O eurodeputado popular Francisco Millán Mon participou hoxe en varios encontros de traballo no municipio coruñés de Monfero, onde defendeu ao PPdeG como “o partido do rural”, destacando o seu compromiso co sector primario desde Bruxelas, como membro da Comisión de Pesca e da Comisión de Asuntos Exteriores, poñendo o foco en “garantir a seguridade alimentaria da Unión Europea”. Tamén subliñou a importancia da conservación do patrimonio histórico, cun percorrido polos mosteiros da zona.
O eurodeputado participou nunha comida de traballo con portavoces e alcaldes da comarca na que exerceu como anfitrioa a portavoz do PP de Monfero, Belén Salido. No encontro tamén participaron os alcaldes de Cabanas, Fernando Couce; de Aranga, Alberto Platas; de Vilarmaior, Carlos Vázquez, e de Irixoa, Antonio Deibe, así como a portavoz do PP das Pontes, María Dopico, e o presidente da xestora do PP da Capela, Enrique Corbeira.
Todos eles compartiron con Millán Mon as preocupacións e as prioridades dos seus respectivos municipios, coa mirada posta nas próximas eleccións municipais. Neste sentido, o eurodeputado popular insistiu no compromiso do partido coas preocupacións destas localidades, especialmente na aposta polo rural. “O PPdeG sempre defendeu á xente do campo e así o seguirá facendo”, lembrou.
ACHEGANDO O PARLAMENTO EUROPEO AOS ESTUDANTES
Millán Mon asistiu ao Colexio Público Integrado de Monfero, onde ofreceu unha charla a estudantes de 3º e 4º de ESO sobre as Institucións Europeas e o seu funcionamento, así como o labor do día a día dun eurodeputado galego en Bruxelas, cando se conmemoran os 40 anos da adhesión de España ás Comunidades Europeas. Neste contexto, subliñou a conveniencia de que nos centros escolares se poida impartir unha materia, de carácter optativo, dedicada á Unión Europea. “Os mozos poderían adquirir un mellor coñecemento do proceso de construción europeo, tan importante para España e, en especial, para Galicia”, sinalou.
VISITA AOS MOSTEIROS DA ZONA
Tamén se desprazou ata o Mosteiro de Santa María de Monfero, xunto con Belén Salido e outros integrantes do PP de Monfero. Como presidente do Intergrupo “Patrimonio Cultural Europeo, Camiños de Santiago e outros Roteiros Culturais Europeos” na Eurocámara remarcou a importancia do patrimonio histórico de Galicia e a súa transcendencia, “non só a nivel artístico, senón tamén turístico e económico”. Así mesmo, destacou a riqueza do legado arquitectónico vinculado á influente presenza das ordes relixiosas en Galicia. “Todos debemos coidar este rico patrimonio”, dixo.
O eurodeputado sinalou que, no marco do fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), se poden utilizar recursos para a preservación e restauración do patrimonio cultural. “Non esquezamos que o Patrimonio Cultural Europeo contribuíu de xeito salientable á creación dunha identidade europea común”, afirmou. “Confío en que o novo Marco Financeiro Plurianual 2028‑2034 manteña estas vías de financiamento. Estudaremos a posibilidade de presentar enmendas nesta liña”, engadiu.
Pola súa banda, a portavoz do PP de Monfero agradeceu o apoio de Millán Mon para poñer en valor o patrimonio do seu municipio e reiterou o seu firme compromiso co desenvolvemento deste concello. “Se o ano que vén chego á alcaldía, a rehabilitación do mosteiro será unha prioridade, non só polo seu valor sentimental para Monfero, senón porque reclamarei con determinación os fondos europeos necesarios para impulsar o turismo e a economía local”, sinalou.
No marco da súa visita a Monfero, o eurodeputado do PPdeG tamén se desprazou ata o Mosteiro de Santo Xoán de Caaveiro, en pleno corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, onde incidiu no atractivo turístico desta zona, próxima ao Camiño Inglés. Lembrou que esta ruta xacobea acolle cada ano a máis peregrinos: o pasado ano superou os 30.000, marcando unha cifra récord na véspera do Ano Santo.