Rubén Lorenzo pon en valor o compromiso da Xunta con Bergantiños e a Costa da Morte nos Orzamentos de 2027

O deputado do Partido Popular na provincia de A Coruña, Rubén Lorenzo, pon en valor o compromiso da Xunta de Galicia con Bergantiños e coa Costa da Morte a través dos Orzamentos autonómicos para 2027, unhas contas que están xa en tramitación no Parlamento de Galicia e que incorporan investimentos relevantes para mellorar as infraestruturas, impulsar a actividade económica e dar resposta ás necesidades da cidadanía.

O proxecto orzamentario recolle actuacións de especial importancia para Carballo, que combina investimentos estratéxicos para o seu desenvolvemento industrial e viario con novas dotacións en ámbitos fundamentais como a vivenda pública e a sanidade.

Carballo: infraestruturas, vivenda e sanidade
Entre as principais partidas previstas para Carballo Rubén Lorenzo destacou os 3 millóns de euros para avanzar na variante, unha infraestrutura fundamental para mellorar a mobilidade, facilitar a conexión do polígono industrial coas principais vías de comunicación e reducir o tráfico de paso polo núcleo urbano.

A esta actuación, dixo, súmanse os 4,63 millóns de euros destinados á ampliación do polígono industrial de Bértoa, unha aposta polo fortalecemento do tecido empresarial, a creación de emprego e a capacidade de Carballo para atraer novos proxectos económicos.

No ámbito residencial, a Xunta impulsa a construción de 79 vivendas de promoción pública en Carballo, cun investimento de 12,5 millóns de euros, unha actuación especialmente relevante para ampliar a oferta de vivenda e facilitar o acceso a un fogar, particularmente entre as persoas e familias que máis dificultades atopan no mercado residencial.
En materia sanitaria, os Orzamentos inclúen 600.000 euros para o proxecto do futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Carballo, un paso importante

O compromiso da Xunta esténdese ao conxunto do territorio, con investimentos que buscan mellorar as comunicacións, reforzar a actividade empresarial e avanzar na prestación de servizos públicos.

No ámbito das infraestruturas viarias, destaca a consignación de 7,58 millóns de euros para avanzar na vía de altas prestacións entre Baio e Berdoias, unha actuación estratéxica para mellorar as conexións da Costa da Morte.

O impulso ao solo empresarial tamén chega a outros concellos da comarca, con 1 millón de euros para o polígono industrial de Coristanco e 64.000 euros para o polígono de Nantón, en Cabana de Bergantiños. Estas partidas contribúen a ampliar as posibilidades de implantación empresarial e a favorecer a creación de actividade económica e emprego no territorio.

Saneamento, depuración e prevención de inundacións

Os Orzamentos recollen igualmente investimentos en infraestruturas hidráulicas e ambientais, fundamentais para mellorar a calidade de vida da veciñanza e avanzar na protección do territorio.

Entre as partidas destacadas figuran:
Malpica: 1.139.000 euros para actuacións de saneamento.
Laxe: 1,3 millóns de euros para o saneamento de Traba.
Cee: 703.155 euros para a estación depuradora de augas residuais da ría de Corcubión.
Ponteceso: 701.599 euros para actuacións de prevención do risco de inundacións.

A estas intervencións súmanse actuacións de mellora e conservación nos portos da Costa da Morte, entre eles os de Caión, Corcubión, Corme, Laxe, Malpica e Muxía. Entre as partidas individualizadas destaca a destinada á construción dunha nave para o almacenamento de aparellos de pesca no porto de Laxe, cun investimento de 235.000 euros.

Investimentos que miran ao futuro

Para o Partido Popular, o proxecto de Orzamentos evidencia a importancia que a Xunta concede a Bergantiños e á Costa da Morte, cunha planificación que combina grandes infraestruturas con actuacións que repercuten directamente na vida diaria das persoas.

A mellora das comunicacións, o desenvolvemento do solo industrial, o acceso á vivenda, o reforzo dos servizos sanitarios e as actuacións de saneamento e prevención de inundacións conforman unha aposta polo desenvolvemento equilibrado do territorio e pola creación de novas oportunidades.

