O Partido Popular logrou hoxe o respaldo da Comisión de Traballo e Economía Social do Senado a unha moción na que se esixe ao Goberno de Pedro Sánchez que incorpore ás comunidades autónomas ao proceso de reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais e respecte as súas competencias en materia de execución da lexislación laboral e promoción da seguridade e saúde no traballo.
A iniciativa, defendida polo senador lucense José Manuel Balseiro, pon de manifesto a falta de vontade de diálogo e consenso do Executivo, que decidiu impulsar a modificación dunha norma básica para traballadores e empresas sen contar coas administracións autonómicas, malia seren as responsables de aplicar e desenvolver boa parte das políticas de prevención sobre o terreo. Así, aprobouse grazas a votación favorable do PP (con 16 votos a favor) e pese aos votos en contra do PSOE e a abstención do PNV.
Durante a súa intervención, Balseiro deixou claro que o Partido Popular comparte a necesidade de actualizar unha lei aprobada hai tres décadas para adaptala aos novos riscos e realidades laborais, pero advertiu de que ningunha reforma desta envergadura pode construírse de costas a quen ten que facela funcionar.
“O problema non é a reforma. O problema é a forma de facer política do Goberno de Pedro Sánchez, que segue crendo que pode lexislar só, sen procurar acordos e sen escoitar a quen ten competencias directas na materia”, afirmou.
O senador popular denunciou que as comunidades autónomas foron excluídas da mesa onde se deseñou e negociou o contido da reforma e lembrou que a súa única participación se limitou a un documento conxunto consensuado polas dezasete autonomías ao que o Goberno nin sequera respondeu formalmente.
“Pídeselles que apliquen unha reforma que non puideron axudar a construír. Iso non é cogobernanza. Iso é imposición”, sinalou.
Balseiro acusou ademais ao Executivo de utilizar o diálogo social como coartada para ocultar a ausencia de consenso institucional.
“Escoitar a sindicatos e empresarios é diálogo social. Escoitar tamén ás comunidades autónomas é respecto institucional. O primeiro fixérono; o segundo, non”, afirmou.
O Partido Popular considera especialmente grave que o Goberno pretenda impor novas obrigas e estruturas no ámbito da prevención de riscos laborais sen contar previamente coas comunidades autónomas, que son as que desenvolven as funcións de asesoramento, vixilancia, promoción e control nesta materia.
Así mesmo, lembrou que todas as comunidades autónomas, entre elas Galicia, reclamaron publicamente unha participación real no proceso de reforma, alertando da falta de transparencia, da ausencia de mecanismos de cogobernanza e de posibles invasións de competencias.
Para o PP, a aprobación desta moción supón unha clara mensaxe política ao Goberno: a seguridade e a saúde dos traballadores esixen reformas útiles, consensuadas e construídas desde o respecto institucional, non decisións unilaterais tomadas desde un despacho ministerial.
“O Goberno pode ignorar ás comunidades autónomas durante a tramitación dunha lei; o que non pode facer é pretender que a lei funcione despois sen contar con elas”, concluíu Balseiro.
A moción aprobada insta ao Executivo a rectificar de maneira inmediata e incorporar ás comunidades autónomas desde a fase inicial dos traballos de reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais, garantindo unha participación efectiva e o pleno respecto ao marco de competencias recoñecido na Constitución e nos estatutos de autonomía.