O Grupo Popular asegura que a iniciativa lexislativa popular sobre a pesca e o marisqueo xa está superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, asegurou hoxe que a iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras debatida no Pleno do Parlamento galego xa está superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma que “non é do Partido Popular, senón froito da cogobernanza do sector e dun proceso no que participaron desde o Observatorio do Litoral, pasando por científicos, académicos e xuristas, e que contou con achegas decisivas da cadea mar-industria”.

Miguel Fidalgo lembrou que a iniciativa lexislativa popular “ten a súa orixe nun contexto no que, determinadas decisións, protagonizadas fundamentalmente polo Goberno de Pedro Sánchez, estaban poñendo en cuestión o desenvolvemento das políticas pesqueiras e marisqueiras en Galicia”.

XERAR UN CLIMA PROPICIO

“Hoxe dispoñemos dunha lei autonómica, como é a Lei do litoral, que permitirá afondar no desenvolvemento das competencias propias de Galicia e que proporciona a necesaria seguridade xurídica ao conxunto da cadea mar-industria, á nosa pesca, marisqueo e acuicultura, para o desenvolvemento da súa actividade, con capacidade para xerar un clima propicio para que as actividades profesionais do mar teñan futuro”, manifestou.

Deste xeito, asegurou que “a finalidade e obxectivo da iniciativa lexislativa popular xa está incorporada e superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que recolle ao longo do seu articulado diversos preceptos que inciden e abordan de xeito ambicioso as cuestións que se plasman na iniciativa lexislativa popular, en particular o apoio ao noso mar, marisqueo e acuicultura, e a súa consideración como actividade preferente”.

“Temos claro que defender a pesca en Galicia non é so protexer un sector económico, é salvagardar a nosa identidade, o noso pasado e o futuro de miles de familias”, rematou o portavoz popular.

O Pleno do Parlamento aproba a nova lei que garante beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilicen recursos naturais de Galicia

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, a través da que se garante que calquera proxecto que se desenvolva relacionado coa produción de enerxía redunde en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación, sen mermar nin unha soa garantía ambiental para calquera proxecto que se instale na Comunidade galega. “Vostedes queren eólica sen muíños, minería sen minas, industria sen factorías, turismo sen turistas, emprego sen empresas, e queren a colleita pero non están dispostos a traballar a terra”, criticou o portavoz popular, Alberto Pazos, dirixíndose aos grupos da oposición.

Pazos manifestou que, “por primeira vez na historia, Galicia afronta un proceso de transformación industrial desde unha posición de privilexio, derivada dunha vantaxe incuestionable da que non puidemos gozar en anteriores ocasións: a nosa capacidade de producir, subministrar e aproveitar as enerxías renovables”. “Galicia non dispuxo no pasado de grandes xacementos de carbón ou de petróleo, pero si dispón dunha enorme capacidade para xerar enerxías verdes, ata o punto de poder converternos nunha auténtica potencia na obtención destes recursos, se somos quen de superar as dificultades que estamos a padecer nestes momentos”, indicou, para incidir que “desaproveitar esa circunstancia constituiría un exercicio de irresponsabilidade”.

Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que esta lei “recibiu importantes achegas por parte da sociedade civil, que se materializaron en 67 alegacións incorporadas ao seu articulado, ás que engadimos outras 9 emendas incorporadas durante a tramitación parlamantaria: 7 delas de xeito directo e outras dúas logo de transaccións co BNG e o PSdeG”.

Alberto Pazos asegurou que a nova Lei compre os dos requisitos fundamentais que motivaron a súa creación. “En primeiro lugar, garante que calquera proxecto que se desenvolva en Galicia relacionado coa produción de enerxía a partir de fontes renovables, coa concesión de augas, ou coa concesión de dereitos de explotación mineiros, redundará en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación”, sinalou.

Neste sentido, concretou que “falamos de beneficios de carácter ambiental, que amosen un impacto directo na economía local, relacionados coa creación de emprego e coa participación de investidores locais nos propios proxectos, que supoñan un novo pulo para a investigación, e, como non, un beneficio tan palpable como a redución de custos enerxéticos para os consumidores locais”.

