Pide a Caballero que se faga cargo das súas responsabilidades, pois o abandono das súas competencias causaron máis de 400 feridos no Marisquiño
O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado, lamentou o silencio cómplice do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ante a corrupción no Concello de Vigo e ante as prácticas mafiosas dos socialistas na provincia de Pontevedra, tendo como único obxectivo continuar no seu cargo.
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, evidenciou a precaria posición de Formoso no seu propio partido, obrigado a “facer a pelota” a Abel Caballero e a Carmela Silva para poder manter o seu posto, como demostran as súas declaracións de onte. “É absolutamente inmoral que minimice a gravidade do maior caso de corrupción e nepotismo da historia recente de Galicia”, dixo referíndose ao caso pola contratación irregular da cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra.
Segundo sinalou, Formoso traizoou todo para ser secretario xeral: aos veciños das Pontes, aceptando sen resistencia o peche da central térmica para contentar ao Goberno de Pedro Sánchez; aos socialistas galegos, que non merecen que unha persoa implicada nun grave caso de corrupción presida o seu partido; e a si mesmo, defendendo o indefendible e amparando as conductas do PSOE da provincia de Pontevedra.
Neste sentido, Tellado cualificou como “espectáculo lamentable e inmoral” a actuación dos socialistas desa provincia nestes días, que actuaron como un cartel mafioso presionando a asociacións civís para pedir o indulto dun funcionario condenado por malversación, prevaricación e falsidade documental e solicitando que o Goberno do PSOE indulte á persoa que enchufou á cuñada de Silva.
Ademais, tamén aproveitou para pedirlle ao rexedor de Vigo que deixe por un momento os platós de televisión e as frivolidades para facerse cargo das súas responsabilidades como Xefe de persoal do Concello ou das competencias de mantemento e seguridade da Zona Portuaria. Ao respecto, lembrou que o abandono das súas obrigas municipais xa causaron máis de 400 feridos no Marisquiño, tal e como estableceu onte o TSXG: “Os vigueses merecen un alcalde menos preocupado polos reality shows e máis polos problemas da súa cidade”.
A FALTA DE HUMANIDADE DO BNG
Por outra banda, Tellado amosou a súa solidariedade co pobo de Ucraína e manifestou a máis enérxica condena á intervención militar do Goberno de Putin, afeando que esta non sexa a postura da esquerda máis radical e sectaria do noso país. De feito, Esquerra Republicana de Cataluña, Bildu e Podemos queren evitar que España dea o seu apoio ao pobo ucraíno e néganse a condenar a invasión de Rusia, unha actitude que non tardou en copiar o BNG.
Precisamente esta semana os nacionalistas fixeron piruetas dialécticas no Parlamento para negarse a firmar un manifesto consensuado polo resto de forzas da Cámara e que incluía as demandas iniciais do Bloque. “Resulta vergoñenta a súa necesidade de emular aos irmáns maiores independentistas e separatistas; de atacar a Occidente e á UE; e de estar en contra de todo. Como pode un partido democrático negarse a apoiar un manifesto de mínimos en favor da paz, a solidariedade e a legalidade internacional?”, cuestionou.
Nese senso, criticou que Ana Pontón non poida impoñerse aos vellos coroneis da UPG, que non sexa quen de defender a democracia e a paz fronte aos nostálxicos da Unión Soviética e que non teña a máis mínima humanidade para condenar unha guerra que xa costou milleiros de vidas e provocou dous millóns de refuxiados. “Non todo vale en política. Os partidos e as ideoloxías non poden estar por riba da defensa da vida e a paz”, incidiu.
A ALTERNATIVA AO DESASTROSO GOBERNO CENTRAL
O secretario xeral tamén se expresou sobre a campaña do presidente Alberto Núñez Feijóo de cara ao conclave nacional do PP, logo de que o Comité Organizador do Congreso o declarase oficialmente candidato con máis de 55.000 avais, “unha cifra récord de apoio na historia do partido”.
Como aseverou, a candidatura de Feijóo aspira a recuperar a ilusión e a confianza na formación cun proxecto renovador, serio e solvente que aposta por ofrecer unha alternativa de Estado ao desastroso Goberno de Sánchez.
Fronte a un Executivo central incapaz de xestionar o país nun dos momentos máis difíciles da nosa historia, insistiu en que o proxecto de Alberto Núñez Feijóo representa a ilusión de que podemos ter un goberno preparado, responsable, centrado no importante e á altura das circunstancias: “A partir do próximo 2 de abril esa alternativa farase realidade”.