Santiago, 9 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que priorice os proxectos de infraestruturas do Corredor Atlántico en Galicia, así como a mellora das conexións con Portugal coa construción da Saída Sur de Vigo.
Así mesmo, demándase a mobilización do fondo do período 2021-2027, así como de fondos extraordinarios da UE, para fomentar o desenvolvemento do Corredor Atlántico galego en condicións de igualdade con outros corredores. Tamén se pide a atención á intermodalidade do corredor, mediante a priorización das conexións ferroviarias cos portos da fachada atlántica e coas principais plataformas loxísticas, singularmente coa execución das conexións ferroviarias ao porto de Langosteira en A Coruña.
Por último, se solicita ao Goberno central a presentación do Plan Director do Corredor Ferroviario Atlántico, a dotación de partidas nos orzamentos do Estado e a solicitude de fondos europeos para conectar Galiza Galicia nas mesmas condicións e nos mesmos prazos que os doutros corredores; ademais do inmediato nomeamento, como xa se fixo para o Corredor Mediterráneo, dun Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico, de xeito que se poida axilizar e coordinar a presentación de proxectos susceptibles de financiamento europeo.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, manifestou que, “unha vez que as institucións europeas teñen aceptado a demanda conxunta de Galicia, Asturias e Castela e León para a inclusión do Noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Mercadorías, toca seguir avanzando para lograr que esta inclusión se traduza en investimentos necesarios para lograr unha auténtica modernización ferroviaria que converta a estas tres comunidades en territorios punteiros no transporte de mercadorías e na loxística”.
TRATO SIMILAR PARA O CORREDOR ATLÁNTICO
Porén, dixo que “non se pode entender como, día tras día, se suceden noticias que poñen de manifesto o compromiso firme do Ministerio de Transportes co Corredor Mediterráneo, mentres se desoen e esquecen as demandas reiteradas do Noroeste Peninsular reclamando un trato similar para as infraestruturas do Corredor Atlántico do Noroeste”.
Así, lembrou que os orzamentos do Estado para 2021 non recollen partidas orzamentarias que permitan avanzar na modernización deste eixo ferroviario en igualdade de condicións que o Corredor Mediterráneo. De feito, o investimento previsto que se contempla para o Corredor Atlántico é de 198,9 millóns de euros, mentres que o investimento previsto para o Corredor Mediterráneo alcanza os 388,9 millóns de euros.
“Un trato discriminatorio que vén denunciando o Goberno galego, que lamenta que o Goberno central desaproveitase a oportunidade que supoñen os Presupostos Xerais do Estado de 2021 para demostrar, en efecto, unha aposta decidida polo Corredor Atlántico do Noroeste, como si fai co Mediterráneo”, sinalou Martín Fernández.