O Grupo Popular lamenta que “mentres perdemos o tempo debatendo sobre a quita da débeda, Pedro Sánchez négase a abordar o problema real da falta dun financiamento xusto”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia non ten un problema de débeda senón de financiamento”, polo que lamentou que “mentres perdemos o tempo debatendo unha quita da débeda que só beneficia aos que peor xestionaron as súas contas, o señor Sánchez négase unha e outra vez a abordar o problema real da falta dun financiamento xusto para os que si fixemos os deberes”.

Alberto Pazos compartiu coa moción do BNG debatida hoxe na sesión plenaria a demanda ao Goberno central do pago das entregas a conta pendentes e a asunción dos sobrecustos causados a Galicia pola súa neglixencia. “Esta actuación dolosa e incluso revanchista do Goberno de Pedro Sánchez supón que Galicia deixe de ingresar 127 millóns de euros cada mes, aos que deberemos engadir uns 14 millóns máis en gastos financeiros ao remate do ano”, apuntou.

MUTUALIZACIÓN DA DÉBEDA

“O que resulta sorprendente é a súa teima en reclamar que o Goberno galego acepte unha proposta de quita da débeda que rexeitaría calquera párvulo con coñecemento básico de matemáticas e un mínimo de sentido común”, manifestou o portavoz popular. Así, incidiu que “a operación que se nos ofrece é unha mutualización da débeda deseñada para contentar aos socios parlamentarios do señor Sánchez a cambio de prolongar uns meses máis a súa estancia na Moncloa, sen ter en conta, en ningún momento, nin as necesidades, nin os intereses, nin a opinión de Galicia”.

En concreto, Pazos lembrou que a condonación proposta polo Goberno central suporía que a débeda de cada galego se incrementaría en 221 euros, xa que á rebaixa que suporía para a débeda da Comunidade autónoma (1.477 euros por habitante), habería que sumarlle o incremento que tería a débeda per cápita do Estado (1.698 euros). “Esta é a realidade do atraco que se pretende perpetrar ao peto de todos os galegos”, dixo.

DE CUARTA CON MÁIS DÉBEDA, A CUARTA CON MENOS

Alberto Pazos engadiu que “se nos acusa de que Galicia triplicou a débeda durante a crise, pero ocultan que pasamos de ser a cuarta comunidade autónoma con máis débeda na etapa do Goberno bipartito a ser a cuarta comunidade de réxime común con menor débeda”. “Gracias a esta xestión dos gobernos do PPdeG, Galicia non tivo que ser intervida, nin tivo que ser rescatada e mantivo ou seu autogoberno intacto”, salientou.

Para rematar, o portavoz popular indicou que, “como colofón a este disparate, os nacionalistas galegos insisten en reclamar un concerto económico que significaría o afundimento total da economía galega: entre 2.000 e 3.000 millóns de euros menos de ingresos por ano, segundo o puxo de manifesto o Foro Económico de Galicia”. “Unha vez máis, prevalece o ideolóxico sobre o lóxico, e os intereses da UPG sobre os intereses de Galicia”, subliñou.

O Grupo Popular solicita a elaboración dun protocolo para o acompañamento das persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios

O Grupo Popular vén de solicitar no Parlamento de Galicia que a Xunta estude a elaboración dun protocolo para o acompañamento das persoas con discapacidade visual no centros sanitarios galegos, en consenso e coa participación dos profesionais da saúde e das organizacións que traballan para garantir e ampliar as súas condicións de accesibilidade e inclusión.

Os deputados populares Jesús María Fernández Rosende e Raquel Arias mantiveron un encontro co presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, no que se puxo de manifesto que as posibilidades de desorientación dentro do centro sanitario son especialmente elevadas en persoas con discapacidade visual. Por este motivo, é necesario xerar un ambiente que onde se garanta a autonomía da persoa e o apoio necesario para a plena inclusión das persoas con discapacidade visual, favorecendo que se centre en aproveitar a consulta, a proba ou o tratamento para mellorar a súa saúde.