“Con estas partidas, a Xunta evidencia que a súa aposta pola Costa da Morte non se limita ás infraestruturas viarias ou ao desenvolvemento industrial, senón que abrangue tamén servizos públicos esenciais como a educación, contribuíndo a mellorar as instalacións e as condicións nas que se desenvolve a actividade educativa”, dixo Lorenzo.

O PP destaca, ademais, a importancia de que estas partidas continúen avanzando durante a tramitación parlamentaria e se traduzan en proxectos executados, infraestruturas útiles e servizos que respondan ás demandas da cidadanía.

Os Orzamentos da Xunta para 2027 supoñen os investimentos, a planificación e o compromiso institucional, que Bergantiños e a Costa da Morte necesitan, incorporan actuacións relevantes nesa dirección e ofrecen unha base para seguir avanzando no desenvolvemento económico e social das nosas comarcas

Carmen Pomar destaca a aposta da Xunta pola comarca de Santiago con 34,5 millóns de euros para impulsar 695 vivendas públicas

A deputada do Partido Popular pola provincia de A Coruña, Carmen Pomar defendeu hoxe que os investimentos previstos pola Xunta de Galicia nos orzamentos autonómicos de 2027 para a comarca de Sanatigo de Compostela responden ás necesidades fundamentais da cidadanía, como o acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas sanitarias e educativas e o reforzo das comunicacións.

Pomar salientou especialmente os 34,55 millóns de euros destinados a impulsar 695 vivendas públicas en Santiago, Ames e Teo, un investimento, dixo, que permitirá avanzar na ampliación da oferta residencial na capital galega e na súa área metropolitana.

Do total previsto, Santiago contará con 9,35 millóns de euros para 410 vivendas; O Milladoiro, en Ames, disporá de 18,7 millóns para 219 vivendas, e Teo contará con 6,5 millóns para avanzar na construción doutras 66.

Para Carmen Pomar, estas actuacións reflicten a importancia de manter a vivenda entre as prioridades do investimento público e de impulsar medidas que permitan ampliar progresivamente as posibilidades de acceso a un fogar.

“A vivenda é unha das principais preocupacións de moitas familias, especialmente das persoas mozas. Por iso, é importante que os orzamentos contemplen investimentos concretos para impulsar novas promocións públicas en Santiago e nos municipios da súa contorna. O reto é que estes recursos se traduzan en vivendas e en oportunidades reais para a cidadanía”, sinala.

 

MÁIS INVESTIMENTOS EN SANIDADE E EDUCACIÓN

A dirixente popular tamén puxo en valor os recursos previstos para continuar as actuacións no Hospital Clínico Universitario de Santiago e completar o equipamento do Centro de Protonterapia de Galicia.

As contas autonómicas, explicou, contemplan 4,58 millóns de euros para a ampliación do CHUS en 2027 e outros 8,9 millóns para completar o equipamento do centro de protonterapia, dúas actuacións relevantes para as infraestruturas sanitarias de Santiago.

No ámbito educativo, destacan os 12 millóns de euros previstos para a nova Facultade de Farmacia, xunto coas partidas destinadas a mellorar centros educativos e avanzar na renovación das instalacións.

“Santiago precisa seguir reforzando os seus servizos públicos e as súas infraestruturas. Os investimentos en sanidade e educación repercuten directamente na calidade de vida dos veciños e contribúen a manter o papel da cidade como referente sanitario, universitario e científico de Galicia”, afirmo Pomar.

IMPULSO A INNOVACIÓN E ÁS COMUNICACIÓNS

A deputada autonómicas referiuse tamén á dotación de 37,93 millóns de euros para a Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), vinculada ao desenvolvemento da supercomputación, a intelixencia artificial e outras tecnoloxías avanzadas.

A estas actuacións súmanse os investimentos previstos para continuar as obras da autovía Santiago-A Estrada, avanzar na conexión Santiago-Noia e mellorar a estrada AC-406 entre Portomouro e Santa Comba.