MÁXIMAS ESIXENCIAS AMBIENTAIS

Un segundo obxectivo é garantir que todos e cada un dos proxectos que se desenvolvan ao amparo desta normativa continuará estando sometido ás máximas esixencias ambientais. Deste xeito, Pazos asegurou que esta lei “non merma nin unha soa garantía ambiental para calquera proxecto que se instale en Galicia” e apuntou que isto “é unha realidade incuestionable e confirmada tanto por BNG como PSdeG, xa que nin unha soa das súas emendas estaba dirixida a reforzar as garantías ambientais”.

Para rematar, o portavoz popular lembrou que “non existen solucións máxicas, non existe ningunha fonte de enerxía que non implique algún tipo de custe ambiental, nin existe unha industria perfecta que non supoña ningún tipo de impacto na súa contorna”. “Unha cousa é traballar na procura do necesario equilibrio entre progreso e conservación, e outra moi distinta pretender asumir a imposible entelequia de que é posible un desenvolvemento industrial compatible co inmobilismo absoluto”, afirmou.

E, dirixíndose aos deputados do BNG e do PSdeG, criticou que “a Galicia que vostedes defenden á unha entelequia carente de todo fundamento: esixen o desenvolvemento eólico de Galicia, ao tempo que tentan bloquear calquera instalación eólica; afirman apostar firmemente polo hidróxeno verde, pero bloquean os proxectos eólicos imprescindibles para a súa implantación; e prometen un plan para a reindustrialización de Galicia, pero se opoñen a todos e cada un dos proxectos industriais que pretenden implantarse nesta terra galega”.

Alberto Pazos afirma que os orzamentos da Xunta para 2025 semellan “os dunha familia galega normal: sen endebedamento innecesario e atendendo as necesidades prioritarias en sanidade, educación, servizos sociais e emprego”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Parlamento que os orzamentos da Xunta para 2025 “semellan aos dunha familia galega normal: sen gastar máis do que se ten, é dicir, sen recorrer a endebedamento innecesario; e atendendo principalmente as necesidades máis prioritarias dos membros da unidade familiar, como son a súa saúde, a súa educación, os servizos sociais e, como non, o emprego”.

Ao remate da Xunta de Portavoces na que se aprobou o o calendario de tramitación do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 e do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, Alberto Pazos avanzou que as comparecencias dos conselleiros para dar conta dos presupostos dos seus departamentos darán comezo o vindeiro xoves, 24 de outubro, ás 10 da mañá, co conselleiro de Facenda.

RESPONSABILIDADE

Referíndose a unhas declaracións realizadas no día de onte polo ministro de Economía, nas que aconsellaba ás comunidades autónomas plantexar a súa fiscalidade cunha “visión de responsabilidade e como unha familia, xa que independentemente de onde veña os seus ingresos, ben sexa do Estado ou propios, hai uns gastos aos que se debe facer fronte”, o portavoz popular indicou que “parece que viña de estudarse estes orzamentos da Xunta para 2025, porque son un fiel reflexo da súa filosofía”.

“Son unhas contas como as de calquera familia galega normal: sen gastar máis do que se ten, é decir, sen recorrer a endebedamento; e atendendo principalmente as necesidades máis prioritarias dos membros da unidade familiar: a súa saúde, a súa educación, as necesidades sociais e, como non, o emprego”, salientou Pazos.

A maiores, como apunta o propio ministro, “estes orzamentos non recorren ao endebedamento, coa conseguinte rebaixa da débeda, e permiten mellorar as previsións de crecemento económico, pasando do 1,8 ao 2,1 por cento”. Ademais, se destina o 75 por cento dos seus gastos a políticas sociais; 5.500 millóns para sanidade; 3.000 millóns para educación; 1.400 millóns para políticas sociais; e 500 millóns para emprego.

