O PPdeG vén de poñer en valor a fortaleza do sector vitivinícola e o compromiso do Goberno galego coas adegas e viticultores galegos do Baixo Miño, especialmente, dos concellos de Tomiño e O Rosal.
Durante unha visita recente a Bodegas Altos de Torona, e coincidindo co remate da tempada de vendima deste ano, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez enxalzaron o traballo do conxunto de viticultores e adegas da subzona do Rosal, unha das cinco que integran a Denominación de Orixe Rías Baixas.
Acompañados polo presidente do PP do Rosal, Iván Gómez, e pola presidenta do PP de Tomiño, Lara Meneses, destacaron “o esforzo realizado durante décadas por centos de profesionais para converter os viños desta zona nun produto de enorme calidade e prestixio”, así como a capacidade das adegas para combinar a tradición vitivinícola coa innovación, a modernización dos procesos produtivos, a sustentabilidade e a apertura de novos mercados.
Neste senso, García Comesaña referiuse a “un sector que vai moito máis alá da produción de viño: crea emprego e riqueza, fixa poboación, coida a paisaxe, mantén vivo o territorio e contribúe a proxectar a imaxe de Galicia dentro e fóra de España”. De feito, segundo sinalou, o sector vitivinícola representa arredor do 1,4 % do PIB galego e uns 16.000 empregos a tempo completo, cun tecido próximo aos 10.000 viticultores e máis de 440 adegas.
O PESO DE RÍAS BAIXAS E DA SUBZONA DO ROSAL
Os populares subliñaron, especialmente, a fortaleza da D.O. Rías Baixas, da que forma parte a subzona do Rosal xunto con Val do Salnés, Condado do Tea, Soutomaior e Ribeira do Ulla.
A denominación contaba, ao peche de 2025, con 4.848 hectáreas inscritas, 4.949 viticultores e 177 industrias. Só durante o pasado ano, produciu máis de 47,5 millóns de quilos de uva e 27,1 millóns de litros de viño cualificado, cun valor económico estimado de 258,7 millóns de euros, o que evidencia a dimensión económica acadada pola denominación e polo tecido de adegas e viticultores que a sostén.
Para Moisés Rodríguez, estes resultados “son froito fundamentalmente do traballo dos viticultores e das adegas, que souberon construír arredor das variedades autóctonas, da calidade e da vinculación co territorio unha marca recoñecida e valorada polos consumidores”.
UN SECTOR QUE CREA FUTURO NO TERRITORIO
Pola súa banda, Iván Gómez e Lara Meneses salientaron a especial relevancia que a actividade vitivinícola ten para os dous municipios.
“Cada viñedo que se mantén produtivo e cada adega que inviste e medra significan actividade económica que permanece aquí, emprego e oportunidades para o noso territorio”, apuntaron.
Os representantes populares concluíron a visita reafirmando o compromiso de continuar apoiando un sector que “converte a calidade da nosa terra e o traballo da nosa xente nun produto de alto valor engadido e nun dos mellores embaixadores de Galicia no mundo”.