Na opinión de Pomar, estas actuacións contribúen a reforzar as conexións entre Santiago e a súa contorna, mellorar a mobilidade e favorecer o desenvolvemento económico dos municipios.

“Santiago e a súa área metropolitana precisan infraestruturas que acompañen o seu crecemento, faciliten os desprazamentos e xeren novas oportunidades. A vivenda, a sanidade, a educación, a innovación e as comunicacións son ámbitos esenciais para o futuro da nosa comarca”, sostivo.

Por último, Carmen Pomar considerou que as contas autonómicas deben valorarse tamén pola súa capacidade para dar resposta ás necesidades da cidadanía e converter as partidas orzamentarias en proxectos concretos.

“Estamos a falar de investimentos que afectan a cuestións fundamentais para as familias e para o desenvolvemento de Santiago. Agora é importante que as actuacións previstas avancen conforme aos prazos establecidos e que a cidadanía poida comprobar os seus resultados”, concluíu.

Alberto Pazos destaca que os Orzamentos de 2027 consolidan Galicia como unha illa de estabilidade, rigor e progreso

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, cualificou de fito de xestión a presentación do proxecto de Orzamentos de Galicia para 2027. Trátase do décimo oitavo ano consecutivo no que a Xunta presenta as contas en tempo e forma, co obxectivo de que entren en vigor o vindeiro 1 de xaneiro. Fronte á parálise orzamentaria do Goberno de Pedro Sánchez, Pazos salientou que Galicia volve demostrar que é posible gobernar con rigor, estabilidade e planificación.

Pazos destacou que estas contas superan os 15.150 millóns de euros e destinan por primeira vez máis de 11.000 millóns ao gasto social, cun incremento do 7,1 %. O proxecto reforza Sanidade, Educación e Políticas Sociais, ao tempo que incorpora rebaixas fiscais para aliviar o custo da vida das familias galegas. Ademais, duplica os fondos para construír vivenda pública, que pasarán de 163 a 326 millóns de euros, e inclúe novas medidas fiscais para facilitar o acceso á primeira vivenda.

O portavoz popular asegurou que estes Orzamentos demostran que o equilibrio económico e o progreso social son compatibles cunha xestión responsable, sen recorrer a novo endebedamento. Así mesmo, contrapuxo o modelo galego de estabilidade ao do Executivo central, ao que reprochou a falta de novos Orzamentos xerais do Estado. Pazos agardou que o BNG e o PSdeG expliquen a súa posición ante unhas contas que baixan impostos, impulsan a vivenda e reforzan os servizos públicos, e salientou que o calendario parlamentario permitirá que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2027.

O PPdeG esixe que as baixas médicas non exclúan ás mariscadoras de Camariñas das prestacións por cesamento de actividade

O PPdeG urxe ao Goberno central a que, a través do Instituto Social da Mariña, habilite unha solución extraordinaria que permita que as mariscadoras de Camariñas que, por permanecer de baixa médica non puideron completar o período mínimo de cotización, accedan tamén ás prestacións por cesamento de actividade e queden exentas de pagar as cotizacións á Seguridade Social, mentres se prolonga a paralización da actividade marisqueira.

A deputada do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local de Camariñas, Paula Mouzo, presentou unha proposición non de lei para advertir de que o actual sistema estatal de protección non se adapta ás particularidades do sector, o que provoca unha “dobre penalización” para aquelas traballadoras que estaban de baixa por enfermidade e cuxa resolución sufriu ademais demoras por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS): “Deixouse de cotizar por elas e, como consecuencia, non puideron completar o período mínimo esixido para acceder á prestación. É dicir, quedaron excluídas por unha circunstancia allea á súa vontade”.

“Esta problemática evidencia a fraxilidade de todo o colectivo marisqueiro”, lamentou. Así, Mouzo pediu unha fórmula que evite os períodos de baixa médica penalicen ás mariscadoras á hora de cumprir os requisitos mínimos de cotización necesarios para acceder ás prestacións por cesamento de actividade.