ELEMENTO ESENCIAL

“O obxectivo é potenciar as estratexias de humanización dos centros sanitarios fomentando a accesibilidade de persoas con discapacidade visual mediante o acompañamento por parte de profesionais da sanidade pública”, indicou o deputado popular Jesús María Fernández Rosende.

Neste sentido, os deputados populares incidiron que “a accesibilidade universal é unha condición previa para a participación e inclusión na sociedade das persoas con discapacidade, polo que a obriga de proporcionar accesibilidade é un elemento esencial para facer posible o dereito á igualdade plena e efectiva”.

O PPdeG salienta o traballo das fundacións culturais galegas na conservación do patrimonio material e inmaterial do galeguismo

Os deputados do Grupo Popular José Luís Ferro e Juan Casares visitaron a Fundación Curros Enríquez en Celanova para poñer en valor o gran traballo destas entidades culturais galegas na conservación do patrimonio material e inmaterial do galeguismo. Neste sentido, salientaron que a Xunta, consciente da importancia das fundacións de escritores galegos, está a facer unha aposta importante para o seu mantemento e para que poidan continuar a desenvolver proxectos, campañas e actividades a prol da cultura e a lingua galegas.

Aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas, José Luís Ferro e Juan Casares visitaron a Fundación Curros Enríquez, onde puideron comprobar o importante traballo que desenvolve esta entidade a través de actividades culturais, congresos, seminarios, recitais poéticos, concertos, conferencias, obradoiros literarios, publicacións e atención a escolares, así como a entrega dun premio anual para recoñecer a personalidades e entidades que ao longo da súa vida se teñen significado especialmente polo seu labor a prol da cultura galega en todas as súas facetas.

FARO DE CONSERVACIÓN

“Con máis de 20 anos ás súas costas, a Fundación Curros Enríquez e todas as de semellante condición que están espalladas pola xeografía galega son un faro da conservación do patrimonio material e inmaterial do galeguismo”, sinalou José Luís Ferro, ao tempo que Juan Casares afirmou que “sabermos de onde vimos é fundamental para entender onde estamos e, sobre todo, para proxectar cara onde imos”.

A Fundación Curros Enríquez foi a primeira casa dun poeta recuperada para un proxecto cultural, feito ao que se engade, como indicou José Luís Ferro, que “é filla da emigración, ao ser comprada en 1927 pola Unión Ourensana da Habana e herdeira do Padroado pro Casa de Curros Enríquez do ano 1952”.

A Xunta forma parte da maioría dos padroados máis fundacións culturais máis importantes de Galicia e participa no seu funcionamento, no só dun xeito activo, senón tamén coa achega anual de contías económicas que garanten dalgún xeito o seu funcionamento cotiá.

Os deputados Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez acompañan aos participantes no Día do Pequebasket en Carballo

Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez acompañaron esta mañá aos participantes na XI edición do Día do Pequebasket de Carballo, unha iniciativa que conta coa colaboración da Xunta de Galicia dentro do seu programa de actividades dirixidas ao fomento do deporte entre a mocidade galega.

Rubén Lorenzo destacou que o Día do Pequebasket de Carballo “converteuse nun referente a nivel galego e tamén nacional polo impulso que supón para o fomento da actividade deportiva entre os máis pequenos de Bergantiños e de toda Galicia”. En concreto, nesta edición participan 475 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos de idade integrantes de 44 equipos pertencentes a 25 clubs de toda a Comunidade galega.

“Estamos a falar dunha actividade que se organiza todos os 17 de maio e está organizada polo Basket Xiria de Carballo, a quen agradecemos o seu traballo na organización desta xornada festiva para pequenos e familias que, en moitos casos, supón o primeiro contacto cun evento de convivencia deportiva”, sinalou o deputado popular.

