7, setembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que “Pedro Sánchez vai camiño de ser digno sucesor de aqueles que baleiraron de carga de traballo as gradas dos noso estaleiros” e pediu responsabilidade ao Goberno central, posto que a tensión do Executivo con Arabia podería levar á perda dun contrato que supón carga de traballo durante anos para os estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol.
“Custounos moito recuperar ao noso naval da ruína na que o deixaron os socialistas en varias ocasións”, destacou mentres cuestionaba a incoherencia do novo Goberno, que repercute directamente nos traballadores do metal galego.
“Con Zapatero non conseguíamos ningún contrato pero con Sánchez perdemos os que xa estaban conseguidos”, subliñou o número dous dos populares de Galicia.
IMPEDIR UN NOVO AGRAVIO A GALICIA
Por outra banda, o secretario xeral afirmou que os populares non consentirán que o Goberno socialista “diga que hai vítimas de catástrofes de primeira e de segunda”. Así se expresaba trala noticia da intención de Sánchez de declarar zona de Emerxencia os lugares afectados polos incendios do mes de agosto en Valencia, malia -como lembrou- terlle negado anteriormente unha solución aos afectados pola explosión de Tui, que unicamente piden unha solución fiscal para poder cobrar as axudas para restaurar as súas vivendas.
“Do mesmo xeito que a semana pasada manifestamos que non pode haber Portos de primeira e de segunda para este Goberno, hoxe dicimos que non podemos consentir que un Goberno central pense que haxa cidadáns que merecen mellores axudas só por vivir nunha Comunidade na que Goberna o PSOE”, insistiu o número dous do PPdeG.
Tellado subliñou que os populares aínda confían en que o Consello de Ministros rectifique e que “a presión social e institucional faga atender as nosas peticións” pois “preferimos que esta medida chegue trade a que non chegue”, dixo admitindo que o Goberno socialista “só acerta cando rectifica”.
“Agardabamos deste Goberno grandes doses de sectarismo e que investise boa parte dos seus recursos en pagarlle favores aos partidos que os colocaron na Moncloa, pero o que non podiamos agardar é que cruzase esta liña, a de facer este tipo de distincións segundo a Comunidade na que ocorre unha traxedia”, sinalou.
“Unha vez máis, e imos perdendo a esperanza de que algún día ocorra, gustaríanos que algún socialista galego tivese un mínimo de dignidade política e se atrevese a levantar a voz contra as inxustizas que se cometen coa nosa terra”, expresou mentres amosaba o seu interese porque Javier Losada exerza de delegado do Goberno en Galicia, en lugar de delegado de Ferraz na nosa Comunidade. De igual xeito, tamén recoñeceu que aos populares gustaríalles que Gonzalo Caballero, “para o que nin contan con el como delegado de Ferraz en Galicia”, exercese como secretario xeral do PSdeG e non coma o “conserxe da sucursal do PSOE na rúa do Pino”.
HONRAR O NOSO PASADO
Tellado tamén lembrou que o PPdeG renderá esta tarde homenaxe ao presidente Xerardo Fernández Albor en Santiago con motivo do que tería sido o seu 101 aniversario. “Sabemos que será un acto emotivo, porque todos temos aínda moi recente a perda do presidente, pero tamén cremos que será un acto que nos encherá de ilusión”, aseverou.
Nese senso, remarcou que “está no ADN do Partido Popular honrar a aqueles que foron importantes na historia do noso partido; honrar aos nosos bos e xenerosos, a aqueles que foron fundamentais na historia e na construción da Galicia actual; e honrar o noso pasado, porque só coñecéndoo podemos entender mellor o noso presente e guiarnos para construír o noso futuro”.
“O presidente Albor merece este e todos os homenaxes que se lle fagan, como peza sen a que non se pode entender a Galicia de hoxe nin o Partido Popular de Galicia de hoxe”, dixo o secretario xeral ao tempo que recoñecía que a súa figura “está moi presente no noso día a día e na nosa forma de facer política, coa súa humildade e coa súa vontade incansable de servir a Galicia”.