Santiago, 10 de outubro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe o carácter “especialmente participativo” do Pleno convocado para a vindeira semana, xa que se procederá ao debate de textos lexislativos remitidos polo Goberno galego, o Grupo Popular e a través da iniciativa popular, ao que se sumará tamén unha proposición non de lei de iniciativa popular.
Así mesmo, o PPdeG defenderá na sesión plenaria dúas proposicións non de lei: unha, sobre a cesión ás comunidades autónomas do rendemento do imposto de sucesións e doazóns; e outra, requirindo ao Concello de Vigo que complete a urbanización da contorna do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e habilite as prazas de aparcamento en superficie necesarias.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Pedro Puy informou que no Pleno debaterase para a súa aprobación a proposición de lei do Grupo Popular de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia; así como o proxecto de Lei de portos de Galicia; e a proposición de lei de iniciativa popular sobre corresponsabilidade parental e de relacións familiares no cese da convivencia.
“Non é frecuencia que nunha mesma sesión plenaria se proceda ao debate de iniciativas lexislativas procedentes das tres vías recollidas no regulamento”, sinalou o portavoz popular, quen subliñou que “é unha mostra de que funcionan os mecanismos de participación na vida parlamentaria”.
Así mesmo, anotou que no mesmo Pleno tamén se incluíu unha proposición non de lei de iniciativa popular relativa á inclusión da historia da filosofía como materia troncal na oferta educativa do bacharelato, ao tempo que se insta ao Ministerio de Educación para que propicie no pacto educativo un debate en profundidade sobre a situación da filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia.
IMPOSTO DE SUCESIÓNS E APARCAMENTO CUNQUEIRO
Respecto das iniciativas que defenderá o Grupo Popular, Pedro Puy referiuse en primeiro lugar ás dúas proposicións non de lei. A través da primeira, demándase ao Goberno central a cesión ás comunidades autónomas do rendemento do imposto sobre sucesións e doazóns dos residentes ausentes, de xeito que se produza unha aplicación homoxénea e igualitaria desta norma tanto a contribuíntes residentes como non residentes en cada comunidade.
En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá outra proposición non de lei a través da que se require ao Concello de Vigo que complete a urbanización da contorna do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, habilitando, en condicións de igualdade, as prazas de aparcamento en superficie necesarias para o normal funcionamento desta infraestrutura sanitaria.
Puy considerou que o anuncio feito polo Concello de Vigo de habilitar un aparcamento público gratuíto para os cidadáns vigueses e de pago para os demais usuarios da sanidade pública “é unha decisión arbitraria e mesmo ilegal, ademais de incumprir os compromisos asumidos polo Concello”.
Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as medidas de bonificación do prezo de venda e da adxudicación en dereito de superficie nos concursos de solo empresarial; sobre o incremento de turistas que están a chegar a Galicia; e sobre os novos permisos de explotación marisqueira convocados neste ano 2017.
PREOCUPACIÓN POR CATALUÑA
Por outra banda, cuestionado sobre a situación de Cataluña, Puy recoñeceu que “estamos todos fondamente preocupados”. “En primeiro lugar, porque nesa situación de incerteza se atopan moitas familias galegas residentes en Cataluña ou con vencelos con Galicia; pero tamén polas consecuencias que pode ter unha suba da tensión na estabilidade do sistema político e na continuidade do proceso de crecemento económico”, sinalou.
Neste sentido, apuntou que “os datos e os feitos dan conta de que esta aventura irracional, ilóxica e irresponsable dos independentistas pode causar moito dano aos cataláns e aos españois no seu conxunto”, polo que confiou que “o Estado, a través dos seus poderes executivo, lexislativo e xudicial, sexa capaz de restablecer a normalidade democrática no conxunto de España”.