Apunta que é unha barbaridade que ERC decida a política fiscal de todo o país e sinala que non é o momento de subir impostos senón de baixalos, como fai a Xunta
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o Goberno socialista elixe o camiño da imposición educativa, económica e fiscal da man de independentistas e radicais e coa complicidade do BNG e do PSdeG. “Queren impoñer un modelo educativo, aprobando unha lei política sen o máis mínimo consenso; un modelo económico, cuns presupostos que só favorecen aos seus socios; e un modelo fiscal, pactando cos independentistas o réxime fiscal de toda España”, explicou.
Así se expresaba en declaracións previas á Xunta Directiva de Novas Xeracións na que participou e onde coñeceu as valoracións dos mozos sobre a nova Lei Educativa do Executivo de Pedro Sánchez pois, como estudantes, son os principais afectados.
“A Lei Celaá é un desastre para a educación en España porque é partidista e ideolóxica; restrinxe, substancialmente, o dereito a decidir das familias; fai da lingua unha causa de conflito, en vez de unha ferramenta para o entendemento; e enterra o Pacto de Estado pola Educación, que tanto demanda a sociedade española”, subliñou incidindo en que é unha normativa que restrinxe a liberdade implantando un tipo único de ensino, que deixa sen capacidade de elección ás familias máis humildes e que rebaixa a calidade educativa e a igualade de oportunidades.
“Como imos pedirlle a estes mozos e mozas galegos que compitan con outros de Alemaña, Francia ou Reino Unido cando aquí lles permitimos pasar de curso suspendendo?”, preguntou o secretario xeral mentres afirmaba que a Sánchez “pouco lle importa a educación dos nosos fillos mentres el poida seguir gobernando uns meses máis”.
Pola contra, resaltou que a educación non pode ser unha moeda de cambio para a negociación dos presupostos e que o líder do PSOE non pode suplir a súa falta de apoios parlamentarios entregando a educación dos nosos fillos aos independentistas.
NON É O MOMENTO DE SUBIR IMPOSTOS
Así mesmo, o número dous dos populares galegos afeou que o Goberno socialista se sente a pactar con ERC unha suposta harmonización fiscal, indicando que é unha “barbaridade” que os independentistas cataláns decidan a política fiscal de toda España e recoñecendo que temen que esta “harmonización” sexa un novo eufemismo de Sánchez para ocultar máis subidas de impostos.
Segundo precisou, nunha situación moi complexa na que as familias e os profesionais necesitan todo o apoio das administracións, non é o momento de subir impostos senón de baixalos; e como demostración de que isto é posible puxo como exemplo os Orzamentos da Xunta de Galicia.
“A única harmonización que imos aceptar e á baixa. Os galegos non estamos dispostos a pagar máis para manter as embaixadas catalás e as quimeras do independentismo”, dixo aseverando que, se queren que todos paguemos os mesmos impostos, os equiparen aos da nosa Comunidade: “Resulta chamativo que defendan a independencia política e xudicial de Cataluña, pero ataquen o autogoberno en Galicia impoñendo unha política fiscal que só favorece aos seus intereses”.
“Non imos aceptar que Sánchez meta a man no peto dos galegos aplaudido polo PSdeG e polo BNG, que o fixo presidente”, sostivo ironizando co “gran nacionalismo” do Bloque, que permite que nos fixen desde Barcelona os impostos que pagamos en Galicia.
O ENÉSIMO DESPREZO Á COMUNIDADE
Por último, Miguel Tellado lamentou que esta semana o Partido Socialista rexeitase todas as emendas -máis de 1.500- aos Orzamentos Xerais do Estado presentadas polo PP, que recollían cuestión fundamentais como a ampliación dos ERTES, rebaixas de impostos ou incentivos a pemes e autónomos.
No que respecta a Galicia, resaltou que perdemos máis de 360 millóns de euros recollidos nun cento de emendas, algo que cualificou como a eneísima constatación do desprezo do presidente do Goberno pola nosa Comunidade.
“Prodúcenos unha profunda mágoa que Sánchez rexeite todas as iniciativas que non veñan de nacionalistas ou radicais”, manifestou cuestionando que non acepte propostas sensatas que benefician aos cidadáns -como a dotación de máis recursos aos concellos-, pero si valore eliminar as nosas linguas vehiculares ou achegar ao País Vasco aos presos de ETA. “Un exemplo máis de que o PSOE xa elixiu os seus compañeiros de viaxe”, sentenciou.