Así mesmo, Rubén Lorenzo destacou a colaboración da Xunta neste evento do mesmo xeito que está a facer con outras competicións, tanto federadas como escolares. En concreto, referiuse aos case 250.000 escolares de entre 6 e 16 anos de toda Galicia que gozan das axudas prestadas pola Administración galega, destacando, sobre todo, os máis de tres millóns de euros que cada ano se destinan ao contrato do seguro deportivo que os cubre nas súas competicións.

O PPdeG destaca que a lista de espera cirúrxica no Hospital de Monforte está 31 días por baixo da media galega e son 90 días menos que en España

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, e a tamén deputada e portavoz municipal, Katy Varela, salientaron hoxe que a lista de espera para intervencións cirúrxicas no Hospital Comarcal de Monforte situouse no 2024 en 36 días, moi por debaixo dos 67 días de media galega e 90 días menos que a espera a nivel estatal.

Encarna Amigo e Katy Varela aseguraron que “o Hospital de Monforte consolidouse como un referente no conxunto da rede sanitaria pública galega, gracias a unha xestión eficiente e ao compromiso diario dos seus profesionais”.

Os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade sitúan ao Hospital de Monforte entre os centros sanitarios comarcais de Galicia con mellor desempeño, só superado polo Hospital do Barbanza (29 días de espera media para unha intervención cirúrxica) e por enriba do Hospital da Mariña lucense (con 46 días de espera media)

RENOVACIÓN DE 10.000 METROS CADRADOS

As deputadas populares destacaron que Galicia foi en 2024 a cuarta comunidade autónoma con menor tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica e a terceira comunidade con menor tempo de espera para a primeira consulta co especialista. Ademais, apuntaron que durante o pasado ano se rexistraron cifras récord, como as máis de 204.800 intervencións cirúrxicas, cun 28 por cento máis de prioritarias, e máis de 4,8 millóns de consultas externas.

“Xunto a estes bos datos de listas de espera, o Hospital de Monforte continúa incorporando melloras para a atención aos seus pacientes, como é a posta en marcha da nova área de neumoloxía e de dixestivo, á que se destinaron cerca de un millón de euros e que ocupará unha superficie de 641 metros cadrados”, manifestaron.

Estas actuacións forman parte do Plan director de reforma integral do Hospital de Monforte que a Xunta está a desenvolver, a través do que se renovarán 10.000 metros cadrados de superficie para crear espazos máis amplos, modernos e funcionais, adaptados ás necesidades actuais da atención sanitaria.

Alberto Pazos pide ao BNG que “abandone a pancarta, volva ao rego e traballemos todos xuntos na elaboración dun gran Pacto pola Lingua”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe ao BNG que “abandone a pancarta, volva ao rego e traballemos todos xuntos na elaboración dun gran Pacto pola Lingua, que garanta o futuro dunha lingua que pertence a todos os galegos e que entre todos imos garantir a súa expansión”.

Alberto Pazos manifestou que “celebramos mañá o Día das Letras Galegas nun momento que creo especial para o futuro do galego, xa que está aberto un proceso para a formalización dun gran Pacto pola Lingua e para a renovación do Plan Xeral de Normalización Lingüística”.

Porén, lamentou que “neste proceso, como en todo o que ten que ver co futuro de Galicia e que supoña algún beneficio para os galegos, o BNG decidira botarse fóra de xeito unilateral, chegando incluso a intentar boikotear a primeira das reunións celebradas deste Pacto pola Lingua incitando aos presentes a abandonar este proxecto”. “Felizmente, o éxito deste boikot traduciuse no abandono das dúas únicas persoas que promovían esta acción, como se confirmou posteriormente moi relacionadas co círculo máis próximo ao BNG e ás súas organizacións satélites”, dixo.

