Manuel Ángel Fernández Movilla (Baños de Molgas, 1992) foi elixido presidente do Partido Popular de Baños de Molgas no congreso celebrado hoxe por esta agrupación local, conclave que clausuraron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP, Luis Menor, acompañados pola secretaria xeral do PPdeOU, Sandra Quintas.
Paula Prado e Luis Menor puxeron en valor que o liderado de Manuel Fernández, aos seus 32 anos, demostra que o Partido Popular “aposta pola mocidade con feitos e non só con slogans”, fronte a un socialismo que “compra aos mozos con promesas pero non lles ofrece nada” e fronte a un independentismo galego que “non pode ofrecerlles máis futuro que unha utopía”.
Nese sentido, a secretaria xeral do PPdeG salientou o feito de que Manuel sexa o alcalde popular máis novo da provincia de Ourense e o terceiro en Galicia: “Demostra que a mocidade tamén se implica na política, no rural e, sobre todo, en querer mudar o rumbo dos seus concellos”
“O PP ten un equipo que non só é pasado e presente, senón que tamén é futuro. Manu, ao igual que o resto das nosas Novas Xeracións, demostra que a xuventude tamén é sinónimo de estabilidade, de solvencia e de experiencia”, subliñou.
Así mesmo, Paula Prado falou da “madurez” de Manuel Fernández e a “experiencia e coñecemento do seu concello” que xa tiña antes das eleccións, o que o levou, dixo, a conseguir a alcaldía.
LUIS MENOR SUBLIÑA O TRABALLO DO PP DE BAÑOS DE MOLGAS NA VITORIA DAS EUROPEAS
Luis Menor felicitou ao novo presidente da agrupación local, que nas pasadas municipais arrebatou a alcaldía ao BNG na súa primeira cita electoral como cabeza de lista popular, advertindo que ten ante si o reto de revalidar a maioría absoluta e demostrar que a vitoria de hai dous anos “non foi unha casualidade, senón que soubeches escoitar á túa veciñanza e canalizar o seu descontento”.
Por outra banda, o aniversario da vitoria das eleccións europeas de 2024, Menor afirmou que o apoio das direccións do PP provincial e galega no congreso son “unha forma de devolver e agradecer todo ese apoio que nos destes hai un ano”.
Lembrou o presidente provincial que Manuel Fernández e o PP de Baños de Molgas foron quen de darlle a volta aos resultados das europeas de 2019, cando gañaron os nacionalistas, obtendo o pasado ano máis de 41 puntos de vantaxe sobre o BNG. “A mellor maneira de axudar a que Ourense fose a primeira provincia de Galicia e de toda España en apoio electoral, cun 51,4 % dos votos. O rigor, a honestidade e a estabilidade sempre triunfan por riba do desgoberno e da corrupción política e moral”, remarcou.
MANUEL FERNÁNDEZ: “O COMPROMISO QUE ASUMÍN COMO ALCALDE QUERO TRASLADALO AGORA AO PARTIDO
Manuel Fernández expresou o seu agradecemento á militancia de Baños de Molgas polo apoio recibido, e aos simpatizantes do partido por compartir o inicio dunha nova etapa no PP, sinalando que “o compromiso que asumín como alcalde quero trasladalo agora ao partido, para conseguir un PP forte e unido, aberto a toda persoa que queira traballar para mellorar o noso municipio”. O presidente da agrupación local destacou tamén que desexa contar con todas as que xa formaron parte do PP local nalgún outro momento.
Trátase, dixo, de que o PP de Baños de Molgas axude a conseguir máis vitorias electorais como as municipais e as europeas”, co foco sempre posto no municipio e na veciñanza.