3, maio, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que o dieselazo de Pedro Sánchez lle vaia custar aos galegos 70 millóns de euros ao ano, unha medida que afectará a milleiros de condutores en Galicia, incluídas familias e pequenas e medianas empresas que terán máis gastos.
Nese senso, cuestionou que só dous días despois das eleccións, o Goberno de Sánchez anunciase a súa intención de subir os impostos a todos os españois en 5.600 millóns de euros para o ano 2020, incluíndo unha suba no diésel que supoñerá pagar case 5 céntimos máis por cada litro de combustible. “Nun momento de desaceleración, como admite o Goberno, non é o indicado subirlle os impostos a milleiros de galegos e galegas”, admitiu.
Así mesmo, como sinalou, o dieselazo vai ter un efecto moi negativo en Galicia, máis aínda que no resto de España, porque o 85% do consumo de combustible na Comunidade é diésel.
Tellado tamén explicou que a proposta de subir impostos do Executivo de Sánchez permite comprobar dous modelos diferentes en materia fiscal: mentres a Xunta aposta por baixar a carga fiscal dos galegos, con menos impostos nas herdanzas, menos impostos no IRPF, menos impostos no rural; o Goberno central opta por subilos todos e crear algúns novos, como máis impostos ao diésel, no IRPF, Sociedades, ou a denominada Taxa Google.
UN MODELO DE XESTIÓN PARA TODOS OS 313 CONCELLOS
Por outra banda, o número dous dos populares galegos tamén se referiu á reunión do Comité de Dirección autonómico que o PPdeG celebrou onte, no que se realizou unha análise dos resultados electorais en Galicia e no que se estableceron as liñas de actuación a empregar durante as vindeiras semanas ata as Eleccións Municipais.
“É evidente que os resultados do pasado domingo foron moi negativos e non nos escudamos en termos sido a Comunidade que maior porcentaxe de voto ao PP tivo en toda España porque a este partido só lle vale saír a gañar, entendemos que só desde a vitoria se poden construír proxectos que lle dean estabilidade ás institucións e melloren a vida dos nosos veciños”, recoñeceu ao tempo que precisaba que “ser demócrata vai de saber gañar e de saber perder, de aceptar a confianza maioritaria do teu pobo cando a tes, honrala e traballar por mantela, pero tamén de saber encaixar a derrota, asumila e analizala para darlle a volta”.
“Este partido levou un golpe o pasado domingo, pero é un golpe do que xa nos levantamos o luns”, aseverou manifestando que aproveitarán estas semanas para explicar que o PP ten un modelo de xestión para os 313 concellos de Galicia: “un modelo moderado, reformista, con vocación goberno e de maiorías; centrado no crecemento económico e na mellora dos servizos públicos; e que se basea en ofrecer solucións alá onde outros só crean problemas”.
Por todo iso, o secretario xeral salientou que deben convencer aos galegos de que son “o único partido verdadeiramente útil para que non goberne a esquerda, o nacionalismo e o populismo nos nosos concellos, xa que votar a outras formacións que din querer ser coma o PP é a mellor maneira de gañe o PSOE, as Mareas de Podemos ou o BNG”.
De igual xeito, remarcou que Pedro Sánchez ten sido unha ameaza para o emprego, para a industria e para a economía de Galicia, algo que os populares denunciaron con gran intensidade, e avanzou que seguirán velando polos intereses dos galegos e permanecerán vixiantes “ante cada noticia que percibamos como negativa para eles, como levamos feito durante todos estes anos”.