O Parlamento de Galicia pide que a reforma do Estatuto Marco dos profesionais sanitarios se faga co consenso e participación das comunidades autónomas e dos sectores implicados

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra tanto do BNG como do PSdeG, a través da que pide ao Goberno central que a reforma do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde se realice co consenso e participación efectiva das Comunidades Autónomas e dos sectores profesionais implicados. Así mesmo, demándase que esta reforma contribúa a dar resposta ao déficit de profesionais sanitarios, especialmente en atención primaria e nos postos de difícil cobertura.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, manifestou que a oposición ao Estatuto Marco presentado polo Ministerio de Sanidade “é unha demanda maioritaria dos profesionais médicos en Galicia e en todo o conxunto de España”. “Un texto que nace coa frontal oposición dos profesionais é un texto condenado ao fracaso, do mesmo xeito que non se pode reformar esta norma sen contar coas comunidades autónomas, que son as competentes na organización e prestación da asistencia sanitaria”, indicou.

MINISTRA INCAPAZ

“Levamos meses sufrindo paros e folgas continuas, totalmente lexítimas, pero quen acaba pagando o prezo non é o Ministerio, senón os pacientes, e os galegos non merecen sufrir o froito de ter unha ministra incapaz de resolver un problema que ela mesma xerou”, sinalou a portavoz popular.

En concreto, cifrou en máis de 86.000 asistencias médicas que non se realizaron en Galicia a consecuencia dos paros e folgas convocados nestes últimos meses, unha situación da que o Servizo Galego de Saúde se resinte directamente, véndose obrigado a reprogramar toda a actividade suspendida, co conseguinte incremento de tempos nas listas de espera.

Encarna Amigo lamentou que “o conflito segue aberto porque o Ministerio non quere escoitar: chegamos a un punto no que a incapacidade dos responsables do Ministerio é tan patente que incluso intentaron derivar o problema nas comunidades autónomas”. Neste sentido, criticou que o Goberno de Pedro Sánchez “despreza aos profesionais, minusvalora o conflito, deixa medrar a confrontación e, cando a situación se volve insostible, pretende derivar o problema a unhas comunidades autónomas que ignoraron desde o principio”.

“Pedimos consenso e participación real, así como unha memoria económica e técnica, para que a reforma sirva para dar resposta ao déficit de profesionais, especialmente en atención primaria e nos postos de difícil cobertura”, rematou.

O Grupo Popular afirma que a proposta do BNG de calcular o canon eólico pola potencia do parque “é legalmente imposible e politicamente incoherente”

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposta do BNG de que o canón eólico se calcule pola potencia total do parque “é legalmente imposible e politicamente incoherente, e non se pode facer porque o Tribunal Supremo dixo que o canon é ambiental; o Tribunal de Xustiza da Unión Europea dixo que non pode haber vínculo coa produción; a Atriga advertiu que sería ilegal; e a Consellería de Economía explicou que vulnera a Lei orgánica de financiamento das comunidades autónomas”.

“O BNG é o único partido capaz de estar contra os parques eólicos novos, contra a eólica mariña, contra os parques que xa existen e tamén contra os parques repotenciados, e todo isto ao mesmo tempo que no seu discurso piden o desbloqueo do despegue da eólica, máis canon e máis recadación para os concellos”, manifestou Rubén Lorenzo.

Na súa intervención, o portavoz popular afirmou que a reforma da Xunta sobre o canon eólico “é un exemplo de rigor, legalidade e adaptación tecnolóxica, porque o Goberno galego fixo o que había que facer: adaptar o canon á realidade tecnolóxica, pasar de contar máquinas a medir altura tendo en conta o impacto ambiental real; garantir unha recadación estable; evitar que a repotenciación penalice aos promotores, e manter o Fondo de Compensación Ambiental como instrumento de equilibrio territorial”.

“Galicia necesita unha política enerxética seria, estable e coherente, non precisa contradicións, demagoxia, postureo nin propostas imposibles para contribuír á maquillaxe do BNG”, subliñou.

