19, setembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, apuntou que, como semella que Xulio Ferreiro non vai cesar a ningún concelleiro, “cada minuto que pasa parece máis abocado á súa propia dimisión”, logo do escándalo das irregularidades administrativas na compra dos pisos a un membro fundador da Marea Atlántica.
Así, lembrou que o rexedor da Coruña cumpriu a primeira parte do que lle pedían os populares a semana pasada, que era que se desculpase ante todos os coruñeses; pero que non cumpriu a segunda, que era asumir as responsabilidades que se derivan do caso e non deixalas recaer sobre os funcionarios municipais, “que son os menos culpables da conduta do alcalde”.
“Fomos moi claros: Ferreiro debía cesar aos dous concelleiros responsables deste escándalo ou irse el á súa casa”, remarcou insistindo en que se o rexedor non cesa a ningún, está cada vez máis preto da súa propia dimisión.
“Xulio Ferreiro chega tarde neste escándalo”, subliñou o número dous dos populares galegos, que indicou que foi primeiro o PP e despois o resto da oposición os que o advertiron de estar cometendo unha morea de irregularidades. “Negaron todo, insultáronnos e déronlle 145.000 euros a un fundador da Marea da Coruña e asesor de Ada Colau, a sabendas de que os pisos non cumprían as esixencias”, lamentou Tellado.
Por todo isto, aseverou que no caso dos pisos “xa non podemos falar de erro administrativo, senón dunha decisión política irregular que se tomou con plena consciencia”.
O QUE MERECEN VIGO E SANTIAGO
Ademais, Miguel Tellado tamén se referiu ás presentacións dos candidatos do PP en Vigo e en Santiago que terán lugar esta semana, así como o Congreso Local de Ferrol.
No tocante a Vigo, asegurou que os populares consideran que este Concello non precisa a un alcalde que quere tapar a súa ineficacia en temas coma a auga ou o accidente do Marisquiño con luces de Nadal, que leva anos instalado na mentira, no insulto e na soberbia; e que cada vez que sae nun medio nacional é por un problema derivado da súa mala xestión ou porque fai “un ridículo planetario”.
“Cremos que Vigo merece unha alcaldesa seria e con experiencia de xestión contrastada; que coñece amplamente as necesidades reais da cidade, porque ten un proxecto que vai máis alá de poñer cada ano o dobre de luces de Nadal có ano anterior; e preocupada pola economía, pola seguridade e pola calidade da auga. E iso hoxe só o pode encarnar Elena Muñoz”, manifestou.
No que respecta a Santiago, Tellado sinalou que o rival do PP nesta cidade é un alcalde que leva uns meses nos que a súa única preocupación política é derrocar a Luís Villares, polo que os composteláns o ano que vén terán que decidir entre “un candidato que quere renunciar a selo para intentar coller algo de protagonismo na política autonómica, que é Martiño Noriega; e un candidato que renunciou a ser conselleiro para ser alcalde, que é Agustín Hernández”.
Tras destacar que o tempo que Hernández foi rexedor do Concello estivo volcado en corpo e alma para facer avanzar a cidade, recoñeceu que a elección debería ser moi sinxela e que traballarán arreo para convencer aos veciños de que eles tamén a vexan así.