PEDRO PUY ASEGURA QUE O CONCERTO ECONÓMICO “NON É RENDIBLE E SERÍA TREMENDAMENTE PREXUDICIAL” PARA GALICIA
· Estudos realizados sobre a materia afirman que o cupo suporía perdas do 3,8 por cento do PIB para Galicia
· Puy acusou ao BNG de traer ao Parlamento “un debate fiscal contrario ao que se está debatendo no mundo
Santiago, 7 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que o concerto económico para Galicia que propón o BNG “non é rendible e ademais sería tremendamente prexudicial”, xa que suporía perdas de ingresos aproximadas do 3,8 por cento do PIB. Neste sentido, dixo que “fan as contas da vella, porque comparan o que recada o Estado en Galicia co que a Administración central transfire para pagar os servizos que exerce na Comunidade galega, esquecéndose de todos os servizos que o Estado presta aos galegos, como defensa, Seguridade Social ou obras públicas”.
Na súa intervención na sesión plenaria, Puy explicou que o concerto económico supón que unha comunidade autónoma se financie cos impostos que recada e paga á Administración central unha contía como contraprestación polo que a Administración central realiza nesa comunidade. Neste sentido, indicou que este cupo “non depende do nivel de renda das persoas que residen nesa comunidade autónoma e canto máis rica sexa a comunidade maior será a diferenza que se queda, que practicamente non contribúe á solidariedade nin interpersoal nin interterritorial do conxunto do Estado”.
“O sistema actual garante a equidade interpersoal”, asegurou Pedro Puy. Así, tomou como referencia os datos do INE do ano 2013 en Galicia para comparar o 85,89 por cento da renda bruta por habitante co 91,65 por cento da renda dispoñible bruta dos galegos, é dicir, despois de que o Estado cobre os impostos e dea todo tipo de transferencias e subvencións. “Un seis por cento máis de capacidade de gasto, o que supón que funciona o Estado de Benestar que se basea nun sistema fiscal progresivo de carácter estatal, que redistribúe a renda sacándolle menos a quen menos ten e dándolle máis a quen menos ten e máis o precisa”, sinalou.
Ademais, o portavoz popular lembrou que a Seguridade Social se paga coas cotizacións, aínda que na actualidade “se comece a debater en España que para garantir o futuro das pensións se tire das fontes tributarias”. Lembrou que en Galicia hai unha relación entre contribuínte e cotizante á Seguridade Social do 1,25, lonxe da estabilidade do sistema que estaría no 2,5 e da media de España, que está no 2,2, polo que alertou sobre “os 800.000 pensionistas galegos poden ter nalgún momento dependencia do conxunto fiscal de España, que non é un asunto menor”.
FUNCIONANDO DE XEITO AXEITADO
“O sistema de financiamento de réxime común está funcionando de xeito axeitado para Galicia, que recibe por enriba da media española porque é unha comunidade que en termos de riqueza relativa está por baixo da media do conxunto do Estado”, manifestou.
Pedro Puy recordou que nos estudos sobre extrapolación do cupo para Galicia realizados polo profesor Zubiri “falaba de perdas de ingresos arredor do 3,8 por cento do PIB”, polo que “se Galicia renuncia con este cupo a este ingreso está facendo un negocio moi malo”.
Así mesmo, criticou que os nacionalistas apoien que Cataluña vaia a un pacto fiscal semellante ao do cupo, cando “os cálculos feitos polos profesores Leiceaga e Lago Peñas din que o pacto fiscal que propón Cataluña quitaría a Galicia de 570 a 780 millóns de euros ao ano”.
O portavoz popular acusou ao BNG de traer ao Parlamento “un debate fiscal contrario ao que se está debatendo no mundo: máis equidade, máis orzamento europeo con tributos que redistribúan; máis colaboración internacional na loita contra a fraude; estabilidade da economía e controlar con impostos os movementos do capital”.