Santiago, 5 de maio 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “canto máis se achega o ecuador deste mandato, máis claro parece que en seis das sete cidades galegas imos camiño de cumprir dous anos perdidos, e non temos demasiadas esperanzas de que nada o poida mellorar ata o ano 2019”.
Así se expresaba na rolda de prensa ofrecida esta mañá trala reunión mantida co Comité de Cidades, na que coa única excepción de Ourense, participaron voceiros e presidentes locais de Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Alí, Tellado avanzou que desde o Partido Popular de Galicia atópanse hoxe centrados en tres cuestións fundamentais.
A primeira delas indicou que é desenmascarar a falta de xestión e a parálise daquelas cidades gobernadas polo populismo, o nacionalismo máis rancio “como é a cidade de Pontevedra” ou polo socialismo populista “que é a versión que encarna Abel Caballero en Vigo”; a segunda baséase en demostrar que outra forma de gobernar é posible, que é a forma da Xunta e de Alberto Núñez Feijóo: “un modelo de rigor, seriedade e responsabilidade”; e a terceira e “máis importante” consiste en conformar alternativas que ilusionen á cidadanía, remarcando, que “ese é o noso reto principal de aquí ao longo dos próximos dous anos”.
Malia a indicar que o PP podería dedicarse como oposición en seis desas cidades a criticar o que fan mal, o que non fan ou a situación de parálise, o secretario xeral afirmou que “nós queremos máis, temos un exercicio de compromiso co conxunto da sociedade e estamos obrigados en constituírnos en alternativa de goberno”.
Tellado tamén lembrou que a intención do Comité de Cidades era establecer unha canle de comunicación fluída e cooperación constante, tal e como fixeron e como seguirán facendo. “O noso obxectivo é moi claro: queremos coñecer as necesidades do partido e da sociedade en cada punto, para dar respostas a cada un deles. E como sabemos que en todos os lugares temos problemas comúns, queremos aproveitar as sinerxias que xurdan para dar solucións común”, remarcou.
CIDADES PARALIZADAS
Logo da súa intervención, o número dou dos populares galegos cedeu a palabra aos responsables municipais do PP presentes na xuntanza para explicar cal é a situación das súas respectivas cidades. A presidenta local de Vigo, Elena Muñoz, salientou que no seu concello teñen un alcalde que está centrado “en xogar coa política nacional con escaso éxito”, ao que a maioría absoluta “subíuselle á cabeza, instalado na soberbia e na confrontación”.
Pola súa parte, a presidenta do PP coruñés, Bea Mato, destacou que o obxectivo principal do equipo que preside é “devolverlle á Coruña a ilusión” sendo produtivos para os cidadáns, posto que “todo o que a Marea toca, paralízao”. No que respecta a Lugo, o presidente do PP local, Jaime Castiñeira, sinalou que teñen “unha alcaldesa por casualidade” á que “puxeron no goberno e logo déronlle as costas para que non se goberne”, sendo o concello “un descrédito en xestión”.
Así mesmo, o líder dos populares composteláns, Agustín Hernández, lamentou que o goberno de Santiago non ten política social senón un “postureo político” cun “alcalde que tivo a honra de ter o primeiro concelleiro imputado das mareas”. Por outra banda, o presidente municipal de Pontevedra, Jacobo Moreira, tamén amosou a súa preocupación pola inoperatividade dun alcalde máis preocupado pola memoria de Fidel Castro e por viaxar polo mundo que polos seus veciños. E xa a portavoz local ferrolá, Martina Aneiros, apuntou que o seu concello é o “mellor paradigma do desgoberno” cun executivo municipal que “é o máis minoritario da historia de Ferrol”.