O PPdeG pon en valor o apoio do Goberno galego ao sector marisqueiro, cun plan de choque dotado con case 23 millóns de euros para a rexeneración dos areais e o sostemento económico das familias do mar, e así reverter os efectos dos temporais do inicio do ano nos bancos marisqueiros. Un apoio que contrasta “coa hipocrisía do BNG”, lamentan os populares, recordando que os nacionalistas demandan en Europa medidas cando, hai dous meses, presumían de ter acadado un acordo co Goberno central para que os profesionais quedaran exentos do pago das cotas á Seguridade Social.
A realidade é que, despois de comprometerse hai case cinco meses a aplicar esta exención, dada a imposibilidade dos mariscadores e mariscadoras de levar a cabo a súa actividade a causa dos devanditos temporais, coa conseguinte mortandade dos bivalvos, o Executivo de Pedro Sánchez continúa sen cumprir a súa palabra. Un agravio comparativo respecto a outros sectores que contan con mecanismos de protección antes causas de parálise de actividade.
O desleixo do Goberno central contrasta coa folla de ruta deseñada polo Goberno galego, que inclúe un plan de choque dotado con 22,7 M€. Articúlase en tres grandes eixos: 19,2 M€ destinados á sinatura de convenios de colaboración coas confrarías de pescadores; 1,5 M€ para o reforzo poboacional achegando semente de bivalvos; e 2 M€ para proxectos de conservación e restauración da biodiversidade.
A meirande dotación do plan baséase na sinatura de convenios directos coas confrarías, que permiten ás entidades titulares compensar economicamente ás persoas mariscadoras que participen nas tarefas de recuperación. A remuneración acada os 700 euros no caso daquelas que completen o máximo de días de traballo ao mes. Ademais, tamén se contemplan apoios para as entidades pola súa labor de organización, seguimento e control.
A DOBRE CARA DOS NACIONALISTAS
Para o PPdeG, o BNG volve a demostrar a súa hipocrisía, escenificando ante o Pleno do Parlamento Europeo a súa preocupación pola situación do sector, e tratando de responsabilizar ao Executivo galego, despois de que o seu único deputado no Congreso asegurase ante representantes das persoas mariscadoras que o seu partido conseguira, a través de negociacións co Goberno central, un acordo para que quedaran exentas dos pagos á Seguridade Social.
Unha demanda que o Partido Popular vén formulando de xeito reiterado nos últimos meses, mediante múltiples accións nas distintas Cámaras lexislativas. No Parlamento de Galicia logrou que se aprobara, sen votos en contra, unha iniciativa instando ao Executivo de Pedro Sánchez a que asuma as súas obrigas legais e constitucionais, que unha vez máis recorta axudas en Galicia. Na Comisión de Pesca do Senado impulsou unha iniciativa que tamén reclamaba a exención das cotas. E presentou ante o Congreso unha batería de preguntas coa mesa finalidade.
A maiores, xa o pasado mes de marzo, a Xunta de Galicia enviou unha carta formal á dirección do Instituto Social da Mariña esixindo a devandita exención, sen que, transcorridos máis de seis meses, se teña recibido ningunha resposta por parte do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.