MIGUEL TELLADO CONSIDERA “NECESARIA” A REFORMA DA LEI DE POLICÍAS LOCAIS E SALIENTA QUE CHEGA AO PARLAMENTO “CO CONSENSO DOS CONCELLOS E OS PROFESIONAIS”
· O portavoz de Administracións Públicas explicou que esta “reforma garantista elimina discriminacións arbitrarias e recoñece dereitos para o desenvolvemento da carreira profesional”
Santiago, 29 de marzo de 2016.- O portavoz de Administracións Públicas do Grupo Popular, Miguel Tellado, considerou necesaria a modificación da Lei de policías locais de Galicia, cuxo proxecto de lei foi tomado en consideración esta mañá polo Pleno do Parlamento, porque “aporta seguridade xurídica aos concellos e mellora o funcionamento das policías locais existentes en Galicia”. Así mesmo, Tellado subliñou que este texto lexislativo “chega ao Parlamento co consenso dos concellos e cos profesionais aos que vai dirixida”, polo que considerou “sorprendente” que AGE e o Grupo Mixto “pretendan poñerlle freo” coas súas emendas á totalidade.
Miguel Tellado manifestou que o proxecto de lei permitirá levar adiante unha reforma garantista da Lei de policías locais de Galicia aprobada polo Goberno bipartito en 2007, eliminando discriminacións arbitrarias e recoñecendo dereitos para o desenvolvemento da carreira profesional nas policías locais galegas.
“Trátase dunha reforma fundamental que vai facilita aos concellos garantías para a cobertura das prazas necesarias para prestar o servizo”, indicou o portavoz popular, quen apuntou que “deseña mecanismos máis flexibles para cubrir as prazas de promoción interna, realizar permutas e facilitar o mantemento das prazas existentes”.
O portavoz popular lembrou que esta iniciativa “estaba presente no programa electoral co que o Partido Popular de Galicia se presentou ás eleccións autonómicas de 2012 co obxectivo de “aportar seguridade xurídica aos concellos e nas actuacións municipais que eviten dúbida na prestación destes servizos públicos”.
A LEI QUE QUEREN CONCELLOS E PROFESIONAIS
“É o texto lexislativo que queren os concellos e os axentes das policías locais de Galicia, xa que foi aprobado por unanimidade pola Comisión de Coordinación de policías locais”, sinalou.
Respecto das emendas á totalidade presentadas por AGE e o Grupo Mixto, Tellado considerou “sorprendente que decidan poñerlle freo a un proxecto que ven avalado polos sindicatos e as organizacións profesionais”. “Fanlle oposición a Galicia porque queren parar Galicia e que nada funcione, xa que pensan que canto peor lle vaia a Galicia, mellor lles irá a vostedes”, dixo.
“Din non a este proxecto cando en ningunha das súas emendas hai reparo algún ao recollido na reforma da lei, polo que a súa emenda á totalidade é ao proxecto do bipartito”, explicou. Así mesmo, Miguel Tellado puxo de manifesto a súa incongruencia porque consideran que a “reforma é necesaria pero queren devolverlla ao Goberno, porque todo lles vale con tal de atacar á Xunta, incluso levándolle a contraria aos axentes da policía local galega”.