Actuacións para dirixirse ao parlamento Europeo e á DG Mare para rexeitar as propostas que leven á limitación ou eliminación do emprego de artes de fondo
Desde a promulgación do Pacto Verde Europeo e co fin do seu desenvolvemento, a normativa da UE sufriu un constante reaxuste para a consecución dos compromisos ambientais internacionais que outorguen á UE o liderado pretendido.
No caso das artes que teñen contacto co fondo mariño materialízanse en varias propostas conexas entre si: a Estratexia da UE para a biodiversidade, o futuro Plan de acción para conservar a pesca, recursos e ecosistemas mariños e o Regulamento
23362016 polo que se establecen condicións específicas aplicables á pesca de poboacións de augas profundas no Atlántico.
Todas estas propostas e normativas xeraron inquedanza do sector pesqueiro tanto galego como europeo. neste sentido, p sector pesqueiro europeo promoveu a constitución da Alianza Europea de Pesca de Fondo (EBFA), que comezou a desenvolver accións para matizar e frear aquelas propostas negativas para o exercicio da pesca nos ámbitos das zonas marítimas protexidas ou daquelas artes que posúen contacto co fondo mariño.
Neste senso, a Xunta de Galicia promoveu a redacción dun estudo específico que forneza de datos reais e dunha base sólida para a toma de decisións no ámbito comunitario. Así, o Estudo do impacto socioeconómico das propostas de limitación das artes de fondo da pesca costeira artesanal de Galicia, foi presentado pola Consellería do Mar o 29 de abril en Bruxelas a distintos representantes da Comisión Europea para servir de base para a análise das propostas comunitarias para limitar a pesca con artes que teñan contacto cos fondos mariños, especialmente no caso da frota costeira artesanal.
En particular, este proceso de revisión desta situación ten unha nova volta de torca que comeza o 9 de novembro de 2021 cando o Parlamento Europeo iniciou o proceso de debate do proxecto de informe “Hacia una economía azul sostenible de la UE: papel de los sectores de la pesca y la acuicultura” (2021/2188(INI)). O 15 de decembro o Parlamento Europeo publica o texto coas 300 emendas rexistradas a dito proxecto de informe tras o seu voto na Compech e o 5 de abril de 2022 o Parlamento Europeo
emite o informe, no que nunha das propostas de resolución avoga pola prohibición, en toda a Unión, do uso da pesca de arrastre de fondo en toda as zonas mariñas protexidas.
Sobre este informe rexistráronse emendas e finalmente o 3 de maio, vótase en plenaria do PE, onde finalmente se propón o freo da prohibición da pesca de arrastre nas áreas mariñas protexidas condicionado esta eliminación á existencia de informes científicos que así o aconsellen.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición no de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Parlamento Europeo, aos Grupos Parlamentarios nel presentes e á DG Mare para amosar o seu rexeitamento ás propostas normativas ou de opinión que leven á minoración ou eliminación de emprego de artes de fondo, entendendo que o seu emprego pode ser respectuoso cos hábitats mariños nos que traballan e sinalando o impacto social e económico que estas medidas propostas poden ter, especialmente sobre a frota costeira artesanal”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-003045