A parlamentaria puxo, así, de manifesto “o desamparo” que sofren as profesionais a pé afectadas pola veda extraordinaria vixente durante todo o ano 2026, decretada pola falta de produtividade dos bancos de bivalvos. Mouzo lembrou que o marisqueo constitúe unha actividade esencial para as comunidades costeiras e, moi especialmente, para centos de mulleres que atopan nel o seu medio de vida.

O “BLOQUEO” DE MADRID
O PPdeG salienta que esta reclamación non é un feito illado. A necesidade de avanzar cara a un sistema específico de protección para o marisqueo a pé xa foi aprobada por unanimidade o pasado 17 de setembro no Consello Galego de Pesca –a proposta do Goberno galego e avalada por expertos das universidades de Santiago e A Coruña-. Do mesmo xeito, a propia Comisión de Pesca do Senado aprobou o 28 de abril unha moción instando ao Executivo central a eximir ás mariscadoras das cotizacións nestes contextos, computando o período como efectivamente cotizado.

Finalmente, a parlamentaria contrapuxo este “bloqueo de Madrid” cos esforzos que si se fan a nivel local e autonómico, recordando que a Confraría de Pescadores de Camariñas e a Xunta de Galicia levan sementadas máis de 1,1 millóns de unidades de ameixa desde 2022 para recuperar os bancos malia a crise produtiva; e esixiu que o Goberno de España actúe con urxencia para ofrecer unha resposta.

O PPdeG pon en valor o liderado da Xunta na creación de vivenda pública de calidade coa proxección de 140 novos fogares en Ames

O PPdeG reivindicou o firme compromiso e o liderado da Xunta de Galicia no impulso e a construción de vivenda pública de calidade e accesible. Fíxoo tras o fallo, esta mesma semana, do concurso de ideas para o deseño de 140 novos fogares de promoción pública que o Goberno galego construirá en Ames, concretamente nun ámbito de máis de 4.400 metros cadrados en solo cedido polo municipio na zona de Galdrachán.

Durante unha visita recente aos terreos para poñer en valor esta importante nova, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, acompañados da portavoz do PP local, Oliva Agra, puideron analizar o impacto deste proxecto: unha actuación conta cun valor estimado de 1,4 M€, entre o certame e os contratos vinculados de redacción de proxecto e dirección de obra. Os populares enxalzaron a excepcional calidade e creatividade das 121 propostas recibidas para deseñar estes edificios, e recoñeceron o talento do sector para deseñar espazos polivalentes, cómodos e adaptados ás novas formas de habitar.

Para a deputada popular Magdalena Pérez, este fito é unha proba irrefutable de que “Galicia é hoxe un exemplo e un referente na construción de vivenda pública digna, flexible e altamente eficiente”. A parlamentaria destacou que o obxectivo prioritario da Xunta é “pensar nas persoas para crear fogares que se integren coa súa contorna”, ofrecendo solucións habitacionais modernas e accesibles que contribúan a fortalecer o tecido comunitario e mellorar o benestar diario da veciñanza.

Pola súa banda, o deputado Ángel Rodríguez remarcou “a importante e necesaria” colaboración de todas as administracións, de xeito especial os concellos, para dar unha resposta áxil á demanda actual. Así mesmo, puxo en valor que esta actuación en Ames se suma a outros ambiciosos concursos de ideas activados polo Goberno galego en Santiago e A Coruña para vivendas, aloxamentos compartidos e residencias xuvenís, demostrando que “a verdadeira política de vivenda se demostra con planificación, investimentos reais e feitos que transforman os nosos concellos”.

Para a portavoz local, a construción de novas vivendas de promoción pública no Milladoiro é unha excelente noticia para o municipio. “Como veciña, alégrame de que se dean pasos para facilitar o acceso á vivenda, especialmente á xente nova e ás familias que queren vivir aquí”. “O Milladoiro –engadiu- necesita seguir medrando, pero tamén ofrecer oportunidades para que os seus veciños poidan desenvolver aquí o seu proxecto de vida”.

