Santiago, 17 de xaneiro de 2017.- O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparecerá no Pleno da vindeira semana para informar dos acordos acadados na Conferencia de Presidentes que se celebra hoxe en Madrid, segundo se acordou esta mañá na reunión da Xunta de Portavoces. Así mesmo, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que a Comisión de investigación sobre as caixas de aforro galegas constituirase o vindeiro luns co obxectivo de rematar os traballos realizados durante a pasada lexislatura.
Pedro Puy manifestou que o Presidente da Xunta comparecerá na sesión plenaria para informar dos acordos de colaboración “de suma relevancia” entre a Administración central e as comunidades autónomas que no día de hoxe se acaden na Conferencia de Presidentes en ámbitos como o financiamento autonómico, a atención á dependencia, o pacto educativo, a crise demográfica, a participación das comunidades autónomas nos asuntos da Unión Europea ou a mobilidade dos empregados públicos.
Así mesmo, o portavoz popular indicou que o vicepresidente da Xunta dará comezo no Pleno da vindeira semana ás comparecencias de todos os conselleiros para explicar os plans dos seus departamentos durante a presente lexislatura, unha vez que xa interviñeron na Comisión 3ª para dar conta dos orzamentos de cada consellería.
REMATAR OS TRABALLOS
Por outra banda, Puy indicou que o Presidente do Parlamento comunicou aos portavoces que o vindeiro luns, ás 10 horas, procederase á constitución da Comisión de investigación para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforro e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos.
“O que se trata non é de facer unha comisión distinta, nin de facer unha comisión que teña outros obxectivos, senón de rematar os traballos da Comisión de investigación desenvolvidos na pasada lexislatura”, concretou o portavoz popular. Neste sentido, explicou que a comisión de investigación “estivo aberta ata o fin da pasada lexislatura” e como mostra disto lembrou que o Grupo Popular solicitou no seu momento a incorporación da sentenza da Audiencia Nacional a raíz da que os ex directivos entraron onte en prisión.
Puy apuntou, ademais, que “o Presidente da Xunta e o Parlamento solicitamos, cando soubemos a contía desas indemnizacións, que fosen devoltas á Obra Social das antigas caixas”, pero lamentou que “naquel momento o Banco de España non fixo nada”.
“Queremos informar á cidadanía galega do que pasou, cales foron os distintos chanzos que implicaron que as antigas caixas se transformasen nunha entidade bancaria”, concretou Puy, quen asegurou que “se hai responsabilidades políticas ou institucionais constarán no informe, pero non imos converter a comisión nun aproveitamento oportunista dalgunhas circunstancias, como pode ser o cumprimento dunha sentenza”.
AXUDAS FAMILIAS E CONTRATACIÓN INVESTIGADORES
Pedro Puy informou, por outra parte, que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria da vindeira semana dúas proposicións non de lei. A primeira delas ten que ver coa elaboración dun programa de axudas específico para as familias monoparentais, mentres que a segunda solicita á Xunta a regulación do réxime de contratación do persoal investigador laboral da Administración da Comunidade galega.
Así mesmo, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre os datos do último Informe PISA referentes a Galicia, sobre o que está a facer para informar e formar ás persoas consumidoras e usuarias ante as súas preocupacións coa factura da luz; e sobre si a venta das instalacións da Solana e do Hotel Finisterre en A Coruña por parte da Autoridade Portuaria garante a conxugación do uso e aproveitamento público dos terreos portuarios coa viabilidade económica e social do porto.