O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que solicita ao Goberno central que inicie a negociación do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, ao tempo que convoque a Conferencia Sectorial de Vivenda, que leva desde o mes de outubro sen reunirse, como foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade.
A iniciativa tamén incorpora a solicitude ao Goberno de España para que aumente o orzamento destinado ao Plan Estatal de Vivenda para Galicia en, cando menos, os 380 millóns de euros propostos na Conferencia de Presidentes, asumindo a Xunta a súa parte de cofinanciamento.
A portavoz popular de Vivenda, María Deza, manifestou que “a falta de información respecto do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 pon en risco as necesarias actuacións que, no seu caso, deben levar a cabo as comunidades autónomas”, polo que afirmou que “ten todo o sentido reiterar a petición de información detallada sobre os diferentes aspectos do futuro plan de vivenda, que a Xunta aceptaría cofinanciar nun 40 por cento, tal e como propón o Goberno de España”.
PROPOSTAS REMITIDAS AO GOBERNO CENTRAL
“Diante desta situación, a Xunta non permanece de mans cruzadas e xa remitiu ao Goberno central as súas propostas para o novo plan estatal, entre as que figuran a demanda dun marco común e flexible; financiamento acorde co esforzo inversor de cada comunidade; cofinanciamento de vivendas de promoción pública en réxime de venda ou alugueiro; axudas á rehabilitación e conservación, á accesibilidade e á mellora da eficiencia enerxética; subvencións para vivenda protexida, para promotores e cooperativistas, tanto en alugueiro como en ventas; mobilización de vivendas baleiras; cesión gratuíta de vivendas e solos da Sareb; ou a revisión da Lei polo dereito á vivenda e da normativa fiscal”, concretou.
María Deza lamentou que as consecuencias da normativa intervencionista implantada polo Goberno de Pedro Sánchez en materia de vivenda están a provocar que unha escalada de prezos, que se traduce nunha suba do 12,7 por cento interanual no prezo da vivenda libre no segundo trimestre de 2025; un déficit acumulado de 515.000 vivendas en catro anos; o descenso da oferta de vivenda en alugueiro de longa estancia nun 36,3 por cento en 2024, mentres a demanda se incrementaba un 26,28 por cento; a redución de máis de 120.000 vivendas comercializadas en dous anos; ou a suba dos prezos dos alugueiros máis do 26 por cento, superando por primeira vez os 1.000 euros de media. “Sen esquecernos das 183.000 vivendas públicas prometidas por Pedro Sánchez, das que a finais de 2024 soamente acadou o 5 por cento do prometido”, incidiu.
“Pola contra, o Goberno galego triplicou neste exercicio o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial ata os 126 millóns de euros; puxo en marcha máis de 2.800 novas vivendas públicas, co obxectivo marcado de duplicar o parque ata as 8.000 ao remate da presente lexislatura; adquiriu e rehabilitou máis de 90 inmobles; e creou a Sociedade Pública de Vivenda para promover a construír vivendas de promoción pública, co reto de construír 2.350 vivendas de promoción pública ata 2028”, salientou a portavoz popular.