Iniciativa sobre a adopción por parte do Goberno galego das medidas oportunas para favorecer os investimentos das industrias lácteas en produtos de maior valor engadido
A relevancia dos sectores produtivos do rural galego é un feito ineludible. Os sectores agroalimentarios, xunto coa cadea forestal, achegan o 6,9% do Produto Interior Bruto (PIB) da economía galega, o 8,4% do emprego e máis de 93.000 postos de traballo.
Neste sentido, o peso que posúe o sector lácteo é incuestionable, tanto a nivel español como mundial. De feito, cunha distribución heteroxénea dentro da nosa comunidade, este sector emprega 200.000 hectáreas da superficie agraria útil (SAU) e evidencia a necesidade de incrementar esta última, aportando o 1,5% do PIB de Galicia e ocupando unha posición privilexiada, ao ser a primeira rexión produtora de España e atoparse entre as primeiras dez de Europa.
Estes datos non deberan caer en saco roto, polo que é imperativo traballar para que as súas condicións melloren ao ritmo de crecemento da capacidade do devandito sector, o cal se traduce en máis de 7.000 explotacións, cunha produción de 2,8 millóns de toneladas en 2019.É en Galicia onde se localizan máis da metade das explotacións lácteas do total nacional, producindo tanto leite como a suma das seguintes catro comunidades españolas con maior produción (Castela e León, Cataluña, Andalucía e Asturias).
Actualmente, en Galicia contamos con 135 empresas dedicadas á industria láctea, aglutinando 1.063 millóns de euros de facturación anual e empregando a case 2.000 traballadores. Na liña das cifras que estamos expondo, isto demostra a potencialidade dun sector tan relevante para a nosa comunidade como é o sector lácteo.
Ademais, ao abeiro do disposto, hai que destacar que o 60% do leite industrializado galego destínase á elaboración de leite líquido, feito que, de xeito implícito, posúe un baixo valor engadido.Ao estes efectos, desde a Xunta de Galicia quedou patente, unha vez máis, o seu compromiso co sector por medio da presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, que vén a reforzar a aposta do Goberno galego por este eido económico primordial para a nosa Comunidade.Non debemos esquecer que, en canto aos prezos medios do leite, na nosa comunidade medraron case un 10% nos últimos seis anos (2015-2019), mentres que no conxunto de España subiron arredor dun 6%.
Incluso no contexto da crise sanitaria derivada da pandemia pola covid-19, a produción de setembro de 2020 incrementouse máis dun 5% respecto a setembro de 2019, ata chegar ás 230.519 toneladas.Isto supón un incremento da rendibilidade dos nosos gandeiros e gandeiras do 7%, ingresando máis de 702 millóns de euros en 2020 –45,3 millóns máis que no mesmo período do pasado ano 2019–.
Neste senso, desde o Grupo Parlamentario Popular de Galicia cremos que é necesaria unha aposta máis transversal e dinámica, se cabe, que lle permita ao sector ser máis ambicioso, asumir producións máis diversas e con maior valor engadido, na liña de incrementar aínda máis esa rendibilidade.
É preciso incidir no mantemento da potencia do sector lácteo a través da industria innovadora, altamente competitiva, con vocación internacional e capacidade de regulación, para o cal o obxectivo debe estar na superación do peso específico tan importante que posúe a produción de leite galego dentro de España –escenario no cal somos líderes indiscutibles–, e avanzar cara unha produción de maior valor engadido, orientada a un mercado con mellores perspectivas de incremento no consumo.
Por tanto, o inxente esforzo de apoio a este sector debera traducirse nun impulso á transformación, en Galicia, de produtos de alto valor engadido que xeren riqueza dentro da nosa Comunidade, focalizando a citada rendibilidade e a sustentabilidade do sector como factores clave e adiantándonos á consideración de futuras convocatorias para a transformación de produtos agrarios naqueles produtos de maior valor engadido.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que adopte as medidas que sexan oportunas para favorecer os investimentos de industrias lácteas en produtos de maior valor engadido”.