ACHEGAS EN TOTAL LIBERDADE

“Estamos a falar dun pacto no que están a participar máis de 130 expertos, representando ás máis diferentes entidades, institucións ou organismos relacionados coa nosa lingua, que traballan en total liberdade facendo as súas achegas para que o galego teña un futuro firme e de expansión”, explicou o portavoz popular, quen criticou que os nacionalistas “se creen os amos e señores de todo o relacionado coa nosa lingua, algo totalmente equivocado xa que o galego é propiedade de todos os galegos e forma parte substancial do patrimonio da nosa sociedade”.

Alberto Pazos sinalou que “debemos amosar o noso orgullo porque o galego sexa o idioma cos niveis de competencia máis elevados entre todas as linguas cooficiais existentes en España, pero sendo conscientes da necesidade de impulsar o seu uso e prestixio, para o que é fundamental avanzar na elaboración dese gran Pacto pola Lingua”.

Deste xeito, subliñou que “o BNG e as súas organizacións satélites continuarán tendo as portas abertas, sempre que a súa participación sexa de boa fe e para traballar conxuntamente no beneficio da nosa lingua”, pero afirmou que “o que estamos a comprobar é que dirixen todas as súas forzas a intentar impoñer a súa doutrina respecto da nosa lingua, pero desde fóra do foro que está a traballar polo futuro do galego”.

Por outra banda, e logo da celebración da Comisión de control da Corporación de Radio e Televisión de Galicia na que se designou a María Concepción Pombo Romero como candidata á Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, Alberto Pazos avanzou que o seguinte paso para a súa elección será a comparecencia na mesma Comisión o vindeiro 27 de maio para examinar a súa idoneidade para o cargo.

COMPARECENCIA EN COMISIÓN E ELECCIÓN EN PLENO

Unha vez cumprido este trámite, a candidata quedará pendente da súa elección no Pleno: ben por unha maioría de dous terzos, nunha primeira votación; unha maioría de tres quintos, nunha segunda votación noutro Pleno; e, finalmente, no caso de non chegar a acadar estes apoios, procederase a unha nova votación na que a elección se realizará por maioría absoluta nun terceiro Pleno.

Alberto Pazos lembrou que “o Grupo Popular amosou desde o primeiro momento a mellor intención para consensuar con todos os grupos políticos o perfil idóneo da persoa que debería asumir a Dirección Xeral da nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, pero, a pesar de compartir tanto co BNG como co PSdeG a gran maioría dos condicionantes que puxeron enriba da mesa para escoller á persoa que se faría cargo da Dirección Xeral da Corporación, nin nacionalistas nin socialistas foron capaces de propoñer candidato ou candidata algún para este posto”.

Diante desta situación, considerou que existen dúas posibles xustificacións para que BNG e PSdeG non presentaran candidato algún: “que non teñan a ninguén disposto a ocupar este posto de tanta responsabilidade na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, a pesar de levar máis dunha década pedindo o cese ou dimisión do actual director xeral do ente; ou que están moito máis cómodos na crítica que na realización de propostas viables polo ben de Galicia e dos galegos”.

“Será que os grandes coroneis da UPG prefiren por enriba de todo trasladar a súa negra visión da radio e televisión públicas galegas, que en poñer enriba da mesa posibles solucións ou propostas alternativas ás do Partido Popular; ou que aos socialistas se lles van todas as forzas e posibles candidatos na súa labor de okupación e desprestixio continuado da radio e televisión españolas, conseguindo os niveis máis baixos de audiencia de toda a súa historia e que agora está volcada na recuperación do prestixioso Salvame que tantas tardes de gloria rosa deu noutras canles privadas”, manifestou o portavoz popular.

TRANSPARENCIA SOBRE ALTRI

Para rematar, Alberto Pazos demandou unha rectificación pública ao viceportavoz do BNG, Luis Bará, porque “foi capaz de denunciar a bombo e prato nunha rolda de prensa que a Xunta non facilitara toda a documentación que solicitaran os nacionalistas respecto da aprobación da declaración de impacto ambiental para o proxecto de Altri en Palas de Rei e, ao día seguinte, retirar esta mesma solicitude de documentación”. “Debeu ser que revisou ben os papeis que xa lle enviara a Consellería, porque entre eles xa figuraban todos os documentos que un día antes aseguraba que non lle fixeran chegar”, apuntou.