O Parlamento galego aproba a nova Lei do clima de Galicia, que adianta a 2040 o obxectivo de acadar a neutralidade climática

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, a nova Lei do clima de Galicia, “que vai permitir combater con novos instrumentos o cambio climático, que nos vai permitir camiñar cara a unha economía máis eficiente e que vai permitir que todos os nosos sectores produtivos camiñen cara á descarbonización”, indicou o deputado popular Moisés Rodríguez. “Elevamos a rango de lei o obxectivo de Galicia de acadar a neutralidade climática no 2040, dez anos antes que o resto de estados e de comunidades autónomas”, concretou.

Moisés Rodríguez lembrou que “Galicia sempre foi pioneira no ámbito do cambio climático, coa aprobación dunha estratexia que fixou, por primeira vez, o compromiso dunha Galicia climaticamente neutra; os plans rexionais integrados de acción climática; e os plans de acción local polo clima”. Así, sinalou que “a prioridade é protexer á sociedade e á economía ante os riscos derivados deste fenómeno”.

NOVOS ÓRGANOS

“Esta lei permitirá promover todas aquelas accións orientadas a preparar o territorio e protexer á cidadanía dos impactos ambientais e de eventos extremos ligados ao quecemento global, coa creación, por exemplo, de refuxios climáticos que reduzan a vulnerabilidade da poboación ante vagas de calor ou o fomento de solucións baseadas na natureza”, dixo.

O deputado popular referiuse á creación de novos órganos de asesoramento, participación e instrumentos de transparencia previsto nesta nova lei, como a Oficina do Cambio Climático de Galicia, para a xestión e o fomento das políticas de mitigación, adaptación e comunicación en materia de cambio climático; ou o Foro da Acción Climática, máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de cambio climático. Ademais, a nova norma consolida instrumentos que xa están en vigor, como a Rede local polo clima, para promover a adhesión de todos os concellos galegos ao pacto das alcaldías polo clima e a enerxía.

Para rematar, Moisés Rodríguez afirmou que a lei “tamén pon deberes ás administracións” e, en concreto, sinalou que “obriga á Xunta a integrar a perspectiva climática, tanto desde o punto de vista da redución de emisións como da adaptación aos efectos do quecemento global na elaboración dos seus plans e programas sectoriais e na preparación de contratos públicos e nas convocatorias de subvencións”.

“Galicia quere dar exemplo a outras administracións e sentar as bases para regular nesta Comunidade autónoma o fenómeno coñecido como contratación pública verde”, asegurou.

O Grupo Popular contrapón o abandono do Goberno central aos concellos e que a Xunta estea costeando servizos e competencias municipais

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, contrapuxo hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia “o modelo do Goberno de Pedro Sánchez, que abandona aos concellos, non financia o que lle corresponde e impón obrigas sen recursos; e o modelo da Xunta, que está costeando innumerables servizos e competencias que son municipais ou que son competencia doutras administracións”.

Paula Prado criticou ao PSdeG que “non veñen aquí a falar seriamente de financiamento local, senón a tapar a vergoña do novo modelo de financiamento que promove o Goberno de Pedro Sánchez, un modelo que sacrifica a igualdade dos españois para manterse na Moncloa, atendendo as esixencias dos seus socios independentistas e rachando co principio de solidariedade territorial”.

“A Xunta asume competencias que claramente corresponden ás deputacións provinciais e aos concellos de máis de 20.000 habitantes, como as emerxencias, os parques de bombeiros, os GES, as agrupacións de voluntarios de protección civil ou o financiamento do servizo de axuda no fogar, ao que, logo do acordo acadado coa Fegamp, pasará de aportar 148 millóns de euros este ano a máis de 220 millóns en 2028”, indicou a viceportavoz popular.

INCREMENTO DO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL

Neste sentido, Paula Prado asegurou que este servizo “sería moito mellor se o Goberno de Sánchez pagase dunha vez os máis de 2.900 millóns de euros que o Estado debe a Galicia pola prestación da dependencia, ao tempo que aporte de maneira definitiva o 50 por cento que lle corresponden por esta lei para a atención aos dependentes de Galicia”.

Respecto do Fondo de Cooperación Local da Xunta, Prado subliñou que “non deixou de medrar nos últimos anos, marcando un novo récord en 2026 ao chegar aos 187 millóns de euros, logo de incrementarse un 12 por cento respecto ao pasado ano”.

