O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que os comicios cataláns están deixando boa mostra de cal é o posicionamento real dos partidos. Así, mentres para o PPC a nosa Comunidade é o exemplo de convivencia a seguir; para o BNG a folla de ruta é o modelo de enfrontamento lingüístico, político e social instalado en Cataluña: “Nos tempos de Xosé Manuel Beiras os seus socios eran os nacionalistas de PNV e CIU e, hoxe, os de Ana Pontón son os independentistas de Bildu e ERC, cos que non só comparten proxecto político, senón tamén un escano no Parlamento Europeo”.
“O Bloque mudou progresivamente do nacionalismo ao secesionismo e a radicalidade. Un recorrido ideolóxico que fala moito do modelo de convivencia que queren para Galicia. Unha Galicia de lazos amarelos e esteladas”, dixo aclarando que, enfronte, sempre terán ao PP, que está do lado da convivencia pacífica, do respecto á lei e da defensa dos grandes consensos. Ademais, Tellado avanzou que o presidente Feijóo participará este domingo nun acto de campaña no que acompañará por videoconferencia a Alejandro Fernández.
O PPdeG, O ÚNICO QUE DEFENDE OS INTERESES DE GALICIA
Durante a súa intervención, o número dous dos populares pronunciouse sobre o traspaso da titularidade e competencias da AP-9 ao Goberno galego, logo de que o Congreso debatese esta semana unha Proposición de Lei presentada polo Parlamento, que pretende corrixir a situación abusiva que sofren cada día miles de galegos. Deste modo, recordou que pagamos unhas peaxes que foron incrementando os prezos da man de gobernos socialistas ata chegar a ser os máis caros de España e que agora, con outro Executivo do PSOE, acaban de volver a subir a pesar das múltiples promesas de baixalas.
Sobre isto, manifestou que, mentres unhas formacións “foron a Madrid a poñerse medallas e atribuírse o mérito ou a defender a toda costa ao Goberno do Estado”; o PPdeG foi defender os intereses dos galegos, esixindo a baixada inmediata das peaxes e a transferencia da titularidade.
Igualmente, lembrou que os populares galegos seguen tomando a iniciativa neste ámbito fronte ao fracaso constante das promesas do BNG aos galegos. Nese senso resaltou que, un ano despois de facer presidente a Sánchez co pacto da vergoña entre Ana Pontón e Adriana Lastra no que comprometían o traspaso da autoestrada, o único que conseguiron os nacionalistas foi aumentar aínda máis os prezos das peaxes.
O GOBERNO CENTRAL ABANDONA AOS MÁIS AFECTADOS
O secretario xeral tamén se referiu ás reivindicacións do PPdeG esta semana no Senado polas axudas directas ao sector da hostalería e o turismo, reclamando a implicación urxente do Executivo central, que se nega a axudar aos hostaleiros ao contrario do que está facendo a Xunta -o Goberno galego leva destinados máis de 160 millóns de euros-.
Segundo sinalou, esta negativa pública e manifesta evidencia o absoluto abandono da xestión da pandemia e os seus efectos por parte do Goberno de Pedro Sánchez, que inhibe calquera responsabilidade no apoio aos sectores máis afectados por esta crise sanitaria.
“Fronte á negativa do PSOE, que só se preocupa doutros territorios nos que cree que pode obter máis réditos electorais, e fronte á incapacidade manifesta do BNG, que fracasa estrepitosamente en todas as causas que decide defender; o PPdeG volve ser o único capaz de defender os intereses dos galegos. En Madrid, en Bruxelas e por suposto en Galicia”, sentenciou.