22, marzo, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que non é aceptable “que Galicia pague a inestabilidade política e económica á que os socialistas queren condenar ao conxunto do país; que o Executivo central volva querer castigar a unha comunidade cumpridora, como Galicia, mentres propuña uns Orzamentos Xerais do Estado que premiaban a Cataluña; e que Pedro Sánchez queira pagar a súa campaña electoral e os seus venres electorais co superávit e a responsabilidade do Goberno galego”.
Como lembrou, Galicia pechou o exercicio do ano pasado con superávit contable que, segundo os cálculos iniciais, ascende a 125 millóns de euros. Por este motivo, a Xunta solicitou formalmente ao Ministerio de Facenda autorización para poder reinvestilo canto antes xa que, en 2018, o Goberno Rajoy si llo permitía ás Comunidades Autónomas con superávit.
Lamentablemente, Tellado sinalou que a día de hoxe hai dous problemas derivados da inoperancia do Goberno Sánchez: “non hai Presupostos do Estado, porque o PSOE e as Mareas de Podemos fracasaron no seu intento de aprobalos; e o Goberno leva sen convocar desde o pasado verán o Consello de Política Fiscal, onde se abordan estas cuestións”.
“Desde Galicia entendemos que a situación de inestabilidade política en España derivada da moción de censura non pode afectar ás comunidades autónomas, especialmente ás cumpridoras como Galicia”, manifestou explicando que en 2018 cumprimos o déficit público, o límite de débeda, a regra de gasto e fomos líderes en axilidade de pago a provedores.
Así mesmo, afeou que onte o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, volvese facer trampas “dentro da súa estratexia de utilizar a comunicación institucional para facer partidismo”, reprochando que o Executivo autonómico non quixese dispoñer de máis recursos económicos en transferencias do Estado. “A realidade é que falamos de cuestións ben diferentes: a Xunta quere gastar recursos propios, grazas a que non nos endebedamos, e o Estado ofrece que nos endebedemos”, precisou recoñecendo que hai unha diferenza notable.
Nese senso, ironizou con que “se o portal que sacou o PSOE para desmentir bulos dos políticos tamén llelo aplican aos socialistas, esperamos que teñan ben vixiado ao señor Losada, xa que non se pode facer política enganando á xente”.
A IMPLOSIÓN DEFINITIVA DAS MAREAS
Por outra banda, o número dous do PPdeG referiuse á “implosión definitiva das Mareas de Podemos”, que confirmou o que xa tiñan dito os populares: “só estiveron unidas para ir ás eleccións, e agora nin iso; dedicaron todo o seu tempo ás súas liortas internas e non fixeron absolutamente nada por mellorar a vida dos galegos; e son un proxecto político esgotado, que xa só se dedica a recolocar aos seus líderes nos lugares nos que aínda poder ser elixidos”.
Logo desta ruptura definitiva, sinalou que o espazo da esquerda radical en Galicia quedaría da seguinte forma: dunha parte, En Marea, “na que están Villares e os poucos amigos que lle quedan do seu partido”; doutra, Podemos e Esquerda Unida, “que xa só existen en Galicia para intentar asegurarlle o escano a Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino”; e finalmente, Anova, que trala súa renuncia a presentarse ás eleccións parece que quedan reducidos a constituírse como unha asociación de veciños. “En definitiva, nada aportaron nunca a Galicia e nada lles queda por aportar máis que algún episodio máis dos seus espectáculos”, sentenciou.