Para rematar, Paula Prado referiuse á situación que se viviu na Deputación de Lugo, onde “o BNG garantiu o sentido do seu voto non para esixir a dimisión do señor Tomé, acusado publicamente dunha agresión sexual, senón por 500.000 euros: un acordo económico, o chamado pacto guarro, que permitiu manter no poder a quen debía dar explicacións políticas”.

“Cando falen de ética, de feminismo ou de financiamento xusto, a pregunta é inevitable: os recurso públicos están ao servizo da cidadanía ou son moeda de cambio para manter cargos a calquera prezo”, cuestionou.

O Grupo Popular incide que o acordo UE-Mercosur “non pode entrar en vigor sen garantías reais para o campo: primeiro o rural, logo o mercado”

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, afirmou hoxe, respecto do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, que “a nosa posición é contundente: ningún acordo pode entrar en vigor sen garantías reais para o campo, sen cláusulas automáticas, sen controis reforzados en fronteira e sen revisar as cargas que soportan os produtores europeos”. “Trátase de dicir: primeiro o rural, logo o mercado”, incidiu.

Miguel Ángel Viso reiterou que “a Xunta solicitará ao Goberno central e á Comisión Europea que non activen de xeito provisional o acordo UE-Mercosur mentres non queden blindadas as garantías para agricultores e gandeiros do regulamento de salvagardas”.

Neste sentido, salientou que o PP logrou no día de hoxe no Parlamento Europeo a aprobación dun mecanismo de salvagardas reais e efectivas para protexer aos agricultores no acordo UE-Mercosur, reducindo os limiares de activación ao 5 por cento e permitindo unha intervención rápida en só 21 días. Así mesmo, logrou que a Comisión Europea impulse un grupo de traballo específico para endurecer o seguimento e control das importacións agroalimentarias.

ESTAR CO SECTOR

“Estar co sector é mobilizar recursos, acompañar, pagar axudas, reforzar servizos, apoiar investimentos, defender mercados e sentarse coas organizacións agrarias cando hai problemas, e a Xunta leva anos demostrando con feitos ese compromiso”, asegurou o portavoz popular.

Porén, lamentou que o BNG “presume de ser o partido do rural pese a que non protexeron aos gandeiros contra o lobo, votaron contra flexibilizar a PAC e impulsan un ecoloxismo radical”. “Iso non é defender o rural: é castigar a quen produce e poñer en risco a miles de familias, facendo política de escaparate con moita palabra en Galicia e pouca presión onde realmente importa e se decide”, dixo.

Viso acusou aos nacionalistas galegos de “abrir a porta no Parlamento Europeo a unha aplicación provisional do acordo UE-Mercosur sen negociación”. Así, anotou que “algúns preferiron aliñarse cos extremos antes que garantir seguridade xurídica e protección efectiva, mentres o sector galego queda atrapado nun relato que crea ansiedade pero no crea garantías”.

O Grupo Popular afirma que a Xunta actualizará o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais nos primeiros meses de 2026

O deputado do Grupo Popular Ángel Rodríguez afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta procederá nos primeiros meses deste ano á actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). Porén, asegurou que este plan “non perde a súa operatividade en ningún momento, porque o único que se fai é actualizalo naqueles aspectos que sofren variacións de ano en ano”.

Ángel Rodríguez considerou “materialmente imposible” que, como piden os socialistas galegos, os plans anuais de incendios forestais sexan aprobados e publicados antes do 31 de outubro do ano precedente ao da súa aplicación, porque debe incluír necesariamente a estatística completa de incendios do ano en curso, que non se atopa pechada antes do 31 de outubro; e porque debe incorporar o orzamento do exercicio seguinte, cando os presupostos xerais de Galicia nunca están aprobados nesa data o que fai imposible incluír os créditos definitivos.

“Por este motivo, antes do 31 de outubro só podería elaborarse un documento incompleto e carente de seguridade xurídica, incompatible co esixido na normativa básica”, concretou o deputado popular.

O Grupo Popular cualifica de “irresponsabilidade maiúscula” que o BNG poña en dúbida sen probas a atención sanitaria que reciben os pacientes de POVISA en Vigo e o traballo dos profesionais

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, cualificou hoxe de “irresponsabilidade maiúscula” que o BNG “poña en dúbida sen probas a atención sanitaria que reciben milleiros de pacientes do Hospital POVISA en Vigo, así como o traballo que desenvolven os profesionais que traballan neste centro sanitario”.