Nicole Grueira leva ao Parlamento de Galicia o incumprimento das competencias do Concello sobre o mantemento do colexio de Pol

A voceira do PP de Pol e deputada autonómica, Nicole Grueira, leva ao Parlamento o incumprimento reiterado das competencias que lle corresponden ao Concello de Pol en relación ao CEIP Rosalía de Castro despois de ter presentado iniciativas para o Pleno municipal sen que o alcalde permita o seu debate e votación.

A popular explica que “a conservación, mantemento e vixilancia dos colexios corresponde ás entidades locais, é dicir, aos Concellos, segundo establece o marco de colaboración entre a Consellería de Educación e a FEGAMP”. Polo tanto, “o mantemento das instalacións do CEIP Rosalía de Castro en Mosteiro e o persoal subalterno que presta servizo é responsabilidade do Concello de Pol”.

Con todo, advirte que “o alcalde leva anos desatendendo as súas obrigas” de forma que o Concello non garante unhas axeitadas condicións para o desenvolvemento da actividade da comunicade educativa: alumnado, profesorado e familias”.

Ante o abandono continuado por parte do alcalde, o centro presenta na actualidade diversas deficiencias no seu mantemento e limpeza e outras necesidades coma a de actuar nos canlóns de recollida de augas pluviais ou a reparación da cancela traseira. O centro tamén ten rexistrado incidencias en relación relacionadas cos gastos de funcionamento: no 2021 a subministradora da electricidade reclamaba facturas sen pagar que lle correspondían ao Concello e, ante a necesidade de desratización, tivo que asumir o gasto o centro por razóns de salubridade e posteriormente reclamar o pago ao Concello.

A todo isto súmase a ausencia da figura do conserxe no centro por terceiro ano consecutivo tras ser retirada polo propio alcalde, a pesar de ser un servizo básico para atender as necesidades cotiás do centro que lle corresponde prestar ao Concello. “Pero non é o único servizo básico ameazado polo alcalde, xa que chegou a dicir que deixaría de pagar a luz e o servizo de limpeza do colexio”.

Grueira esixe que o Concello garanta, de forma efectiva e continuada, o mantemento, conservación, reparación e limpeza das instalacións e do recinto escolar, atendendo ás deficiencias comunicadas reiteradamente polo centro; a cobertura do servizo de conserxería e o cumprimento das obrigas económicas e de funcionamento que lle corresponden.

O PPdeG pon en valor o impulso da Xunta ao solo industrial coa ampliación do parque empresarial do Corgo

O PPdeG reivindicou hoxe o pulo da Xunta de Galicia ao tecido industrial e empresarial da provincia coa aprobación definitiva da ampliación do parque empresarial do Corgo como Proxecto de Interese Autonómico (PIA), unha medida estratéxica que permitirá licitar as obras o vindeiro ano.

Durante unha visita recente ás instalacións do polígono, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Sanz e Manuel Mato, puideron coñecer de primeira man os detalles do proxecto. Esta ambiciosa actuación contará cun investimento estimado de 11,6 M€ para incrementar a superficie desta área empresarial en máis de 200.000 m² –en concreto, 203.089 m²-, ata superar unha superficie total de 347.000 m². Os populares enxalzaron a celeridade do Goberno galego, que iniciará de inmediato o trámite de expropiación de terreos mentres traballa en paralelo no proxecto de urbanización para axilizar os prazos ao máximo.

Neste senso, explicaron que o proxecto inclúe a construción dun novo viario principal, que descorrerá paralelo ao actual, e a prolongación dos transversais existentes para dar servizo ás novas parcelas. A intervención tamén incorporará zonas verdes, unha parcela destinada a equipamentos públicos e a habilitación de 1.138 prazas de aparcamento, das que 319 serán de carácter público. Esta ampliación faise de xeito urxente dado que as 144.159 m² da superficie actual están xa vendidas na súa totalidade.

Para a deputada popular Cristina Sanz, este paso adiante é unha proba do “compromiso real da Xunta co dinamismo económico de Lugo”, ofrecendo espazos competitivos para que as empresas poidan medrar e crear emprego no territorio. Porque, segundo dixo, dotar de solo industrial de calidade aos concellos resulta fundamental para fixar tecido produtivo e garantir o desenvolvemento e o futuro da contorna rural.

