Iniciativa sobre a demanda que debe facer a Xunta de Galicia ao goberno de España para tratar as necesidades específicas do Corredor Atlántico Noroeste co comisario do Corredor Atlántico e as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León.
As Comunidades do noroeste peninsular -Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e Euskadi- unen forzas para reivindicar conxuntamente como infraestrutura prioritaria o corredor atlántico noroeste de mercadorías. Trátase de impulsar o conxunto de liñas ferroviarias chamadas a conectar os principais portos atlánticos e outros nodos estratéxicos desta área coas rexións do interior de España, Portugal e, sobre todo, co resto de Europa.
A día de hoxe o transporte de mercadorías por ferrocarril non chega ao 4%, a cuarta parte da media europea, que move case o 17% do total das súas mercadorías por este medio. A execución dos investimentos necesarios no noroeste peninsular permitiría triplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril a partir do ano 2040, pasando deste xeito a mover mais de vinte millóns de toneladas, unha cifra estimada moi superior a dos 7 millóns actuais.
A alianza das comunidades do noroeste xa acadou o primeiro resultado práctico coa constitución o pasado 27 de xaneiro, por parte do Goberno de España, do Comisionado para o Corredor Atlántico coincidindo coa celebración en Santiago de Compostela do Encontro do Corredor Noroeste, no que participaron os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León. Con todo, este comisionado non se activou ata mes e medio despois, e con cinco anos de retraso con respecto ao Comisionado do Corredor Mediterráneo, que acada un nivel de desenvolvemento moi superior.
Cómpre agora traballar no deseño e impulso definitivo do Plan Director para o desenvolvemento desta infraestrutura chamada a transformar a nosa rede ferroviaria de mercadorías e que, de cumprise os prazos, debera presentarse o vindeiro mes de outubro. Con todo, as primeiras informacións que se coñecen sobre os plans que manexa o Goberno de España son decepcionantes, tanto pola pouca ambición que
contén, como polas ausencias flagrantes e polo insuficiente investimento que se
baralla.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que:
1.- Convoque de maneira urxente unha xuntanza co Comisario do Corredor Atlántico e as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León, para tratar as necesidades específicas do corredor atlántico noroeste.
2.- Incorpore no Plan Director o investimento de 8.000 millóns de euros adicionais co obxecto de financiar as actuacións que Galicia, Asturias e Castela e León teñen identificadas como prioritarias.
3.- Solicite a inclusión na rede transeuropea ferroviaria de mercadorías (TEN-T) o denominado trazado norte: liña Ferrol-A Coruña-Betanzos-Lugo-Monforte-León, coa correspondente dotación orzamentaria que permita a súa completa electrificación.
4.- Garanta condicións de igualdade -de oportunidades, investimentos e de avances- entre o corredor atlántico de mercadorías e o corredor mediterráneo”.