REPARTIR LEALMENTE OS RECURSOS

“Lamentablemente, o ministro de Economía só pode mirar cara aos orzamentos da Xunta de 2025, porque o seu Goberno é incapaz de sacar adiante as súas contas e, o que é peor, cada día que pasa debe atender e cumprir coas chantaxes que os independentistas cataláns e vascos lle fan para manter a Pedro Sánchez na Moncloa”, manifestou o portavoz popular.

Por último, Pazos incidiu en que “se o Goberno central fora unha boa familia, como o está demostrando ano tras ano a Xunta de Galicia cos seus orzamentos e coa xestión do seu patrimonio, miraría de repartir lealmente todos os seus recursos entre os membros da familia, non como o esta a facer o Goberno de Pedro Sánchez, priorizando unhas comunidades autónomas sobre outras en función dos beneficios políticos que pode sacar do seu apoio; ou como propón o seu socio o BNG cunha proposta de quita da débeda, que consegue aumentar a débeda per cápita de todos os galegos e galegas”.

O Grupo Popular afirma que o Plan de remuda xeracional para a mocidade no agro galego incorporará 2,1 millóns de euros para favorecer a sucesión nas explotacións

O deputado do Grupo Popular Enrique Barreiro afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que o Plan de remuda xeracional que a Xunta está ultimando para a mocidade no agro galego incorporará unha liña de axudas de 2,1 millóns de euros ata 2029 para favorecer a cooperación na sucesión de explotacións.

Enrique Barreiro indicou que o Plan de remuda xeracional “recolle unha ampla perspectiva transversal dirixida a fortalecer o tecido produtivo galego, manter vivos aos concellos do rural e ofrecer á mocidade unha alternativa real e de futuro no rural galego”.

En concreto, explicou que “xira ao redor de tres eixos fundamentais: a formación, para mellorar a capacitación da mocidade no sector agroalimentario; a sensibilización, para facer ver que o rural, ademais de ser unha opción de futuro, tamén é unha oportunidade de vida viable; e a incorporación, para facilitar unha transición entre os propietarios das explotacións que se xubilan e os mozos interesados en tomar o relevo mediante a compra ou arrendamento”.

A maiores do Plan de remuda xeracional, o deputado popular referiuse aos distintos plans de axuda complementarios que a Xunta ten en vigor para apoiar a instalación e asentamento de novas mozas e mozos no sector agrogandeiro galego. Así, Barreiro citou o programa de primeira instalación de agricultores mozos, que outorga unha axuda aos novos emprendedores que se establezan por primeira vez nunha explotación agraria. A través desta iniciativa, a Xunta permitiu en 2023 a incorporación de 252 mozos e mozas, cun investimento total de 11,3 millóns de euros, o que supón unha media superior aos 44.000 euros por agricultor.

Outra axuda existente é a destinada á incorporación de persoas entre 41 e 55 anos, para a que a Xunta xa destinou tres millóns de euros.

O Parlamento de Galicia solicita avanzar na adquisición de equipos, medios materiais e maquinaria para optimizar as labores de prevención e extinción de incendios forestais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que solicita seguir avanzando co investimento orzamentario e posterior adquisición de equipos de protección individual (EPIS), medios materiais e maquinaria que sexan necesarios para optimizar as labores de prevención e extinción de incendios forestais en Galicia dunha maneira óptima, decidida e segura.

O deputado popular Ángel Rodríguez Conde asegurou que “a prevención constitúe unha das bases fundamentais na loita contra os incendios forestais en Galicia, porque a prevención é a anticipación á extinción, e comprende un conxunto de actuacións dirixidas a evitar que se produzan incendios forestais ou que, unha vez iniciados, a súa propagación sexa a menor posible”.

“Para a realización de todos estes traballos, tanto preventivos como de extinción de incendios forestais ou post-incendio, ao longo destes anos foise procedendo á adquisición de equipos de protección individual, así como de medios para desenvolver as tarefas desempeñadas”, indicou o deputado popular, quen avogou “por seguir incorporando material para conseguir desenvolver con maior eficacia o traballo de defensa dos montes contra os incendios forestais”.

