Lamenta que, en lugar de achegar solucións á crise industrial que sofre A Mariña, visite a Comunidade para facerse fotos con alcaldes socialistas
O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado, afeou que a visita a Galicia da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, só servise para facer propaganda electoral do Partido Socialista en vez de achegar solucións á crise industrial que sofre a Comunidade.
Así se expresou o dirixente do PPdeG tras a xuntanza de Maroto co secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e con alcaldes e portavoces socialistas da comarca da Mariña lucense para avaliar a situación de Alcoa, cuxa planta en San Cibrao cerrará a súa actividade durante dous anos. “É improcedente que a ministra veña a Galicia para sacarse fotos como ministra do PSOE, en lugar de ser a ministra dun Goberno que debería representar a todos os galegos e, no seu caso en concreto, defender a nosa industria”, manifestou.
“Advertimos hai moito tempo que a falta dun prezo eléctrico competitivo complicaba o futuro de Alcoa en San Cibrao”, dixo Tellado lembrando que a situación actual da industria vén provocada por unha política enerxética do Executivo central totalmente equivocada e que está xerando desmantelamento do tecido empresarial, afectando de maneira especial a Galicia e a determinadas comarcas, como é o caso da Mariña.
“Dende o PPdeG seguiremos apoiando aos traballadores de Alcoa e reclamando a implicación do Goberno e da propia empresa para garantir a reactivación da planta canto antes. Parar a produción de aluminio primario en Galicia durante dous anos é unha noticia nefasta”, asegurou.
Ademais, o secretario xeral referiuse á situación de Vestas -a plantilla aceptou unha conciliación previa ao xuízo contra o ERE-, de cuxos traballadores se esqueceu a ministra Maroto. “Tamén neste caso se botou en falta a implicación do Goberno, que mantivo a súa pasividade para localizar investidores”, engadiu.
Segundo resaltou, a única realidade é que hai tres anos estas empresas non tiñan as complicacións que teñen agora para seguir coa súa actividade, cuestionando que tanto con Alcoa como con Vestas o Executivo de Pedro Sánchez optou pola inacción: “Desentendéronse dos problemas, evitaron facer unha fronte real cos traballadores e a Xunta e non presentaron alternativas para tratar de chegar a solucións, que foi o que reclamamos durante moitos meses”.
O PSdeG SEGUE APLAUDINDO AO GOBERNO
Miguel Tellado tamén lamentou a actitude do PSdeG, evidenciando que a chegada de Valentín González Formoso á secretaría xeral non supuxo ningún cambio na formación, pois “é evidente que os socialistas galegos continúan á disposición dos obxectivos do PSOE en Madrid, aplaudindo todas as súas decisións aínda que estas prexudiquen e vaian en contra dos intereses da nosa Comunidade”.
Do mesmo xeito, criticou que no día de hoxe os alcaldes e portavoces do PSOE da Mariña si estivesen presentes para sacarse unha foto coa ministra Maroto, xa que durante todos estes meses permaneceron ausentes e sen ofrecer ningunha resposta á difícil situación industrial da comarca que deberían defender.