O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, a través da que se garante que calquera proxecto que se desenvolva relacionado coa produción de enerxía redunde en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación, sen mermar nin unha soa garantía ambiental para calquera proxecto que se instale na Comunidade galega. “Vostedes queren eólica sen muíños, minería sen minas, industria sen factorías, turismo sen turistas, emprego sen empresas, e queren a colleita pero non están dispostos a traballar a terra”, criticou o portavoz popular, Alberto Pazos, dirixíndose aos grupos da oposición.
Pazos manifestou que, “por primeira vez na historia, Galicia afronta un proceso de transformación industrial desde unha posición de privilexio, derivada dunha vantaxe incuestionable da que non puidemos gozar en anteriores ocasións: a nosa capacidade de producir, subministrar e aproveitar as enerxías renovables”. “Galicia non dispuxo no pasado de grandes xacementos de carbón ou de petróleo, pero si dispón dunha enorme capacidade para xerar enerxías verdes, ata o punto de poder converternos nunha auténtica potencia na obtención destes recursos, se somos quen de superar as dificultades que estamos a padecer nestes momentos”, indicou, para incidir que “desaproveitar esa circunstancia constituiría un exercicio de irresponsabilidade”.
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que esta lei “recibiu importantes achegas por parte da sociedade civil, que se materializaron en 67 alegacións incorporadas ao seu articulado, ás que engadimos outras 9 emendas incorporadas durante a tramitación parlamantaria: 7 delas de xeito directo e outras dúas logo de transaccións co BNG e o PSdeG”.
Alberto Pazos asegurou que a nova Lei compre os dos requisitos fundamentais que motivaron a súa creación. “En primeiro lugar, garante que calquera proxecto que se desenvolva en Galicia relacionado coa produción de enerxía a partir de fontes renovables, coa concesión de augas, ou coa concesión de dereitos de explotación mineiros, redundará en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación”, sinalou.
Neste sentido, concretou que “falamos de beneficios de carácter ambiental, que amosen un impacto directo na economía local, relacionados coa creación de emprego e coa participación de investidores locais nos propios proxectos, que supoñan un novo pulo para a investigación, e, como non, un beneficio tan palpable como a redución de custos enerxéticos para os consumidores locais”.
MÁXIMAS ESIXENCIAS AMBIENTAIS
Un segundo obxectivo é garantir que todos e cada un dos proxectos que se desenvolvan ao amparo desta normativa continuará estando sometido ás máximas esixencias ambientais. Deste xeito, Pazos asegurou que esta lei “non merma nin unha soa garantía ambiental para calquera proxecto que se instale en Galicia” e apuntou que isto “é unha realidade incuestionable e confirmada tanto por BNG como PSdeG, xa que nin unha soa das súas emendas estaba dirixida a reforzar as garantías ambientais”.
Para rematar, o portavoz popular lembrou que “non existen solucións máxicas, non existe ningunha fonte de enerxía que non implique algún tipo de custe ambiental, nin existe unha industria perfecta que non supoña ningún tipo de impacto na súa contorna”. “Unha cousa é traballar na procura do necesario equilibrio entre progreso e conservación, e outra moi distinta pretender asumir a imposible entelequia de que é posible un desenvolvemento industrial compatible co inmobilismo absoluto”, afirmou.
E, dirixíndose aos deputados do BNG e do PSdeG, criticou que “a Galicia que vostedes defenden á unha entelequia carente de todo fundamento: esixen o desenvolvemento eólico de Galicia, ao tempo que tentan bloquear calquera instalación eólica; afirman apostar firmemente polo hidróxeno verde, pero bloquean os proxectos eólicos imprescindibles para a súa implantación; e prometen un plan para a reindustrialización de Galicia, pero se opoñen a todos e cada un dos proxectos industriais que pretenden implantarse nesta terra galega”.