O Grupo Popular salienta que 3 de cada 4 euros do orzamento da Xunta para 2025 se destinen a gasto social, a mellor demostración de que o máis importante é a atención ás necesidades dos galegos

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe que “tres de cada catro euros dos orzamentos da Xunta para 2025 destinaranse a gasto social, é dicir, sanidade, educación, políticas sociais e emprego, o que é a mellor demostración de que o máis importante para o Goberno de Alfonso Rueda é a atención ás necesidades reais de todos os galegos”.

Alberto Pazos subliñou que os orzamento da Xunta de Galicia para 2025 ascenden a 13.954 millóns de euros, “a cifra máis alta da historia e que tamén recollen o maior gasto social da historia de Galicia: 10.267 millóns de euros”. Neste sentido, afirmou que “pouco se pode dicir en contra destes orzamentos, que incrementan os investimentos máis dun 5 por cento ata achegarse aos 1.300 millóns de euros”.

DÉBEDA EN DESCENSO

Así mesmo, o portavoz popular referiuse a “un dato fundamental para botar abaixo un mantra da oposición: estamos diante dos maiores orzamentos da historia de Galicia, pero cunha previsión de endebedamento cero”. “Galicia continuará un ano máis coa súa liña descendente de débeda pública, ata fixala o vindeiro ano no 14,1 por cento do PIB, pero mantendo as rebaixas fiscais que gozan neste momento os galegos, e incluso incrementándoas no imposto de sucesións, de xeito que dúas de cada tres herdanzas non tributen; e no imposto de transmisións patrimoniais, co obxectivo de fomentar a posta no mercado de vivendas destinadas ao aluguer”, indicou.

Por outra banda, Pazos lamentou que os socialistas galegos “estean intentando copiar a forma de actuar do seu “número 1” en España, buscando aproveitar os poucos cargos que a súa, cada vez menor, representación política lles facilita”. En concreto, referiuse ao “preocupante afán de protagonismo do conselleiro no Consello de Contas designado polos socialistas galegos, máis preocupado de criticar a actuación da Xunta e do Goberno galego que de actuar cumprindo fielmente a finalidade que se lle recoñece a este órgano na súa lei constitutiva”.

UTILIZAR O CONSELLO DE CONTAS

“É a primeira vez na historia do Consello de Contas de Galicia, un órgano estatutario creado en 1985, que un dos seus conselleiros pretende facerlle sombra ao conselleiro maior, a persoa que ten a representatividade desta entidade estatutaria e que, segundo se recolle no seu propio regulamento, é quen debe informar tanto ao Parlamento como publicamente das actividades do Consello”, explicou.

Ademais, o portavoz popular considerou “inxustificado que esta persoa estea a utilizar o seu cargo no Consello de Contas, co que elo supón de acceso á información privilexiada facilitada por parte de entidades públicas e privadas, para a súa promoción persoal e utilización partidista, polo que lle esiximos que se ateña ao recollido tanto na Lei como no Regulamento do Consello de Contas e deixe de utilizar e servirse deste órgano con fins persoais ou políticos”.

O DEMO E UN SANTO AO MESMO TEMPO

Por último, Alberto Pazos demandou “un pouco de sentidiño” ao BNG, logo de que no día de onte rexeitara reprobar ao ministro de Transportes no Congreso, cando hai un mes si que o fixo no Parlamento de Galicia. “Para os nacionalistas galegos, o señor Puente é ao mesmo tempo o demo, cando apoian en Galicia a súa reprobación por afirmar que ‘o tren vive en España o mellor momento da súa historia’; e un santo, cando o seu único deputado en Madrid rexeita a mesma reprobación ao ministro no Congreso, coa escusa de que ‘é parte dunha campaña de desgaste’ do Partido Popular cara ao Goberno de Pedro Sánchez”.