Pola súa banda, o deputado Manuel Mato remarcou que “a verdadeira política industrial faise con feitos e investimentos directos nas infraestruturas”, poñendo en valor que o Goberno galego ten actualmente en marcha a promoción de 1,5 millóns de m² de novo solo empresarial na provincia de Lugo, cun investimento global que supera os 68 M€.

Miguel Fidalgo: “Galicia non pode seguir sendo a que máis aposta polo naval e a que menos respaldo recibe do Goberno de España”

O Parlamento de Galicia vén de aprobar –sen votos en contra- unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular para continuar recoñecendo e impulsando o carácter estratéxico do sector naval galego como motor industrial, tecnolóxico e de creación de emprego, co obxectivo de consolidar a súa posición como potencia naval europea e mundial. “Galicia non pode seguir sendo a que máis aposta polo naval e, ao mesmo tempo, a que menos respaldo recibe do Goberno de España”, remarcou Miguel Fidalgo.

“O que propoñemos –dixo- é recoñecer o camiño que está a seguir o Goberno galego e reclamar que o Goberno de España acompañe ese reforzo cun compromiso estable”. Un compromiso, explicou, que estea á altura do peso económico de Galicia, da súa capacidade exportadora e da súa contribución á soberanía industrial e tecnolóxica do país. A iniciativa insta ao Executivo central a amosar unha sensibilidade especial coas necesidades do sector naval galego mediante o impulso de políticas enerxéticas, laborais, fiscais, industriais e tamén de financiamento que favorezan a súa competitividade.

Neste senso, o parlamentario popular defendeu a necesidade de que a Xunta de Galicia dea traslado ao Executivo de España do Plan Director da Construción Naval 2025-2027. “Unha folla de ruta, con 63 M€ e máis de 60 medidas para impulsar a dixitalización, a innovación, a internacionalización, a formación e as infraestruturas”, indicou. O propósito é que a Administración do Estado, no ámbito das súas competencias e en colaboración coa Unión Europea, deseñe un plan de apoio que complemente o dito plan director e garanta a carga de traballo dos estaleiros e da industria auxiliar nos vindeiros anos.

Do mesmo xeito, demanda que as institucións da Unión Europea desenvolvan novas medidas de apoio á innovación, á formación e á adaptación tecnolóxica para reforzar a capacidade de tracción do sector sobre o tecido económico de Galicia.

UN PIAR FUNDAMENTAL
Tal e como salientou Miguel Fidalgo, o sector naval galego atravesa un dos mellores momentos das últimas décadas, cunha carteira de pedidos que garante carga de traballo para varios anos e un incremento sostido do emprego. Na actualidade, Galicia concentra arredor do 40 % da carteira de pedidos de todo o Estado, un impacto económico que representa aproximadamente o 3,5 % do PIB galego e xera 14.000 postos de traballo directos.

Durante a súa intervención, o parlamentario popular referiuse á recente celebración en Vigo da décima edición da feira internacional Navalia, a cal volveu evidenciar a fortaleza deste ecosistema, acadando cifras récord con máis de 600 expositores e preto de 1.200 marcas representadas. Por este motivo, a iniciativa aprobada recolle o mandato de continuar apoiando este evento estratéxico como escaparate internacional da capacidade industrial galega e ferramenta de xeración de oportunidades comerciais.

RETOS DE FUTURO E ESTABILIDADE LABORAL
Miguel Fidalgo apuntou que este contexto positivo non debe ocultar os importantes desafíos de futuro. Así, incidiu na importancia de liderar ámbitos como a descarbonización do transporte marítimo, a aplicación da intelixencia artificial e os sistemas autónomos, sen esquecer a necesidade de garantir persoal cualificado e reforzar a formación profesional e universitaria vinculada ao naval.

Finalmente, avogou por favorecer o diálogo social e a estabilidade laboral no conxunto da cadea de valor do naval, promovendo en todo momento condicións de traballo dignas, seguras e de calidade, ao tempo que se continúa poñendo en valor publicamente a histórica e estratéxica contribución deste sector ao desenvolvemento de Galicia.

