Santiago, 30 de agosto de 2018. A deputada popular Teresa Egerique indicou hoxe na súa intervención na Deputación Permanente do Parlamento que “se algo funcionou de xeito impecable, se hai algo do que nos sentimos absolutamente orgullosos os vigueses e os galegos é do dispositivo sanitario desenvolvido no sinistro do Marisquiño”. “A coordinación foi áxil, eficaz e, sobre todo, resolutiva, salvaron vidas e atenderon aos familiares e afectados de xeito impecable” insistiu a voceira popular.
A deputada fixo relatorio de todos os recursos mobilizados para atender ás 467 persoas feridas, a coordinación exercida polo conselleiro de Sanidade e o xerente da EOXI de Vigo no servizo de urxencias do Álvaro Cunqueiro e a disposición “desde o primeiro momento” de todo o Goberno galego encabezado polo Presidente da Xunta.
Teresa Egerique defendeu a posición do PPdeG respecto da solicitude da convocatoria dunha sesión extraordinaria do Pleno “a dous días de comezar o período ordinario” indicando que precisamente esa situación ademais da comparecencia solicitada xa polo Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para dar conta no pleno ordinario e o pleno monográfico que se celebrará en Vigo foron as razóns para votar en contra da celebración deste pleno.
O “ALCALDE ELOCUENTE” BAIXA A CABEZA
Teresa Egerique insistiu en que Vigo é a cidade e o escenario onde se ten que aclarar e o goberno local ten que manifestarse con transparencia “porque nós desde o PPdeG non variamos o discurso segundo convén e tamén poderíamos preguntarlles onde estaban o Subdelegado do Goberno, o Secretario xeral do seu partido ou o propio concelleiro de Seguridade, que xa vemos que o PSdeG está en mans de Abel Caballero e non do seu Secretario xeral”.
Segundo a deputada popular “o alcalde elocuente agora baixa a cabeza, xa non fala coa mesma contundencia que antes, leva 15 días insultando e acusando a outras administracións e a outros políticos e ocultando, ata fai dous días, o expediente do Marisquiño”. Eso é unha demostración, segundo indicou Teresa Egerique “do descontrol absoluto do Concello de Vigo que agora prohibe as festas de San Roque, precinta o paseo de Bouzas ou pon trabas ás festas de Teis”.
”Todo o contrario ao Goberno autonómico, quen actuou con eficiencia e discreción, un Goberno que vai dar a cara no Parlamento coa comparecencia do Vicepresidente e do que cabe salientar o seu bo facer no que atinxiu as súas competencias, como foron as emerxencias sanitarias”, indicou Teresa Egerique.
LEI GALEGA DE ESPECTÁCULOS PÚBLICOS
Para a deputada popular “á hora de realizar debates políticos temos que ter en conta tamén que existe unha investigación xudicial aberta, ante a que amosamos todo o noso respecto e que será quen determine realmente as causas e as responsabilidades”. Así mesmo, indicou que a garantía de futuro está no cumprimento das normas e das leis, “como neste caso a Lei de Espectáculos Públicos de Galicia xa que o seu cumprimento ofrece garantías aos galegos e aos responsables da celebración de eventos, independentemente do concello no que vivan”.