Santiago, 4 de setembro 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou os datos do paro do mes de agosto publicados esta mañá. “Galicia axuda a mellorar os datos de paro do Estado cunha nova baixada no número de desempregados”, asegurou o secretario xeral xa que nos posicionamos como a terceira comunidade autónoma na que máis cae o desemprego intermensual en termos absolutos, tras Canarias e Cantabria.
Deste xeito, mentres que a media do Estado incrementa este dato, a Comunidade sitúase en agosto por debaixo das 190.000 persoas en paro, sendo a primeira vez desde o inicio da crise que baixa esta cifra. Así, hoxe hai 11.920 desempregados menos con respecto a hai un ano, o que supón un descenso do 6,17%.
“Encadeamos catro anos consecutivos de caída na evolución anual nun mes de agosto, nos que case un de cada tres parados abandonaron as listas do paro, situando á Comunidade en niveis de paro inferiores aos de hai 8 anos”, remarcou Tellado.
No tocante ás afiliacións, o secretario xeral sinalou que seguen aumentando en Galicia na evolución anual un 2,02%, sendo xa máis de tres anos as subidas consecutivas e co segundo maior incremento producido en agosto desde o inicio da crise. Na evolución mensual, Galicia tamén sube un 0,23% mentres que o Estado baixa un 0,97%, posicionándose a nosa como a comunidade autónoma que máis incrementa a afiliación intermensual en termos absolutos.
MÁIS CALIDADE E ESTABILIDADE
Logo de celebrar que o paro tamén descende nas catro provincias e nas sete grandes cidades, ademais de en todos os sectores e nos colectivos prioritarios -os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as mulleres-; Tellado tamén subliñou que a calidade e a estabilidade no emprego segue crecendo, xa que a contratación en xeral sobe nun 9,38%, asinándose 8.211 contratos máis que en agosto do pasado ano e superando en 3,5 puntos a media estatal; a indefinida aumenta nun 8,98%, e a de tempo completo crece nun 12,71%.
“Debemos sinalar tamén que o ritmo de subida dos salarios medios galegos nos últimos oitos anos resulta superior á media do conxunto do Estado e que somos a quinta comunidade que máis incrementa os seus salarios medios desde 2008 en termos relativos”, aseverou o secretario xeral, que engadiu que, en 2016, Galicia incrementou os seus salarios medios nun 0,32%, mentres que no conxunto estatal baixaron nun 0,35%.
“O máis importante é que os números verdes dos principais indicadores da economía galega estanse a reflectir cada vez máis nas familias, a nosa principal preocupación”, dixo Tellado mentres recoñecía que “por iso seguiremos centrando os nosos esforzos na creación de emprego, que é a antesala da mellora da calidade de vida de todos os galegos”.
“Malia que aínda queda moito traballo por facer, podemos afirmar que o mercado laboral segue mellorando en Galicia mes a mes e de xeito consecutivo desde principios de ano”, apuntou o secretario xeral, que tamén precisou que esta evolución positiva favorece a acadar o reto da Axenda 20, que é crear, polo menos, 80.000 postos de traballo ata 2020.
CONSOLIDAR E MELLORAR OS DATOS
O número dous do PPdeG tamén puxo en valor a labor da Xunta, asegurando que os populares seguirán na mesma dirección, traballando por consolidar e mellorar estes datos, tendo como prioridade a creación de emprego estable e de calidade a través dunha planificación axeitada ás necesidades do novo escenario económico.
Nese senso, Tellado lembrou medidas activadas este último mes como a posta en marcha do bono autónomo; o aumento en seis meses da tarifa plana de 50 euros do estado para garantir a continuidade de 6.000 autónomos galegos; as axudas para a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador que se ampliou ata os 2,1 millóns de euros; as medidas para incentivar con ata 10.000 euros nas pemes a contratación indefinida de desempregados; ou as que impulsan o emprego xuvenil dotadas con 9 millóns de euros e o programa pioneiro en Galicia, Emprega Xuventude, que pretende beneficiar a 500 menores de 30 anos para a súa formación e emprego no sector da Industria 4.0 e da agroalimentación.