“Parece razoable que o que vale en Galicia tamén debería servir para Madrid, ou é que o galeguismo do BNG só vale cando teñen enfronte ao Goberno do Partido Popular e se dilúe cando lle falan castelán en Madrid e teñen que poñerse do lado dun Goberno que defenden e apoian, a pesar de que día tras día se estea rindo e desprezando a todos os galegos”, cuestionou.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que axilice a homologación de títulos extracomunitarios de especialistas en sanidade

O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que axilice a homologación de títulos extracomunitarios de especialistas en ciencias da saúde, sempre desde o consenso coas comunidades e en plena coordinación cos representantes dos profesionais sanitarios co compromiso de garantir a seguridade, calidade e esixencias de cualificación similares ás requiridas aos nacionais da Unión Europea”.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que “a carencia de médicos en atención primaria, tanto de especialistas en medicina familiar e comunitaria, como de pediatria, así como en determinadas especialidades hospitalarias, está a provocar tensións nos sistemas públicos de saúde, sen esquecer ao máis prexudicados que son os pacientes”.

Neste sentido, afirmou que “hai profesionais con vontade de incorporarse ao sistema que non poden facelo polas trabas burocráticas e o colapso no sistema de homologación, isto é, por causas que nada teñen que ver coa súa capacidade e desempeño profesional”. Así, concretou que, de acordo cos datos ofrecidos desde o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, desde a entrada en vigor do Real Decreto 889/2022 ata finais do ano pasado 2023 rexistráronse 23.776 solicitudes de homologación de títulos universitarios estranxeiros só na especialidade de Medicina, das que só o 15,6 por cento foron resoltas.

Encarna Amigo manifestou que esta solicitude de homologación de títulos estranxeiros en materia de sanidade “non é unha demanda exclusiva do Goberno galego, porque a comparten os colexios profesionais, sociedades científicas e sindicatos, que veñen demandando publicamente que desde o Goberno de España se apliquen medidas de utilidade real para acelerar, con todas as garantías, o recoñecemento oficial de titulacións universitarias sanitarias obtidas en sistemas educativos estranxeiros”.

Así mesmo, a portavoz popular apuntou que, ademais desta solicitude de homologación de títulos de especialistas en ciencias da saúde, “a día de hoxe seguen vixentes outras reclamacións realizadas desde Galicia para facilitar a incorporación de persoal sanitario, como a eliminación da taxa de reposición, a modificación do sistema de elección de especialidades e tamén que se permita ás comunidades autónomas aumentar a súa capacidade para formar novos profesionais e estender, polo menos temporalmente, ata 72 anos a idade de xubilación nas especialidades máis deficitarias”.

O Grupo Popular salienta que o risco asumido nos préstamos e avais do Igape e Sodiga pasou de 254 millóns de euros en 2009 a 6 millóns en 2023

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, salientou hoxe no Parlamento galego “a importante redución do risco asumido pola Xunta a través dos préstamos e avais do Igape e Sodiga nos últimos anos, pasando de 254 millóns de euros a finais de 2009 a apenas 6 millóns de euros a finais de 2023”. “É curioso que sexa o PSOE quen pida que se reduzan os errados, cando o aval vivo máis importante na actualidade firmouse no mes de febreiro de 2009 ou cando un gran número de operacións concedeuse na crise financeira de 2008, cun goberno bipartito na Xunta e cun presidente socialista no Igape”, apuntou.

Tendo presente a información que anualmente remiten ao Parlamento galego tanto o Igape como Sodiga sobre a porcentaxe de errados respecto a préstamos e avais, Cristina Sanz lembrou que “a crise financeira, a crise da Covid-19, a crise de Ucraína, a crise inflacionaria ou a crise enerxética puxeron ás nosas empresas nunha situación extremadamente complexa, e é nese momento cando se fai máis necesario que a administración as apoie e que permita, aínda asumindo riscos, que estas empresas sigan en pé, para garantir a súa supervivencia e os postos de traballo”.

MEDIDAS CONTRA IMPAGADOS

“Nesas épocas de crise, as nosas empresas, especialmente as pemes e os autónomos, teñen máis dificultades para obter financiamento na banca tradicional, e precisamente aí é cando a administración debe de estar acompañándoas”, sinalou a viceportavoz popular.

