Solicitude de demanda que debe realizar a Xunta ao goberno de España para que transfira fondos europeos para a súa xestión directa.
Os fondos europeos Next Generation representan unha oportunidade extraordinaria para impulsar a reindustrialización do conxunto do país, favorecendo o investimento, a modernización e a transformación dos sectores estratéxicos cara á nova economía dixital e verde. Neste sentido, resulta imprescindible esixir unha cogobernanza efectiva entre o Goberno e as Comunidades Autónomas co fin de asegurar que estes fondos chegan ao tecido produtivo mediante unha distribución transparente e equitativa.
Cómpre recordar que as Comunidades Autónomas teñen as competencias exclusivas en industria, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica e a política monetaria do Estado, tal e como se recolle no artigo 30.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia. A pesar diso, o Goberno de España decidiu xestionar a totalidade dos fondos que recibe da Unión Europea para fortalecer a industria, principalmente a través dos chamados PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e a Transformación Económica), sen procurar unha coordinación estreita e efectiva coas administracións autonómicas, nin no seu deseño, nin tampouco na súa xestión.
Esta modo de actuar tradúcese nunha baixa eficacia na execución destes fondos unha falta de igualdade de oportunidades. De acordo ás ultimas estimacións relativas aos PERTE, a realidade é que dos preto de 41.000 millóns de euros anunciados polo Goberno cos fondos adicionais previstos na addenda ao Plan de Recuperación, só se convocaron actuacións por algo máis de 12.800 millóns de euros, apenas o 31%, dos que ademais só están adxudicados o 16,5% , é dicir, 6.770 millóns.
Isto sucede ao mesmo tempo que a fábrica de Stellantis en Balaídos, líder en España, continúa esperando por un novo PERTE que ofreza certezas a un sector que supón o
13,7% do emprego industrial de Galicia (24.350 persoas). Un PERTE para o que o
Goberno constituíu un grupo de traballo coa empresa e as Comunidades con fábricas de Stellantis instaladas en España (Aragón, Madrid e Galicia) que a día de hoxe está
inoperativo, mentres que concede axudas directas por 120 millóns de euros a Cataluña
e a Comunidade Valenciana para impulsar o vehículo eléctrico.
Algo similar ocorre co PERTE de descarbonización. O Goberno ten comprometido en Asturias 450 millóns de euros para Arcelor Mittal (450M€), antes incluso de convocalo – como fixo antes con Volkswagen no PERTE VEC – mentres que Alcoa, Ferroglobe e Resonac, entre outras industrias instaladas en Galicia, seguen tamén esperando para poder optar aos fondos europeos.
De feito, a delegación do Parlamento Europeo constatou a dificultade existente para coñecer o destino dos fondos desembolsados a España na visita da semana pasada, así como a necesidade dunha aplicación máis flexible dos mesmos para garantir que chegan á economía de maneira rápida, segura e dando resultados. Declaracións recollida na prensa que poñen de manifesto a necesidade dun cambio de actitude do Goberno coas administracións autonómicas para garantir que a xestión dos fondos aínda pendentes de execución dos PERTE non sexa unha repetición de erros.
Por todo o exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a transferir fondos europeos para a súa xestión directa co obxectivo de garantir a viabilidade dos principais proxectos tractores galegos, ao igual que ten feito con outras Comunidades Autónomas”