O PP da provincia de Lugo comparte “o malestar de veciños, viaxeiros e transportistas” ante os atascos na N-VI ao seu paso polos municipios da Montaña debido ao tráfico desviado da autovía A-6 en sentido Madrid con motivo das obras de mellora da vía de alta capacidade.
O senador José Manuel Balseiro, a deputada nacional Cristina Abades, o alcalde de Baralla, Miguel González, o alcalde das Nogais, Jesús Núñez e o portavoz do PP de Becerreá, José Fernández Carrete, comprobaron en Becerreá o incremento exponencial do volume de tráfico que está a rexistrar a N-VI e que sofre importantes retencións, como xa sucedeu esta pasada fin de semana en plena operación saída e retorno. Este mesmo domingo producíase un accidente cun camión preto do Cereixal, preto da saída cara á N-VI.
Os populares coinciden en asegurar que “non criticamos o que se fai porque, de feito, levamos moito tempo reclamando obras de mellora do firme da A-6 na provincia; senón que criticamos o como, as formas: a falta de organización e, sobre todo, a falta de comunicación do Goberno de Sánchez cos Concellos”.
O senador lucense subliña “as grandes retencións que supuxeron atrasos de entre unha hora ou hora e media con respecto ao habitual” nun traxecto de 50 km. Así mesmo, defende que “o normal sería a renovación do asfalto da A-6 por tramos máis curtos” de forma que “se abrira ao tráfico ao rematar a intervención e se pechara o seguinte para executar as actuacións” e non “derivar todo o tráfico da autovía durante tantos quilómetros pola estrada nacional e o centro das vilas de Baralla, Becerreá, As Nogais e Pedrafita”.
O rexedor das Nogais definiu como “disparate” a organización destes desvíos e explicou que “se chegaron a empregar vías municipais como desvío provisional sen ningún tipo de comunicación”. Tamén incidiu nos prexuízos aos profesionais do transporte que “levan practicamente un mes perdendo entre unha hora ou hora e media nas viaxes cara á Meseta” e cre que “esta situación se puido evitar desdobrando o tráfico na autovía”.
O alcalde de Baralla considera “unha grave falta de respecto, non só institucional senón directamente aos veciños” que o Ministerio non comunicara aos representantes municipais o desvío do tráfico polo centro das vilas. “De ter avisado poderíanse ter estudado con previsión a implantación de medidas para garantir a seguridade cidadá”.
González amosouse especialmente crítico coa falta de comunicación: “nin unha chamada ao principio, nin durante, nin ao final”. E explicou que “o mínimo é avisar”, especialmente tendo en conta que “nestas datas o habitual é que os Concellos acollan eventos ou actividades nas proximidades da estrada nacional que se deben ter en conta á hora de poñer en marcha un dispositivo de tráfico”.
Carrete asegurou que “estamos a favor de que se fan as obras que vimos reclamando; pero, evidentemente, ten que haber planificación” de cara á “causar os mínimos problemas” aos veciños e veciñas.
EXPLICACIÓNS DENDE O CONGRESO E O SENADO
Os representantes do PP no Congreso e no Senado esixirán explicacións ao Goberno de Sánchez ante o que consideran “mala execución do plan de mobilidade con motivo das obras de rehabilitación do firme da A-6”.
É máis, os populares explicaron que “o Ministerio tiña previsto afeccións ao tráfico por fases que supoñían cortes ao tráfico en tramos máis curtos, como consta nunha información publicada na súa web a comezos de xullo. Pero cortou o tráfico no seu momento dende O Corgo ata Pedrafita; é dicir, 50 km discorrendo o tráfico polo centro de varias localidades da Montaña”.
Os senadores xa tiñan pedido que o Ministerio de Transportes explicara as medidas concretas para evitar ou reducir os atascos mentres continúen as obras para garantir unha xestión do tráfico compatible coa seguridade viaria e coa mobilidade dos usuarios, pero “continúa ignorando aos Concellos da provincia de Lugo”.
Os populares insisten en reclamar que o Goberno de España revise o dispositivo previsto mentres duren os traballos para evitar novos prexuízos aos veciños da comarca e aos milleiros de condutores que atravesan a provincia de Lugo.