Deste xeito, pediu “un pouco de responsabilidade e menos demagoxia e terxiversación co proxecto de Altri, porque está demostrado que a Xunta non ten nada que esconder e está traballando con total transparencia, facilitando toda a información que se lle solicita por parte dos grupos da oposición”.

O Parlamento de Galicia demanda a difusión a través de campañas informativas da fórmula do cooperativismo como unha forma de autoemprego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda a difusión a través de campañas informativas da fórmula do cooperativismo como unha forma de autoemprego, divulgando especialmente entre os máis novos as vantaxes deste tipo de emprendemento.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, afirmou que “o cooperativismo, como modelo de emprendemento social e económico, é unha prioridade para Galicia, para o Goberno galego e para o Partido Popular”. Neste sentido, considerou “necesaria unha estratexia institucional, que, se non vai acompañada dunha boa difusión, queda nun documento para despachos, lonxe da cidadanía ou das persoas con inquedanzas que buscan un futuro distinto”.

PREPARAR O TERREO

“Para que unha lei sexa eficaz, hai que preparar o terreo, porque hai moita xente que aínda non coñece o cooperativismo como opción real e tamén hai mozos que nestes momentos están a buscar modelos distintos de traballo que poden atopar aquí un camiño de futuro”, sinalou.

Noelia Pérez destacou que “as axudas e o apoio do Goberno galego foron fundamentais para acadar que o 7 por cento do PIB galego estea ligado á economía social ou que na actualidade existen máis de 2.000 cooperativas nesta comunidade”. En concreto, referiuse a programas como Aprol Economía Social, o Bono Consolida, o ES Transforma ou a Rede Eusumo, “a través das que moitas persoas atoparon no cooperativismo unha saída laboral estable e digna, sobre todo en sectores clave como os coidados, a educación e o agroalimentario”.

De cara ao futuro, manifestou que “cando falamos de seguir establecendo medidas nos estamos a referir á simplificación de trámites, ao asesoramento técnico especializado, á constitución de subvencións específicas ou ao acompañamento nos primeiros anos de actividade con formación e mentorización”.

O Grupo Popular critica que o BNG torpedeara a creación das casas-niño no rural e agora pretenda apropiarse delas

O deputado do Grupo Popular Víctor Baladrón criticou hoxe no Parlamento de Galicia que o BNG “intentara torpedear desde o principio a creación das casas-niño no rural galego e agora, cando ven que é útil e esta iniciativa está ben valorada, pretenden apropiarse del politicamente”.

“As casas-niño son unha ferramenta fundamental para a conciliación no rural, e convertéronse nun exemplo do que representa esa Galicia que funciona: unha Galicia que non se resigna, que aposta pola calidade de vida nos concellos pequenos, que da apoio ás familias e que permite que moitos profesionais desenvolvan un proxecto vital sen ter que marchar”, sinalou o deputado popular.

Víctor Baladrón lembrou que as casas-niño naceron en Galicia en 2016 co obxectivo de ofrecer unha alternativa de conciliación real e próxima ás familias do rural galego, en concellos de menos de 5.000 habitantes onde non é viable abrir unha escola infantil tradicional. “Trátase dun modelo pioneiro en España que a día de hoxe xa supera as 100 casas-niño activas e que da servizo a máis de 500 familias”, destacou.

Así mesmo, afirmou que, segundo se recolle na orde publicada o pasado 20 de xaneiro, a continuidade das casas-niño “está totalmente garantida, como mínimo, ata o 2028, cun investimento total de 10,5 millóns de euros”.

