7, febreiro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que non é xusto que os galegos teñamos ao secretario xeral socialista de toda España que menos defende os intereses da súa Comunidade, explicando que Gonzalo Caballero escolle sempre a Sánchez antes que a Galicia e que pensa que a nosa Autonomía merece ser agraviada, aínda que líderes autonómicos e locais do seu partido lle estean a advertir de que se equivoca.
Así se expresaba sobre a negativa do “suposto líder da oposición” a reclamar ao Goberno central os cartos que lle adebeda á Comunidade. De feito, esta semana a ministra de Facenda ratificou que non quere pagar as súas débedas e o Consello de Política Fiscal e Financeira de hoxe non atende ningunha das dúas reivindicacións de Galicia: o Ministerio de Facenda non incluíu na orde do día o pago inmediato ás Autonomías dos 2.500 millóns pola mensualidade do IVE de 2017 -dos que a Galicia lle corresponden 200 millóns-, e tampouco atendeu a petición da Comunidade de incluír os incentivos polo cumprimento dos obxectivos fiscais, que para os galegos supoñen 170 millóns de euros.
Segundo apuntou o número dous do PPdeG, esta reunión non se convoca para escoitar as demandas das Comunidades ante os impagos do Goberno senón exclusivamente porque o obriga a lei. Como sinalou, foi esta actitude do Goberno central a que abocou á Xunta a non renunciar a ningunha vía para defender os intereses dos galegos nin os nosos servizos públicos.
“Desde o PPdeG cremos que esta batalla non ten que ver con cores políticas. Ten que ver con querer defender os intereses das Autonomías e dos veciños”, admitiu remarcando que hai socialistas que presiden Comunidades como Castela-A Mancha, Aragón ou Asturias que tamén van acudir aos tribunais a defender o que é xusto, así como os de Lugo, os de Santiago ou os da Coruña que tamén apoian á Xunta.
Ademais, Tellado deu a benvida ao BNG nesta reivindicación e celebrou que haxa a maior unidade política entorno a un tema clave para Galicia, malia que non o incluíron no seu acordo de investidura co PSOE. Por este motivo, os populares agardan que a súa preocupación sexa sincera e non se volvan esquecer cando teñan que volver negociar: “O BNG sempre fai que axita a pancarta, pero á hora da verdade traga con todo o que lle pon diante o PSOE”.
CÓMPLICES DO ATRACO AOS USUARIOS DA AP-9
Por outra banda, o secretario xeral falou sobre a alianza do Goberno con Audasa no xuízo polo cobro de peaxes en Rande durante os atascos. Nese senso lembrou que, en 2017, o PSdeG, o BNG e as Mareas de Podemos pediron no Parlamento que se levantasen as peaxes durante os atascos. En maio de 2018, a presidenta da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Pontevedra solicitaron que se levantasen as peaxes durante as obras e onte, en Febreiro de 2020, “seguramente todos se alfombran ante a decisión do Goberno que eles apoian de poñerse do lado de Audasa e non dos usuarios”.
“Unha vez máis vólvese demostrar que a Audasa vaille mellor cando gobernan os socialistas que co goberno Feijóo”, aseverou ao tempo que salientaba que a Xunta conseguiu que se revisase un acordo do Goberno coa empresa e que esta deixase de gañar sete millóns de euros ao ano. Pola contra, “o Executivo socialista blindou un negocio redondo para Audasa e ruinoso para os cidadáns a costa das obras de ampliación da Ponte de Rande e da autoestrada de Santiago”, manifestou.
Tellado, despois de insistir en que o Goberno autonómico está pedindo que se revise ese acordo en defensa dos intereses dos galegos, lamentou que o PSOE estea a traballar para defender a Audasa nos tribunais e non adopten medidas para paliar as subas das peaxes pero si para protexer á empresa. “O PSdeG, Podemos e o BNG serán cómplices deste novo atraco aos usuarios”, engadiu.
MÁIS PERSOAS VOLCADAS NO SERVIZO A GALICIA
Por último, referiuse ao acto de entrega de carnés a novos afiliados que os populares celebrarán mañá en Santiago. “Este sempre é un evento moi especial, dado que serve para darlle a benvida ao partido máis grande de Galicia a arredor dun cento de novas incorporacións que se sumaron a este proxecto nas últimas semanas”, afirmou.
Logo de subliñar que é unha honra que cada día haxa xente que se achega á formación para aportar o seu gran de area e traballar por mellorar a vida dos seus veciños, resaltou que dende o PPdeG están encantados de seguir sumando a persoas comprometidas, ilusionadas “e que están dispostas a dedicarlle tempo e esforzos a un partido volcado no servizo a Galicia e que cada día pretende representar a unha maioría máis grande