PP acompañado de VOX. Así, avogou por facer autocrítica e tomar medidas que coloquen ao partido onde sempre estivo e ser así o punto de encontro de persoas con sensibilidades diferentes que queren o avance do país desde posturas moderadas, reformistas e sempre constitucionalistas. Por iso, subliñou que o gran reto é manter a confianza dos votantes do PP e recuperar a de aqueles que se foron a Ciudadanos e, tamén, a dos votantes moderados de VOX. “No PP non sobra ninguén, senón que falta moita xente, polo que temos que recuperar a confianza maioritaria e para iso contar con todo o mundo”.
A pesar dos resultados negativos, Tellado indicou que o PP foi a primeira forza política en 195 dos 313 concellos: “Gañamos en dous de cada tres concellos, o que manifesta que o PP, no seu peor momento, ten moita fortaleza”.
O PP, NOS 313 CONCELLOS
Asegurou que o partido xa está centrado nas próximas eleccións municipais, uns comicios nos que do que se trata é de elixir o modelo de goberno e de xestión que se quere para cada municipio: “Hai que decidir se en Ferrol queremos que siga gobernando Jorge Suárez, desde as Mareas de Podemos e con cinco concelleiros de 25, ou se queremos un proxecto de maiorías, moderado e experimentado como o que representa José Manuel Rey”.
Por iso, dixo que, ante a realidade de división e de enfrontamento das Mareas de Podemos e do PSdeG en Galicia, “hai un PP sólido, solvente, con credibilidade e cun modelo de xestión de estabilidade na nosa comunidade que representa Feijóo; e que agora toca trasladalo ao ámbito local”. “Aqueles que queren que as Mareas de Podemos deixen de gobernar Ferrol, A Coruña e Santiago –continuou-, só teñen unha opción que é o PP”.