O PPdeG esixe ao Goberno central a cesión gratuíta dos activos da SAREB en Galicia para ampliar o parque público de vivenda

“Moitos destes bens foron rescatados co diñeiro de todos os cidadáns e o lóxico é que revertan directamente no benestar social dos galegos”, sinalou hoxe o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, ao anunciar a presentación dunha proposición non de lei no vindeiro pleno para esixirlle ao Goberno de España a cesión gratuíta e definitiva de todas as vivendas e solos da SAREB situados na comunidade autónoma.

Pazos detallou que, segundo datos oficiais, a SAREB dispón en Galicia dun patrimonio residencial inmobilizado de 1.756 vivendas e 2.654 solos, concentrados maioritariamente nas zonas onde máis se necesita ampliar o mercado –máis de 1.000 vivendas na Coruña, ao redor de 400 en Pontevedra, preto de 200 en Lugo e case unha vintena en Ourense-. “A cesión gratuíta destes activos permitiría ampliar de forma inmediata o parque público de vivenda para destinalo ao alugueiro social e a programas de acceso á vivenda protexida”, remarcou.

Neste senso, o portavoz contrapuxo o modelo do PPdeG, baseado “no servizo público e o sentido común”, co de Pedro Sánchez, que “prefire xestionar o solo desde unha lóxica de especulación financeira”: “Galicia ten proxecto, ten estratexia e sabe como poñer eses recursos a funcionar; o único que falta é a vontade política do Goberno central”.
MÁIS TRANSPARENCIA E MENOS INTERVENCIONISMO
Seguindo co bloque de vivenda, o Grupo Popular defenderá unha segunda iniciativa para esixir ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana “información clara, detallada e accesible” sobre o número total de inmobles postos a disposición en Galicia, a súa localización exacta, así como tamén a data real de entrega das chaves aos propietarios ou adxudicatarios. “A política de vivenda non se mide polo fume dos anuncios, senón polas vivendas construídas, entregadas e habitadas”, salientou Pazos, quen criticou a política de anuncios, titulares e propaganda do Executivo de Pedro Sánchez.

Así mesmo, os populares formularán unha pregunta oral para avaliar o impacto real dos últimos reais decretos lei estatais. Pazos cualificou estas medidas de “puramente intervencionistas” e advertiu que, lonxe de achegar solucións, “só conseguen xerar inseguridade xurídica aos propietarios, provocando que se retiren aínda máis inmobles do mercado”. Fronte a isto, o portavoz puxo en valor que a Xunta responde con feitos a través das máis de 4.000 novas vivendas de promoción pública en marcha e o despregamento de medidas pioneiras como o impulso de novo solo residencial ou a facilidade para converter baixos en vivendas: “O problema da vivenda soluciónase construíndo e dando facilidades, non con receitas intervencionistas que afogan o mercado”, subliñou.

AVAL XURÍDICO AO SECTOR EÓLICO
Así mesmo, o PPdeG preguntará sobre o impacto da recente resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) arredor do parque eólico de Bustelo: “A xustiza aplica a doutrina do Tribunal Supremo e avala, punto por punto, o rigor técnico, ambiental e xurídico co que tramita a Xunta de Galicia”. Neste punto, incidiu en que “cada parque paralizado de forma inxustificada supuxo un atranco á competitividade e puxo en risco investimentos cruciais para o emprego”.

Para rematar, o portavoz popular informou dunha iniciativa para denunciar o “abandono” por parte do Goberno central do proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo, cualificándoo como “un novo engano” cunha cidade que agarda por esta infraestrutura desde hai case dúas décadas.

Finalmente, Alberto Pazos anunciou a comparecencia do conselleiro de Sanidade, a petición propia, para informar polo miúdo do novo Plan de Reforma de Atención Primaria e Comunitaria 2026-2030.

