24, novembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou este domingo nunha entrevista en Radio Galega que “vivimos nunha situación de inestabilidade absoluta patrocinada por Pedro Sánchez”. Cuestionado acerca do pacto de investidura entre PSOE e Podemos, que cualificou de “erro histórico” salientou que “é moi difícil que funcione un Goberno que se basee no populismo e que teña que apoiarse nos que queren que a España lle vaia mal”.
Do mesmo xeito, expresou que “Pedro Sánchez está disposto a todo por ser presidente do Goberno”. “Hai apenas unhas semanas dicía que non podería durmir con ministros de Podemos e agora asinou un pacto de coalición” lembrou, para incidir en que “pactará cos radicais e cos independentistas, porque xa o fixo sempre que puido”.
Con todo, Tellado volveu expresar que “se Sánchez racha o seu acordo con Podemos, o PP sentaríase a falar”, dado que España afronta uns grandes desafíos de futuro aos que non podería facer fronte un “Goberno feble” apoiado por aqueles que non cren na Constitución nin no noso país.
“SEGURO A TODO RISCO FRONTE Á INESTABILIDADE”
O número dous dos populares galegos advertiu que a vontade da Xunta é actuar como “contrapeso” ao posible Goberno de PSOE e Podemos e dixo que o seu partido velará por manter Galicia “a salvo da inestabilidade política do país”, colocando a Alberto Núñez Feijóo como un “seguro a todo risco” para acadar este obxectivo.
“A mellor mostra da estabilidade de Galicia é que estamos aprobando un Orzamento que crece e que é o máis social da historia, con máis de 7.400 millóns de euros dedicados a Sanidade, Educación e Política Social”, subliñou, para expresar que a folla de ruta da Xunta para os vindeiros meses é “que a Comunidade siga funcionando mentres España se enfronta a unha situación de bloqueo continuado”.
Do mesmo xeito, garantiu que os populares seguirán “traballando por ser o partido que máis se parece a Galicia” e defendendo o interese xeral da nosa Autonomía “goberne quen goberne, como xa fixemos diante dos Gobernos Rajoy e Sánchez”.
DESAFÍOS DE FUTURO PARA O GOBERNO CENTRAL
Ademais, Tellado recordou que os populares galegos estarán vixiantes ante a actuación do Goberno central en temas cruciais para a nosa Comunidade, como poden ser: a situación das electrointensivas, das centrais térmicas e da débeda de 700 millóns que o Executivo mantén con Galicia. Sobre esta última cuestión, incidiu en que, a día de hoxe, non se transferiu nin o 10% duns fondos que son clave para o normal funcionamento dos servizos públicos básicos e advertiu da posibilidade de que Sánchez “volva empregalos para chantaxear ás Comunidades Autónomas, como xa fixo na súa anterior investidura”.
No que ten que ver coa industria, o secretario xeral criticou que Sánchez demostrou non ter solucións nin vontade de resolver os problemas que el mesmo xerou e reivindicou que a saída pasa por fomentar a competitividade das empresas implicadas. Así, demandou que o futuro Goberno sexa quen de ofrecer un prezo competitivo da electricidade para garantir a viabilidade de plantas como a de Alcoa na provincia de Lugo.
En canto á central das Pontes, precisou que esta fixo os deberes para adaptarse ás normativas europeas de emisións e que foi o Goberno Sánchez o que precipitou o seu peche mediante decisións políticas. Así, incidiu en que debe garantirse que a planta teña unha transición enerxética xusta, como a que se está a acometer nos demais países da Unión, “dado que o que propón Sánchez non é transición, porque supón o peche inmediato da central; nin é xusto, porque implicaría o despido de centos de traballadores”, sentenciou.