5 de abril de 2023. O vicesecretario de Organización do PP destacou hoxe, en declaracións aos medios tras unha xuntanza de traballo en Samos con candidatos da comarca de Sarria, que a Deputación de Lugo necesita un cambio “tras anos de sectarismo”, resaltando o importante papel dos populares no partido xudicial de Sarria para logralo: “É necesario un goberno de todos e para todos, que non mire a cor política de cada concello, senón que cubras as necesidades dos veciños”.
Sobre a candidatura de Miguel Gallego, Miguel Tellado recoñece nela “un proxecto de futuro para un Samos mellor, que siga avanzando pese ao abandono ao que foi sometido ao longo dos últimos anos por parte da Deputación de Lugo”.
Afirmou que cada vez hai máis socialistas que non se identifican co PSOE de Sánchez, que converteu esta formación nun “partido sanchista” no que “aqueles que se atreven a alzar a voz son purgados”; como lle sucedeu ao expresidente da Comunidade de Madrid, Joaquín Leguina.
“Eses socialistas que non se senten identificados co sanchismo miran ao PP na busca dun partido que pretende ser alternativa de goberno en España e tamén en Samos”, engadiu .
O vicesecretario de Organización do PP asegurou que “en España xa non hai un Goberno de coalición, senón de colisión”, explicando que o Executivo está formado agora por tres socios: o PSOE, Podemos e aqueles que se foron do partido morado á formación de Yolanda Díaz.
“Sumar consistiu en dividir Podemos e un Goberno que hoxe é máis fráxil e débil que fai semanas”, explicou ao tempo que lamentaba que, mentres Díaz “monta un partido á súa imaxe e semellanza”, en España seguen saíndo á rúa cada vez máis agresores sexuais pola incompetencia de todo o Executivo central.
Tellado criticou que o PSOE retrasase no Congreso o trámite de emendas á modificación da Lei do só si é si: “A reforma é necesaria e ten que facerse xa. Este Goberno fracasou, pero cómelle a soberbia e a prepotencia”.
Aseverou que 2023 será “o ano do cambio” e que este só pode vir da man do PP e de Alberto Núñez Feijóo, recalcando que as eleccións municipais e autonómicas serán antesala dos comicios xerais que permitirán aos populares “dar os gobernos serios e solventes que precisan os cidadáns”.
PAULA PRADO: “O RURAL HAI QUE VIVILO E SENTILO”
A secretaria xeral do PPdeG aspira a que o proxecto da formación se traslade a toda a comarca de Sarria, poñendo en valor aos candidatos que xa están á fronte de alcaldías “consolidadas” e ás que “moi pronto se sumarán” a este grupo.
Poñendo en valor a Miguel Gallego como “referente da xente nova que se implica na política”, Paula Prado asegurou que o candidato de Samos “vive e traballa por e para o seu concello”.
“Se o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é porque defendemos o rural. Porque o rural non é algo que se ve desde os despachos de Madrid, senón que hai que vivilo e sentilo como fan Miguel e todos os nosos alcaldes e candidatos da comarca de Sarria”.
A número dous dos populares galegos reivindicou a “seriedade, solvencia e rigor” das políticas da súa formación e a apelou a que estas se fagan extensivas a toda a provincia de Lugo e aos 313 concellos galegos o vindeiro 28 de maio.
MIGUEL GALLEGO: “VEÑO TRABALLAR POLOS VECIÑOS DE SAMOS”
O candidato popular á alcaldía de Samos recoñeceu o positivo da súa candidatura en termos de visibilidade e promoción do Camiño Francés que transcorre por Samos.
“Eu veño traballar polos veciños de Samos, non a facer conto”, remarcou Gallego sobre o seu proxecto ao tempo que poñía en valor ter un “moi bo equipo de traballo”.
“Quero seguir unha liña de traballo para todos por igual e poder representar ao meu pobo como alcalde”, asegurou.
Xunto ao candidato de Samos, participaron tamén nesta xornada de traballo o resto de candidatos e candidatas da comarca: Héctor Corujo (O Incio), José Manuel Mato (Paradela), José Luis López (O Páramo), Carmen José López (Sarria), Olga Iglesias (Triacastela) e Olga Capón (Láncara).