O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, urxiu hoxe ao Goberno central a que “informe, adecuada e puntualmente, sobre o envío dos menores non acompañados a Galicia e poña enriba da mesa o financiamento necesario para facilitarlles todos os coidados que precisan e merecen”. Neste sentido, demandou a BNG e PSdeG que “colaboren desde as institucións que gobernan para a prestación das mellores atencións a estes menores”.
Alberto Pazos reiterou que “Galicia foi, é e será unha terra de acollida, pero non estamos dispostos a aceptar que se nos impoña desde o Goberno central esta distribución dos menores non acompañados, sen contar tan sequera coa opinión e as dispoñibilidades existentes en cada comunidade autónoma”.
TALANTE DITATORIAL DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ
Deste xeito, pediu ao Goberno central que “abandone o seu talante ditatorial coas comunidades autónomas e cese neste reparto inxusto e arbitrario de menores non acompañados”, para o que considerou “fundamental que se abra unha vía de diálogo interinstitucional que permita un reparto equitativo destes menores”.
O portavoz popular pediu “que se informe, adecuada e puntualmente, ás comunidades sobre o envío destes menores, porque a súa chegada a Galicia xa provocou que a Xunta tivera que improvisar e modificar a súa política de acollemento de menores baseada na integración e convivencia en pequenos fogares”. Ao mesmo tempo, demandou que “poña enriba da mesa o financiamento necesario para facilitarlles as atencións educativas, sanitarias e sociais que precisan e merecen”.
“Non pode ser que Pedro Sánchez utilice ás comunidades autónomas ao seu antollo e as desprece un día si e outro tamén, polo que pedimos tanto a BNG como a PSdeG que, por unha vez, se poñan de lado dos galegos e apoien ao Grupo Popular na súa demanda”, sinalou Alberto Pazos.
Neste sentido, demandou aos grupos da oposición que “deixen de buscar réditos políticos a todo o que fan e colaboren desde as institucións que gobernan para a prestación das mellores atencións a estes menores”, pero avanzou que “non esperamos nada de socialistas e nacionalistas galegos e o Goberno de Alfonso Rueda terá que seguir traballando e buscando as solucións máis adecuadas para responder ao autoritarismo e falta de diálogo co que actúa habitualmente o Goberno de Pedro Sánchez”.
PLANS DE TRABALLO DAS COMISIÓNS
Respecto da actividade no Parlamento galego, Alberto Pazos lembrou a aprobación no día de onte, sen voto en contra algún, do plan de traballo da Comisión de estudo para a posible modificación da letra do himno de Galicia, que inclúe informes e comparecencias do Consello da Cultura, a Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, así como a comparecencia do profesor Manuel Ferreiro.
“Desde o Grupo Popular imos traballar porque a conclusión final desta comisión se elabore sen presa pero sen pausa, sen prolongar o debate máis do estritamente necesario e co obxectivo de chegar a unha conclusión que conte co maior respaldo posible”, indicou o portavoz popular.
Así mesmo, informou que esta mesma mañá se aprobou o plan de traballo da Comisión para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade, que basicamente está dirixido a elaborar as conclusións finais baseándose na recompilación da extensa documentación achegada nas pasadas lexislaturas, a incorporación das cuestións relacionadas coa discapacidade que xurdiron na Comisión especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19; así como as transcricións das comparecencias que tiveron lugar durante a pasada lexislatura no seo desta Comisión de dependencia, entre as que figura a da propia conselleira de Política Social.
Outra das comisións non permanentes que se retomarán a vindeira semana é a de Igualdade e para os dereitos das mulleres, co obxectivo de seguir afondando no estudo e na busca de medidas para avanzar nunha sociedade máis igualitaria e na que poidamos felicitarnos porque conseguimos acabar coa violencia contra a muller. Para iso, o portavoz popular avanzou que “imos solicitar a presenza neste Parlamento galego de expertos e responsables políticos, así como o envío dunha ampla documentación que nos sirvan de base para unha proposta de medidas que axuden no obxectivo de que a sociedade galega sexa cada día máis xusta e igualitaria e poñamos en marcha accións que nos permitan deixar atrás esa lacra social que é a violencia machista”.
INCREMENTO DAS CONDENAS POR DELITOS SEXUAIS
Por último, Alberto Pazos considerou un “escándalo” o fallo nas pulseiras telemáticas que levan os maltratadores, denunciada pola propia Fiscalía Xeral do Estado na súa memoria de 2025. “Non pode ser que un país como España deixe ás mulleres vítimas de violencia de xénero totalmente desprotexidas dos seus agresores por unha chapuza do Goberno de Pedro Sánchez ao cambiar de sistema”, dixo.
O portavoz popular sinalou que “esta polémica coincide xustamente coa publicación do novo informe do Instituto Nacional de Estatística, no que se pon de manifesto o incremento dun 37,3 por cento das condenas por delitos sexuais o pasado ano, o que confirma que coas decisións e as accións deste Goberno de España non imos polo bo camiño: beneficiando aos condenados por este tipo de delitos a través da Lei do si é si, e agora deixando aos maltratadores total liberdade durante máis de 8 meses a consecuencia da nefasta xestión no cambio do operador das pulseras de seguimento”.