O Grupo Popular asegura que todos os pacientes con síndrome post-covid teñen garantida a atención sanitaria, tanto a través da primaria como da hospitalaria

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Parlamento galego que BNG e PSdeG “utilicen agora a COVID persistente como arma política, distorsionando a realidade e creando alarma onde hai unha resposta organizada e solvente”. Así, asegurou que “todos os pacientes que sofren síndrome post-covid teñen garantida a atención sanitaria que precisan, tanto en atención primaria como nos centros hospitalarios especializados, segundo a sintomatoloxía que presenten”.

Encarna Amigo explicou que as unidades post-covid do Servizo Galego de Saúde atenderon a 26.474 pacientes entre os anos 2021 e 2024 e apuntou que “a demanda foi caendo ano tras ano porque o número de casos activos se reduciu de forma notable”. “Esa evolución permitiu reorganizar os recursos sempre co aval dos equipos profesionais para garantir a continuidade asistencial nos servizos hospitalarios especializados”, indicou.

PROFESIONAIS PILOTANDO A RESPOSTA

“Non se pode insultar a intelixencia dos profesionais sanitarios insinuando que precisan formación, cando son eles os que teñen pilotado a resposta desde o primeiro día da pandemia”, manifestou a portavoz popular, quen destacou que “temos os profesionais mellor formados da historia, que teñen unha oferta formativa a través do ACIS e da propia consellería cando eles consideran necesario”.

Ademais, subliñou que “Galicia lidera a investigación sobre Covid persistente cun proxecto recoñecido e financiado con 150.000 euros no Hospital Lucus Augusti de Lugo, un aval científico que reforza o noso compromiso coa saúde baseada na evidencia”.

A portavoz popular lembrou que “Galicia respondeu con responsabilidade, rigor e eficacia á pandemia da covid-19, sendo unha das comunidades autónomas que rexistrou menos falecemento por esta enfermidade gracias a unha xestión sanitaria solvente, á implicación dos profesionais e ao compromiso da cidadanía”. Neste sentido, afirmou que “lideramos as primeiras campañas de vacinación, acadando as taxas máis altas de inmunización de toda España, e a día de hoxe seguimos a ser das comunidades con maior aval vacinal ano tras ano”.

O PPdeG reclama ao Goberno central que poña fin ao “colapso ferroviario” que sofre Galicia para “non lastrar as oportunidades da mocidade galega”

O Partido Popular de Galicia reclama ao Goberno central a adopción, con urxencia, de todas as medidas necesarias para resolver a situación de “colapso ferroviario” que sofre a nosa Comunidade en canto “está a limitar as oportunidades e o benestar da mocidade galega”.

Faino a través dunha iniciativa que os populares galegos veñen de rexistrar no Parlamento galego logo de que Novas Xeracións de Galicia trasladara o “calvario” que sofren a diario milleiros de mozos que “ven os seus plans en suspenso por mor da falta de trens, da escaseza de conexións, das dificultades para atopar un billete que lles asegure chegar ao seu destino ou mesmo das deficiencias que en ocasións provocan que a viaxe se interrompa durante o traxecto”.

Trátase dunha iniciativa que esta mañá presentou a presidenta da organización xuvenil do PPdeG e deputada autonómica, Nicole Grueira, nas inmediacións da estación de tren de Lugo acompañada polos presidentes de NNXX na provincia, Miguel Gallego, e na cidade, Santiago Amedo, e outros compañeiros xunto aos que reclamou “uns servizos ferroviarios de calidade á altura dunha Galicia de calidade”.

A elección da estación ferroviaria da capital lucense non foi casual, xa que, tal e como asegurou, Lugo é “unha das provinciais máis incomunicadas de Galicia”. Referiuse así ao feito de que “todas as estradas nacionais se atopan en mal estado, as autovías están sen rematar e a nova estación intermodal verá limitadas as súas capacidades ao non ter acceso aos servizos de Alta Velocidade”.

Por todo isto, a iniciativa parlamentaria subliña que “é necesario esixir solucións ao Goberno de España para que Galicia conte cunha rede ferroviaria que funcione, que respecte aos seus usuarios e que devolva á mocidade a capacidade de planificar a súa vida sen incertezas”.