Do mesmo xeito, apuntou que a Xunta “tamén adoptou medidas co fin de evitar os impagados, como foi a posta en marcha xa no ano 2020 dunha liña de renovacións para o refinanciamento das débedas co Igape, liña que permite axustar os prazos e cadros de amortización á capacidade de reembolso dos titulares das operacións”. En definitiva, estas novacións facilitan ás empresas a devolución da débeda e, por tanto, reducen o número de operacións fallidas para a administración.

RENDICIÓN DE CONTAS

Cristina Sanz destacou que o Consello de Contas recoñece que “todas as entidades dependentes da Xunta renderon en prazo as súas contas anuais”. “Somos uns firmes defensores da rendición de contas, sempre e en toda entidade pública, e mostra disto é a recente recomendación incorporada ao Plan de Traballo do Consello de Contas, a iniciativa do Grupo Popular, para que fiscalice todos aqueles concellos que non cumpriron coa obriga de render as súas contas en prazo, unha situación na que se atopan neste momento os concellos de Verín, A Rúa e Redondela”, indicou.

Para rematar, a viceportavoz popular asegurou que “todas as entidades que conforman o sector público autonómico están sometidas a un control por parte da Xunta, realizado a través da función interventora ou do control financeiro permanente”. “A maiores, existe o compromiso do Goberno galego de que nestas entidades se realizarán auditorías específicas que permitan garantir o cumprimento da rendición de contratos ao Consello de Contas e comprobar o nivel de transparencia da información respecto da súa xestión”, concretou.

O Parlamento galego solicita ao Goberno central que elabore un estudo sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España para que elabore un estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9 e a dar traslado do seu resultado ás forzas políticas con representación nesta Cámara.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, afirmou que, logo da comparecencia do ministro de Transportes esta mañá no Congreso sobre a AP-9, “a desconfianza deixou xa de crecer, porque dixo alto e claro que non ao rescate, non á gratuidade e un depende á transferencia, pois dixo que o Goberno non ía impedir o debate sobre a transferencia pero deixou claro que non a ve xustificada”.

“Logo do acontecido esta mañá no Congreso, algúns poderán caer na tentación de pensar que xa non hai que falar da AP-9, pero xa lles anticipo que non vai ser así e o Partido Popular vai seguir demandando aínda con maior forza que se cumpra o prometido aos galegos: unha AP-9 100 por cento galega e 100 por cento gratuíta”, manifestou o portavoz popular.

RIGOR E UNIDADE

Roberto Rodríguez lembrou que “Galicia aspira dende hai 15 anos a xestionar a súa autoestrada e por iso esiximos e imos a seguir esixindo ao Goberno de España que atenda ao acordo unánime aprobado neste Parlamento galego e referendado no Congreso dos Deputados: o de transferir a Galicia a competencia sobre a xestión da súa autoestrada nos termos previstos na Proposición de Lei Orgánica de transferencia, asumindo as repercusións económicas e financeiras dos convenios en vigor, das actuación en infraestruturas xa comprometidas e as necesarias no futuro que non sexan responsabilidade da Xunta e, en concreto, a posible nulidades das prorrogas; e asumindo a dotación económica necesaria para ampliar as bonificacións e eliminar o incremento extraordinario do 1 por cento durante 20 anos acordado polo goberno socialista do señor Zapatero”.

O portavoz popular volveu esixir “rigor, que se materialice na elaboración por parte do Goberno de España dun estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e gratuidade da AP-9; e unidade, para que se cumpra a que foi unha demanda unánime das forzas políticas galegas”. “Unidade que rachou xa o PSOE ao non apoiar unha moción cun texto idéntico a aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia”, dixo Roberto Rodríguez.

“O seu Goberno en Madrid castiga aos galegos coas autoestradas máis caras de
Europa e veñen aquí a desvirtuar o debate para que pareza que todos somos iguais, e así tapar as vergoñas do desleixo de Pedro Sánchez e de quen o apoia”, sinalou o portavoz popular.