Encarna Amigo lembrou que o contrato da Xunta con POVISA “está publicado, fiscalizado e sometido á Lei de contratos do sector público” e indicou que “o único que fixo o Goberno do PPdeG foi cambiar o modelo: pasouse dun concerto per cápita a un contrato de servizos, no que se paga exclusivamente pola actividade efectivamente realizada”.

MAIOR ORZAMENTO NO BIPARTITO

“Falan dun contrato de 97 millóns de euros anuais como se fose un escándalo, pero esquecen que no ano 2009, co Goberno bipartito de BNG e PSdeG, destinábanse 74,3 millóns de euros a POVISA, unha cifra que actualizada a día de hoxe suporía máis de 100 millóns de euros cada ano”, manifestou.

Ademais, a portavoz popular lembrou que o Goberno PSdeG-BNG asinou en 2006 un Acordo básico pola saúde da área de Vigo no que se defendía explicitamente manter e potenciar os instrumentos de concertación e cooperación público-privada. “Cando gobernan, a concertación é responsable, pero agora chámano escándalo”, criticou.

Respecto das listas de espera no Hospital de POVISA, Encarna Amigo subliñou que pasaron de 113 días de espera cirúrxica en 2008 a 53 días na actualidade. “Sesenta días menos, resultado do actual modelo con máis control, pago por actividade e supervisión constante”, dixo.

Para rematar, apuntou que o novo contrato asinado con POVISA inclúe a posta en marcha dunha Unidade de Supervisión e Control, integrada por persoal público desde o primeiro día para garantir o cumprimento das obrigas contractuais e a calidade asistencial. “O Goberno do PP ten un modelo claro: sanidade pública, universal, de calidade, con control público e sen dogmatismos ideolóxicos”, sinalou.

O Grupo Popular asegura que Galicia ten hoxe o sistema de control e inspección contra o furtivismo e a entrada de produto foráneo da pesca máis potente de España

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia ten hoxe o sistema de control e inspección contra o furtivismo e a entrada de produto foráneo no sector pesqueiro e marisqueiro galego máis potente de España gracias á Xunta, e o que falta é que o Goberno central cumpra coas súas obrigas e controle o que vén de fora”.

“A Xunta de Galicia non só actúa, senón que lidera en España a loita contra a pesca ilegal: e faino con feitos, con medios, con persoal e con resultados que desmontan o relato catastrofista que BNG e PSdeG queren instalar”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, apuntou que “o Servizo de Gardacostas de Galicia é pioneiro e único no Estado, que traballa 24 horas ao día os 365 días ao ano e leva máis de 30 anos salvando vidas e combatendo a contaminación e loitando contra a pesca ilegal”.

Miguel Fidalgo concretou que a Xunta destina este ano 18,5 millóns de euros ao Servizo de Gardacostas, ao tempo que apoia con cinco millóns de euros ás confrarías no financiamento da vixilancia, o que permite contar hoxe con 163 vixiantes colaborando co Servizo de Gardacostas.

Porén, explicou que “a loita contra organizacións criminais corresponde á Policía Xudicial e á Policía Nacional, non a unha Policía administrativa autonómica”. “A Xunta colabora, coordina e facilita medios, pero no pode nin debe asumir competencias que son do Estado, como é a entrada de produto ilegal doutros países”, dixo.

Para rematar, o portavoz popular reivindicou o traballo desenvolvido pola Consellería do Mar en Bruxelas, “onde estivo defendendo á frota galega, acompañando ao sector e levando datos, informes e propostas concretas ante o ministro socialista Planas”. “Pola contra, o BNG non estaba nin co sector nin defendendo os intereses de Galicia, e quen non da a cara cando toca non pode vir aquí dar leccións”, sinalou.

O PPdeG salienta o importante beneficio para as arcas dos concellos rurais o incremento nun 50% da aportación da Xunta para o SAF nesta lexislatura

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e Enrique Barreiro salientaron hoxe o importante beneficio para as arcas dos concellos rurais que terá o acordo entre a Xunta e a Fegamp a través do que a Administración galega incrementará nun 50 por cento ao longo desta lexislatura a súa aportación para a prestación do servizo de axuda no fogar por parte dos concellos.

