O titular da Xunta presidiu hoxe a presentación do libro “Xerardo Fernández Albor, discursos parlamentarios. Primeiro volume da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia”
Feijóo defende o autonomismo integrador de Galicia, un galeguismo que non se define por oposición senón por orgullo de pertenza
- “Non necesitamos contrapoñernos nin enfrontarnos frontalmente a nada nin a ninguén para reafirmar o que somos; non precisamos proclamar o que non somos nin infrinxir normas para sentir a importancia do significado de ser galegos e galegas en Galicia e en España”, asevera
- “Non hai maior desprezo cara a un pobo que empregar o amor á terra como ferramenta para dividir e enfrontar aos cidadáns. Aí nunca estivo Albor, e aí nunca estará Galicia”, di
- Asegura que Galicia “construíu unha autonomía sobre o respecto á lei, á convivencia e, sobre todo, apoiándonos uns galegos noutros. De aí o éxito colectivo do que sentirnos orgullosos como país”
- Ao presidente Fernández Albor, asegura, debémoslle a idea da ‘política paulatina’, posto que a historia demóstranos que “as grandes transformacións acádanse mediante pequenos pasos, e non con accións drásticas ou xestos solemnes”
Santiago, 11 de xaneiro de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe o galeguismo como un autonomismo integrador que busca sumar e non restar, e que non se define por oposición senón por orgullo de pertenza. “Non necesitamos contrapoñernos nin enfrontarnos frontalmente a nada nin a ninguén para reafirmar o que somos; non precisamos proclamar o que non somos nin infrinxir normas para sentir a importancia do significado de ser galegos e galegas na Galicia actual e na España actual”, aseverou.
Así se expresou na presentación do libro “Xerardo Fernández Albor, discursos parlamentarios. Primeiro volume da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia”, onde asegurou que Galicia entende o galeguismo “como nexo de unión entre os galegos, como un sentimento compartido que cohesiona o país”. “Non hai maior desprezo cara a un pobo que empregar o amor á terra como ferramenta para dividir e enfrontar aos cidadáns. Aí nunca estivo Albor, e aí nunca estará Galicia”, apostilou.
Feijóo asegurou que Galicia “construíu unha autonomía sobre o respecto á lei, á convivencia e, sobre todo, apoiándonos uns galegos noutros. De aí o éxito colectivo do que sentirnos orgullosos como país”, dixo. Aos que, porén, a autonomía “lles sabe a pouco, e máis que construír propoñen destruír contra a lei, a convivencia, e dividindo ao pobo, só obterán o contrario: o fracaso”.
Segundo indicou, son valores que se encarnan na figura de Xerardo Fernández Albor, “un home no que os galegos vemos un pai; un pai que soubo representar as mellores virtudes dun pobo, e transformalas en feitos e sentimentos”, dixo. “Galicia contou con el e, grazas a esa feliz circunstancia, o novo marco político será tamén unha continuidade co mellor do noso pasado”.
O titular da Xunta referiuse ao ‘sentidiño’ predicado por Albor que, segundo dixo, “consistía en aplicar esa cultura do entendemento á política práctica”. E, nesta liña, engadiu que “para ser sandadora das doenzas de Galicia, a Autonomía precisaba de dirixentes escoitadores que soubesen atopar os remedios no propio sentimento colectivo”.
A política paulatina
Ao presidente Fernández Albor, agregou, debémoslle a idea da ‘política paulatina’, posto que a historia demóstranos que “as grandes transformacións acádanse mediante pequenos pasos, e non con accións drásticas ou xestos solemnes”. Eses pequenos pasos “transformaron unha Xunta provista de máis ilusións que facultades, nunha Administración moderna ao servizo da cidadanía”. E o máis importante, engadiu, “é que eses pasos curtos pero intensos, decididos e irreversibles, foron dados pola maioría dos galegos”.
Na súa intervención, o titular da Xunta tivo palabras tamén para a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, diputada electa en Cortes, a quen lle recoñeceu que soubo exercer con elegancia a difícil arbitraxe parlamentaria e “transformar as liñas vermellas en grandes símbolos de suma”.