Alberto Pazos: “España merécese un Executivo que se pareza máis a un goberno democrático que ao clan dos Soprano”

“Estamos ante un Goberno central en absoluta descomposición”, apuntou, hoxe, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, quen indicou que a convocatoria de eleccións xerais anticipadas para o vindeiro 29 de novembro “non responde a un interese democrático, senón que é unha fuxida cara adiante de Pedro Sánchez coa única intención de tapar a corrupción sistémica do sanchismo.

“España merécese un Executivo que se pareza máis a un goberno democrático que ao clan dos Soprano”, recriminou o portavoz, quen, a este respecto, referiuse ás diferentes frontes abertas na Audiencia Nacional. E apuntou, tamén, ás últimas informacións xudiciais sobre os plans dunha trama criminal para apartar á xuíza que instrúe a causa do irmán de Pedro Sánchez: “Resulta extremadamente grave”. Sumado a isto, fixo referencia ao “espectáculo inaceptable da amnistía e a impunidade” de Puigdemont. E é que, tal e como recordou, é “o mesmo Puigdemont que Pedro Sánchez prometeu traer a España para poñelo en mans da xustiza”.

Por todo isto, Pazos incidiu en que o vindeiro 29 de novembro os españois terán que escoller entre o modelo dun Executivo acurralado pola Xustiza que rompe consensos, ameaza a xuíces, fai listas negras de xornalistas e depende de quen quere romper o país; ou a alternativa do modelo galego: “O camiño do rigor, das certezas, dos acordos de maioría e do respecto absoluto ás institucións”.

RESOLVER CON FEITOS EN MATERIA DE VIVENDA
Asemade, o portavoz popular destacou que a vivenda é unha “absoluta prioridade” para a Xunta, e puxo en valor o anuncio do presidente Rueda dunha nova liña estratéxica de 7 millóns de euros para axudar aos concellos a construír vivenda pública municipal, con ata 80.000 euros por fogar e protección pública permanente.

“Fronte ao populismo e a demagoxia da oposición, que vén ao Parlamento a facer soar chaveiros sen ter repartido nin unha soa chave dunha vivenda pública alá onde teñen responsabilidades, a realidade de Galicia mídese en compromisos cumpridos”, subliñou Pazos. Neste senso, lembrou que neste ano 2026 Galicia ten 4.670 vivendas públicas en marcha e mantén firme “o obxectivo histórico” de duplicar o parque público antes de que remate o ano 2028. “Porque Galicia –engadiu- non vive de slogans”.

Do mesmo xeito, censurou que a esquerda galega “aplauda os titulares que veñen de Madrid”, pero vote en Galicia en contra de medidas dirixidas á mocidade e á vivenda protexida, en referencia ao anuncio desta semana de Pedro Sánchez: “Intentan vendernos como unha solución pioneira e revolucionaria unha medida que o Goberno galego leva aplicando con éxito desde 2023”.

UN GRAN PACTO DE PAÍS FRONTE Á CONFRONTACIÓN
Pazos amosou a “enorme satisfacción” dos populares despois de que o Parlamento dese luz verde ao novo Plan xeral de normalización da lingua galega, que cualificou como un “fito histórico” e “un gran pacto de país”.

“O galego non é nin debe ser un elemento de confrontación, senón o maior patrimonio que nos une”, salientou o portavoz, quen criticou a estratexia do “non a todo” dun BNG “radicalizado e ancorado na confrontación” e que quedou “só e illado na súa propia intransixencia” por ser incapaz de sentarse a debater coas demais forzas políticas e de asinar un pacto proposto polo PPdeG: “Fronte aos da imposición que fractura, gañou a cordialidade que une. Onte gañou Galicia”.

FALECEMENTO DE XOSÉ MANUEL BEIRAS
Pazos aproveitou a súa intervención para amosar o “respecto e fondo pesar” polo falecemento de Xosé Manuel Beiras. En nome do Grupo Parlamentario Popular, trasladou as condolencias á súa familia, aos seus amigos e a todo o nacionalismo galego: “Con independencia das evidentes e fondas distancias políticas, as persoas están sempre por riba das ideoloxías e resulta obrigado trasladar o noso máximo respecto a quen durante tantos anos formou parte desta casa, sendo, ademais, un destacadísimo membro da vida política de Galicia”.