Raquel Arias explicou que a través deste acordo a Xunta aumentará de forma gradual a súa aportación para a prestación do servizo de axuda no fogar, unha competencia municipal segundo se recolle na Lei de servizos sociais de Galicia, aprobada polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG no ano 2008. En concreto, a Xunta comprométese a incrementar de 12 a 16 euros por cada hora prestada este mesmo ano, subir un euro máis por hora para o 2027 e chegar aos 18 euros no 2028.

No caso concreto do concello de Sober, a deputada popular dixo que “pasará de ingresar 285.000 euros na actualidade pola prestación do servizo de axuda no fogar a 380.000 euros, case 100.000 euros máis só neste ano”.

A CARÓN DOS CONCELLOS GALEGOS

Enrique Barreiro asegurou que este incremento da aportación realizada pola Xunta “demostra que o Goberno galego está ao carón dos concellos galegos, sobre todo dos máis pequenos, que verán aliviadas as súas contas municipais”.

“Ademais, é bo para os propios traballadores e traballadoras deste servizo, xa que gozarán dunha maior estabilidade nos seus contratos; e, por suposto, tamén é bo para as persoas con dependencia e as súas familias, garantindo que máis persoas dependentes poidan seguir vivindo con dignidade no seu propio fogar e co apoio que precisan”, indicou.

Raquel Arias considerou “esencial o servizo de axuda no fogar, porque afecta directamente á calidade de vida das persoas maiores, dependentes e das súas familias, pero que ten unha especial relevancia na Comunidade galega cunha gran cantidade de persoas maiores e unha importante dispersión poboacional”.

Porén, afirmou que “este servizo podería estar aínda mellor financiado se o Goberno de Pedro Sánchez puxera enriba da mesa o 50 por cento que lle corresponde pola Lei da dependencia, pero para desgraza dos galegos, en vez de achegarse a esa metade, cada ano reduce a súa aportación, que pasou nos últimos anos do 40 ao 34 por cento”.

O PPdeG destaca que a Xunta xa ten en marcha máis de 1.600 vivendas públicas na provincia da Coruña

Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Carmen Pomar destacaron hoxe que a Xunta xa ten en marcha neste momento a construción de máis de 1.600 vivendas públicas na provincia da Coruña, o mellor exemplo da política de expansión do parque público residencial que está a desenvolver ao longo da presente lexislatura.

Rubén Lorenzo e Carmen Pomar aseguraron que a Xunta “continúa dando pasos para cumprir o obxectivo de duplicar o parque público residencial nesta lexislatura, ata chegar a acadar as 8.000 vivendas públicas”. En concreto, na actualidade xa ten 3.000 vivendas públicas en diferentes fases de execución e ao longo deste ano 2026 porá en marcha as restantes ata chegar as 4.000 comprometidas para duplicar as existentes ao comezo da lexislatura.

POLÍTICA AMBICIOSA, SOSTIDA E TERRITORIALMENTE EQUILIBRADA

Durante a súa visita ás obras de construción das vivendas públicas de Lamas de Abade e Castiñeiro en Santiago, Carmen Pomar indicou que a Xunta xa ten en marcha 400 vivendas nesta cidade, das que 60 se entregarán proximamente. Ademais, esta mesma semana o Presidente Rueda presentou o concurso de ideas para construír en Santiago e A Coruña sendas residencias xuvenís de 150 prazas cada dunha, ademais de novas vivendas de promoción pública.

Pola súa banda, Rubén Lorenzo referiuse expresamente a Carballo, onde a Xunta vén de asinar un convenio co Concello para a cesión dunha parcela municipal na que construír un edificio de promoción pública de 73 vivendas. “O Goberno galego está aberto a poñer en marcha novos proxectos de construción de vivendas en calquera concello galego, para o que é necesario que os responsables municipais aporten o solo necesario”, indicou.

“A Xunta reafirma con estas actuacións, ás que se suman outras que está a emprender en A Coruña, Ferrol ou Ames, o claro obxectivo de cumprir o seu obxectivo de dotar a Galicia dunha política de vivenda ambiciosa, sostida e territorialmente equilibrada, situando á provincia de A Coruña como un dos piares fundamentais da expansión do parque público residencial”, rematou Carmen Pomar.