Demanda ao Goberno de España dunha ampliación dos prazos sinalados no Real decreto lei 23/2020 para facilitar o desenvolvemento dos proxectos eólicos viables.
No marco enerxético actual, o impulso ás enerxías renovables converteuse nun asunto prioritario e estratéxico para evitar escenarios de dependencia doutras fontes e para reducir os elevados custos que padecen a cidadanía e a industria do noso país.
En Galicia apostouse sempre por un modelo eólico ordenado, garantista, sustentable e respectuoso co noso territorio, compaxinando medidas de axilidade administrativa co respecto por todas as garantías ambientais, legais e técnicas que as normativa estatal e autonómica ofrecen, tanto para os promotores dos proxectos como para o conxunto da sociedade. De feito, a comunidade galega achegou o 14,8% da xeración renovable do noso pais en 2021, ocupando o segundo lugar tras Castela e León.
Sen embargo, o desenvolvemento da enerxía eólica terrestre viuse condicionada polos prazos establecidos polo Goberno central no Real Decreto-lei 23/2020, do 23 de xuño, que establece a obrigatoriedade de que os promotores acrediten o cumprimento duns determinados fitos administrativos nunhas datas estipuladas nesta norma. Un feito que en Galicia supuxo recibir 144 novas solicitudes de tramitación de parques eólicos nun breve prazo de tempo, que suman un total de 4.095,30 MW, o que equivalería a case duplicar a potencia actual instalada.
O temor dos promotores a perder os permisos de acceso e conexión que dispoñían derivou na presentación dun gran número de proxectos sen o grao de detalle e estudo que este tipo de actuacións requiren, xerando unha gran alarma social e o rexeitamento dunha tecnoloxía sobre a que ata ese momento dispoñía dun consenso maioritario.
Esta esixencia imposta desde o Ministerio provoca que na actualidade 125 proxectos eólicos, cunha potencia instalada de 3.522,14 MW, corran o risco de perder os seus permisos de acceso e conexión se non obteñen a Declaración de Impacto Ambiental antes do 24 de xaneiro de 2023, a pesar dos esforzos realizados pola Administración Autonómica para abordar a tramitación destes proxectos en tempo e forma (importante reforzo de persoal nos centros directivos implicados e adopción de medidas lexislativas que simplifican os procedementos mantendo todas as garantías ambientais).
Algúns destes parques están vinculados a contratos de compravenda de enerxía con industrias galegas e que son necesarios para garantir a súa competitividade, como é o caso de Alcoa (San Cibrao), Sentury (As Pontes) ou Showa Denko (A Coruña), entre outras. Polo tanto, resulta imprescindible que o Goberno central – a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico -, promova unha nova ampliación dos prazos sinalados na Real Decreto-lei 23/2020 que permita saír adiante aqueles proxectos ben deseñados, traballados e positivos para Galicia poidan saír adiante.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España a unha ampliación dos prazos sinalados na Real Decreto-lei 23/2020 para facilitar o desenvolvemento dos proxectos eólicos viables que proporcionen oportunidades para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas e a competitividade da industria galega.”