Para rematar, lembrou que a semana pasada o ministro de Transportes “pasou de dicir que non había cartos a prometer que cumpriría con parte do prometido aos galegos, e que as bonificacións para a AP-9 serían declaradas de urxencia no Consello de Ministros celebrado onte”. “Porén, lamentablemente, o que si foi onte a ese Consello de Ministros foi a bonificación á metade da peaxe da AP-66 entre Campomanes e León”, subliñou.

O Grupo Popular pedirá no Pleno da vindeira semana que o Goberno central garanta o acceso de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria

O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno da vindeira semana que garanta o acceso das cidades de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria en condicións de igualdade co resto do territorio galego. Así mesmo, solicitará que o Goberno de España un reparto xusto das axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual nas linguas cooficiais distintas ao castelán, que están a privilexiar ao catalán outorgándolle o 70 por cento dos fondos totais cada ano.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que na sesión plenaria da vindeira semana procederase ao debate para a súa aprobación definitiva da nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, “coa que a Comunidade galega será a primeira en facer realidade que o aproveitamento da nosa riqueza natural se transforme en riqueza social para o conxunto dos galegos”.

XESTIÓN RESPONSABLE DOS RECURSOS NATURAIS

En concreto, apuntou que “permitirá asegurar unha xestión responsable dos recursos naturais, de maneira que se protexa o medio ambiente e se cree riqueza que impacte en beneficios para o territorio e as súas xentes, respectando en todo momento as máximas esixencias medioambientais para a implantación destes proxectos”.
Así mesmo, na sesión procederase ao debate de toma en consideración da iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras, unha vez cumpriu todos os trámites necesarios.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará ao Goberno central que garanta o acceso das cidades de Lugo e de Ferrol á alta velocidade, en condicións de igualdade co resto do territorio, para o que se considera imprescindible a execución das actuacións precisas para adaptar a infraestrutura ferroviaria actual ás necesidades do AVE, en concreto obras específicas como as variantes de Canabal-Os Peares, Rubián ou Betanzos.

Alberto Pazos celebrou a chegada dos trens AVRIL a Galicia, a pesar do caos e das numerosas incidencias que se están a producir e que causan molestias aos viaxeiros, pero considerou “necesario que este servizo se amplíe a todas as cidades galegas e que poidan gozar da alta velocidade ferroviaria”. “A realidade é que cidades como Lugo ou Ferrol seguen excluídas da chegada do AVE porque as infraestruturas actuais non permiten que circulen os trens Avril, o que, ademais dun agravio, implica unha perda de oportunidades desde o punto de vista social e económico”.

NOVA ALDRAXE A GALICIA

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver co que o portavoz popular considerou “unha nova aldraxe do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia: o reparto das axudas para a creación de proxectos audiovisuais en galego ou en calquera outra lingua cooficial de España, para dobraxe ou para accións de promoción, entre outras”.

Pazos explicou que o Goberno central está a destinar arredor do 70 por cento deste fondo a Cataluña, ante o que a Xunta xa ten amosado o seu desacordo cos criterios de reparto utilizados polo Goberno de Pedro Sánchez. Deste xeito, avogou porque o Parlamento galego tamén se pronuncie neste sentido e se solicite ao Goberno de España que garanta un reparto máis xusto e máis consecuente destas axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual nas distintas linguas cooficiais.

No que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas que está a adoptar para impulsar o uso da lingua galega e o neofalantismo, con especial atención ao incremento do uso do galego entre a mocidade; pola repercusións que terá no financiamento dos concellos galegos as últimas decisións adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez, tanto en materia de prestación dos servizos sociais, como na xestión dos residuos ou a lei de benestar animal; e pola situación na que se atopan os exames de avaliación para acceder á universidade, onde Galicia está a levar a dianteira ás demais comunidades autónomas, unha vez que xa ten definidos os modelos de exame da nova selectividade.