O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo un chamamento a enviar unha mensaxe clara nas urnas o próximo 29 de novembro, de tal forma que as galegas e os galegos demostren que “non queremos máis sanchismo”, porque rexeitan a corrupción e o desprezo á nosa Comunidade cos que gobernou estes oito anos Pedro Sánchez, das mans dos seus socios, incluído o BNG. Para logralo, apelou a que a provincia de Lugo, como sucedeu en 2023, volva ser líder en toda España en apoios a Alberto Núñez Feijóo nas Eleccións Xerais, para facer realidade o “cambio necesario”.
Así o dixo no mitin celebrado hoxe no Auditorio Municipal Fuxan Os Ventos da capital lucense, no que tamén participaron o presidente de honra do PPdeG e expresidente do Goberno de España, Mariano Rajoy; a presidenta provincial do PP de Lugo e alcaldesa da cidade, Elena Candia, e o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Francisco Conde.
Na súa intervención, Rueda fixo alusión á ultima enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que outorga unha ampla vitoria o PSOE o 29N, ironizando con todos os enquisados deberon de saír da sede socialista de Ferraz. En todo caso, asegurou que este será o “último servizo” que lle fará José Félix Tezanos, o presidente do CIS, a Sánchez, porque chegou o momento de “acabar co sanchismo”.
O líder do PPdeG remarcou que nin Galicia nin España necesitan un Goberno que non defende as fronteiras do país, como sucedeu en Ceuta; que sube os impostos mentres cada día costa máis facer a compra, que se alía cos independentistas; que minte, que despois dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Urda, organiza bailes nos mitins. Pola contra, necesítanse dirixentes, dixo, como Mariano Rajoy, de quen gabou que é un “exemplo” polo seu sentido de Estado, a súa xestión e os seus principios.
No caso da provincia de Lugo, lembrou o que ocorre cando PSOE e nacionalistas -”os do Peugeot” e “os do ‘non a todo’”- van da man, citando a parálise no concello da capital ou o pacto para seguir controlando a Deputación co apoio de José Tomé, investigado por presunto acoso sexual. Un modelo que é, precisamente, o que se trata de derrotar o vindeiro domingo.
Con ese obxectivo, Rueda pediu falar “alto e claro” a través das papeletas do Partido Popular, lembrando que é así como se gañan as eleccións, e non coas enquisas. Por iso incidiu na necesidade de aproveitar a recta final da campaña para acelerar ata a meta do día 29. O día que se “sacan” as urnas e o día tamén, subliñou, para “sacar” ao sanchismo da Moncloa.
CANDIA: “SOMOS UN PROXECTO PENSADO PARA AS PERSOAS E NON PODO CONSENTIR QUE SE META MEDO Á XENTE”
Pola súa banda, a presidenta do PP lucense, Elena Candia, incidiu nos grandes proxectos para a cidade e a provincia en materia de infraestruturas: “no 2018, co Goberno de Rajoy, estaba proxectada a mellora e electrificación da liña Ourense – Monforte – Lugo e a construción de variantes para a chegada da alta velocidade a Lugo cun investimento aproximado de 1.600M€. Con Sánchez nada sabemos das variantes, Lugo perdeu servizos e frecuencias e continúa con trens do século pasado”.
Do mesmo xeito, citou a situación das autovías a Santiago e Ourense: “A realidade é que a A-54 continúa sen rematar oito anos despois, a pesar de que as obras dese último tramo xa se iniciaran co Goberno do Partido Popular” e “da A-56 só se puxo en servizo un tramo construído durante o Goberno de Rajoy”. Candia sinalou que “Lugo continúa illada. Non lle debemos nada a Sánchez. Nin ao PSOE nin aos seus socios, o BNG”.
Así, defendeu que “o Partido Popular ten o reto de avanzar nas infraestruturas que a nosa cidade e a nosa provincia merecen”. A líder provincial puxo especial énfase na defensa do proxecto do Partido Popular: “Somos un proxecto pensado para as persoas e non podo consentir que se meta medo á xente”. “Quero trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos nosos maiores: as súas pensións están garantidas con Feijóo”, engadiu.
Elena Candia pediu o apoio para Alberto Núñez Feijóo, un candidato “con experiencia, rigoroso, que coñece a provincia” e para que “Lugo e as súas necesidades estean na axenda do Goberno de España”. Así, convidou a “votar polo cambio en España” para baixar o prezo da lista da compra, os impostos ás familias, autónomos e aos mozos que adquiran vivenda no rural, construír un millón de vivendas, coidar a quen nos coida, garantir o sistema de pensións e tamén a conexión eléctrica para a nosa industria, un prezo enerxético estable e competitivo para Alcoa e por un Estado forte, un Goberno que cumpra as leis e que teña en conta os territorios menos poboados e que, sobre todo, defenda a igualdade de oportunidades.
CONDE: FEIJÓO REPRESENTA UN PROXECTO CENTRADO NA XETIÓN”
Pola súa banda, Francisco Conde defendeu que Feijóo representa “un proxecto político centrado na xestión, na estabilidade e no servizo a todos os españois”, fronte a un Goberno de Pedro Sánchez ao que reprochou a falta de respostas e os casos de corrupción que o rodean. Neste sentido, subliñou que as próximas eleccións representan “unha oportunidade para abrir unha nova etapa política en España, en Galicia e na nosa provincia”.
Así mesmo, apelou á mobilización para impulsar o “cambio necesario”, con propostas como facilitar o acceso á vivenda, reducir os impostos, apoiar autónomos e traballadores, mellorar a Sanidade e a Educación, garantir a seguridade ferroviaria e reforzar o control das fronteiras. En clave provincial, denunciou a desconexión de Lugo coa Alta Velocidade, os atrasos en infraestruturas estratéxicas como a Autovía Lugo-Santiago, así como o bloqueo da Autovía da Mariña e das proxectadas polo Goberno do PP para conectar Lugo con Ourense e con Ponferrada. Asemade, reclamou solucións para os problemas industriais da provincia, especialmente en Alcoa e en materia de solo industrial e subministración eléctrica.
Conde tamén defendeu a necesidade de protexer os maiores coa actualización das pensións conforme ao IPC, e reforzar o compromiso coas mulleres e coa loita contra a violencia machista. O candidato lucense concluíu facendo un chamamento á participación para acadar “o cambio político” que, afirmou, “permitirá que Feijóo chegue á Presidencia do Goberno e goberne para todos”.