“É absolutamente inaceptable que, en pleno ano 2026, centos de fogares carezan de acceso á fibra óptica e ás conexións de alta velocidade”, así o denunciaron os deputados do Grupo Popular, nunha visita á comarca de Condado-Paradanta.
Os parlamentarios autonómicos, Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo, advertiron de que esta problemática está a afectar, tanto a concellos do rural como a núcleos próximos ás grandes áreas urbanas, dificultando “cuestións tan básicas como o teletraballo, a educación dixital, a competitividade empresarial, o acceso á administración electrónica ou, tamén, a fixación de poboación no territorio”. Neste senso, urxiron ao Goberno central a que, de forma urxente, actúe tome medidas para corrixir esta situación, xa que, tal e como sinalaron, as competencias en materia de telecomunicacións e despregamento de redes corresponden en exclusiva ao Goberno central.
E fixeron fincapé na “capacidade de financiamento sen precedentes” dos que dispón a Administración central, grazas aos fondos europeos vinculados ao Programa UNICO, cunha dotación superior aos 4.300M€: “Nunca antes houbo tantos recursos económicos para mellorar a conectividade no rural e, sen embargo, seguimos atopando fogares e empresas que continúan sen acceso á fibra, un servizo básico no século XXI”.
Durante a vista, na que estiveron acompañados do alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, as voceiras de Mondariz-Balneario, Marisa Domínguez, e da Cañiza, Pilar Vicente, e a concelleira de Covelo, Lourdes Enes; recordaron que esta non é unha situación illada desta comarca, senón que zonas das provincias da Coruña, Lugo e Ourense atópanse nunha situación similar: “Non é problema puntual, senón estrutural, que afecta a unha boa parte do territorio galego”.
Á visita tamén asistiron os deputados autonómicos, Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez, a deputada nacional, Irene Garrido, e a senadora Nidia Arévalo.
INICIATIVAS NO PARLAMENTO, CONGRESO E SENADO
Os representantes populares anunciaron, ademais, que continuarán impulsando iniciativas no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados e no Senado para esixir ao Executivo central que resolva estas deficiencias de conexión.
Neste sentido, lembraron que a Cámara galega aprobou por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, na que se instaba ao Goberno central a exercer as súas competencias e a resolver as carencias existentes, tanto no rural como nas entidades próximas ás cidades. A iniciativa aprobada tamén ofrecía a colaboración da Xunta de Galicia, a través da Amtega, para asesorar e colaborar tecnicamente no despregamento das infraestruturas necesarias.
Fronte ao Goberno de Pedro Sánchez, totalmente ausente nesta cuestión, a Xunta leva máis de 15 anos traballando para avanzar na mellora da modernización tecnolóxica de Galicia. Grazas aos sucesivos plans de banda larga, estendeuse ADSL en centos de núcleos, levouse cobertura móbil a miles de entidades e ampliouse a fibra óptica a centos de zonas do territorio galego.
Así, os deputados populares puxeron en valor o labor desenvolvido a través da Oficina do Plan de Banda Larga e da Oficina de Asesoramento a Concellos, que prestan apoio técnico e asesoramento ás entidades locais galegas para facilitar o despregamento das redes de telecomunicacións. “Non podemos permitir que haxa galegos de primeira e de segunda dependendo do lugar no que viven. A conectividade é hoxe igualdade de oportunidades, cohesión territorial e futuro para o rural”, concluíron.