Hoxe, na presentación dos candidatos do PPdeG nas sete cidades, un acto que contou con máis de 1.300 asistentes
- O presidente dos populares galegos afirma que o partido ten “os mellores equipos”, que levan meses “traballando, escoitando e tomando nota” do que lles din os veciños: “A política máis próxima é a que mellor sabemos facer e quedan sete meses para que a xente se convenza de que os nosos candidatos merecen a súa confianza”.
- “Só vale gañar con maioría absoluta”, manifesta recoñecendo que non se resigna aos pactos de perdedores e explicando que gobernar consiste en “ser eficaces e útiles” e en cumprir cos programas electorais.
- Declara que “son unha maioría os que queren ser veciños orgullosos das súas cidades, dentro dunha Galicia global que colabora entre ela e fóra de localismos absurdos que non fan máis que desgastar”.
OS SETE MELLORES CANDIDATOS
- Pide aos candidatos que “pateen, escoiten, lideren, convenzan e sigan facendo o que están facendo”: “O PP ten que ser o partido de todos os barrios das sete cidades e do resto de concellos de Galicia”.
- Insiste en ser a formación “dos veciños”, atendendo ás súas necesidades para marcar as prioridades do proxecto dos populares: “Non queren que perdamos o tempo en liortas de socios de goberno que pensan que a ideoloxía está por riba dos programas. Esa forma de facer política non vai co PP”.
- “A valentía e a coherencia sempre teñen recompensa e a ti sóbranche esas calidades”, di sobre Marta Fernández-Tapias tras cuestionar os intentos de humillación que sofre a candidata en Vigo por parte do alcalde e do seu equipo, instalados na confrontación: “É un tipo de política que ten as horas contadas”.
- Salienta a “empatía, proximidade e capacidade de escoita” de Miguel Lorenzo, incidindo na importancia de que A Coruña recupere “a potencia, o vangardismo e a condición de cidade sempre aberta”.
- Lembra que Manuel Cabezas “nunca perdeu esa cara de alcalde eficaz que fixo cousas lexendarias en Ourense”, quen se presenta de forma “valente e decidida” para que a súa urbe volva ter “o prestixio e o lugar que nunca debeu perder”.
- Remarca “a capacidade de traballo o tesón e a firmeza” de Elena Candia para cumprir os seus compromisos cos veciños: “É unha magnífica presidenta provincial, foi unha magnífica alcaldesa de Mondoñedo e agora dá un paso para ser a primeira alcaldesa do PP en Lugo”.
- Indica que Rafa Domínguez leva catro anos traballando cun equipo unido “que non descansou un só día”. “Gústanos Pontevedra, pero Pontevedra non é patrimonio de ninguén, construímola entre todos”, di engadindo que hai que acabar coa “resignación, a autocomplacencia e a inercia”.
- Agradece que José Manuel Rey volva optar á Alcaldía de Ferrol, recordando que a cidade “non pode agardar máis” para volver ter ao rexedor que máis traballou pola urbe e que, tras gañar “indiscutiblemente” as últimas eleccións, tivo que ver como “outros finxían que gañaban, pero non puideron finxir que gobernaban”.
- “Santiago precisa un alcalde con brío e con empuxe como Borja Verea”, admite poñendo en valor o labor do candidato percorrendo os barrios “con humildade” co obxectivo de que Compostela volva “acelerarse”.
O MODELO DE ESTABILIDADE E RIGOR
- Subliña a necesidade de aplicar en todas as cidades “o modelo de estabilidade e de rigor da Xunta de Galicia”, destacando que o Goberno galego ven de aprobar os Orzamentos máis altos e máis sociais da nosa historia “en tempo e forma”, deseñados para axudar aos cidadáns “con máis potencia e máis cartos que nunca”.
- Asegura que Galicia seguirá baixando a débeda pública, atendendo aos que máis o precisan, apoiando aos emprendedores e baixando impostos. “Síntome lexitimado para pedir o mesmo ao resto de Administracións”, recalca esixindo ao Goberno central “seriedade e estabilidade” coa política fiscal.
- “Xa basta de ter miles de millóns de euros estancados dos PERTE mentres hai proxectos en Galicia que crearían miles de postos de traballo e que seguen esperando por unha noticia que non chega. Xa está ben de propaganda”, resalta cuestionando a xestión do Executivo de Pedro Sánchez.