Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para a defensa do sector marisqueiro
O Goberno central vén de protagonizar un novo ataque inxustificado ao complexo mar- industria de Galicia e, nesta ocasión moi en particular, directamente ao labor das mariscadoras e mariscadores galegos.
Así aconteceu tras coñecerse o recurso contencioso-administrativo presentado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e dirixido a derrogar o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023.
O Executivo que preside Pedro Sánchez argumenta a súa impugnación na necesidade dun informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral da Costa e o Mar para o outorgamento de zonas de explotación marisqueira, en réxime de autorización ou concesión, un requisito que xamais foi pedido desde que existen os plans xerais de explotación marisqueira, que entraron en vigor nos anos 90.
Galicia explicou a improcedencia desta petición e aclarou, na resposta ao requirimento previo á presentación do recurso, que a orde pola que se aproba o plan non outorga zonas de explotación marisqueira, nin en réxime de autorización nin de concesión, polo que non é necesario o informe sobre a ocupación do dominio público marítimo- terrestre.
Cómpre salientar igualmente que o plan de explotación marisqueira para os anos 2021-2023 segue a liña dos plans anuais aprobados desde o anos 90, para os que tampouco se requiría ese informe e que en ningún momento foron recorridos polo Goberno central.
Resulta especialmente grave que desde o Executivo central –gobernado en colación polo PSOE e Unidas Podemos- poñan en dúbida un sistema de xestión consensuado cos profesionais do sector e que ten demostrado a súa eficacia para regular a actividade marisqueira de maneira ordenada, sustentable e respectuosa co medio ambiente desde hai décadas.
Cómpre salientar de igual xeito que a ausencia desta regulación complicaría o desenvolvemento normal da actividade e supón poñer en risco a actividade das máis de 3.700 persoas que se dedican ao marisqueo a pé en Galicia -das que máis do 74% son mulleres- e das arredor de 5.000 persoas que traballan no marisqueo desde embarcación, así como a propia organización do traballo e a súa correcta xestión en termos de sostibilidade ambiental, social e económica.
De anularse o plan vixente, unha decisión política do Goberno central tiraría por terra meses de traballo das confrarías e asociacións marisqueiras do sector que participaron no deseño e elaboración dos 94 plans de xestión vixentes actualmente e incluídos no Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023.
Ante a gravidade da situación e un suposto evidente de invasión por parte dos actuais responsables do Goberno de España das competencias exclusivas de Galicia, resulta necesario que o Parlamento de Galicia e a propia Xunta de Galicia, desenvolva as accións precisas para defender ata as últimas instancias os intereses do sector e un modelo de xestión dos recursos con décadas de historia e baseado na conxestión dos recursos que ten demostrado a súa eficacia.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia acorda:
1º.- Instar á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central para que retire, de xeito inmediato, o recurso contencioso-administrativo presentado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e dirixido a derrogar o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o período 2021-2023.
2º.- Manifestar como resolución a súa oposición ante un novo ataque inxustificado do Goberno de España ao complexo mar-industria de Galicia e, nesta ocasión moi en particular, directamente ao labor das mariscadoras e mariscadores galegos.
3º.- Instar á Xunta de Galicia a desenvolver as accións precisas para defender ata as últimas instancias os intereses do sector marisqueiro galego e un modelo de xestión dos recursos autónomo, con décadas de historia e baseado na coxestión dos recursos que ten demostrado a súa eficacia”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/rKCzJR437w6RzTyHnIHxSiQrax_0XgDK2G3RLVxkF5E=