Rueda anuncia que a Xunta dá luz verde ao Plan de Incendios Forestais para 2016
O Plan Galego de Estatística 2017-2021 consolidará o sistema estatístico de Galicia
A Xunta inviste 27M€ para financiar pemes e emprendedores e crear 700 postos no rural
Puy afirma que Galicia “está blindada contra novos recortes porque hai marxe”
Sobre o aniversario dos novos gobernos locais, o portavoz popular dixo que “onde hai estabilidade e un goberno que ten apoios e capacidade de tomar iniciativas as cousas van mellor
PEDRO PUY AFIRMA QUE GALICIA “ESTÁ BLINDADA ESTE ANO CONTRA A EXISTENCIA DE NOVOS RECORTES PORQUE HAI MARXE” AO TER CUMPRIDO O DÉFICIT NOS ÚLTIMOS ANOS
· Respecto do Pleno desta semana, explicou que “levamos iniciativas de desenvolvemento económico e propostas e debates sobre actuacións futuras no ámbito da protección social de quen máis o precisa como consecuencia da crise”
· “Chama a atención que o PSOE só entenda a posibilidade de pactar nunha única dirección e cun único obxectivo, atándose de mans e pes e entregándose a unha única alternativa que lle esixe un prezo que non pode pagar”, dixo
Santiago, 23 de maio de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “a Comunidade galega está blindada este ano contra a existencia de novos recortes porque hai marxe” logo de ter cumprido o obxectivo de déficit nos últimos anos. Respecto do primeiro aniversario dos novos gobernos municipais, Puy manifestou que “as improvisacións e as minorías que se creen con capacidade de gobernar como se tivesen maioría están a dar peores resultados que os gobernos que se basean nunha maioría estable e cun programa de goberno que poden aprobar e levar á práctica”.
Na comparecencia ante os medios de comunicación logo da reunión do Grupo Parlamentario para preparar o Pleno desta semana, Pedro Puy salientou que “levamos iniciativas de desenvolvemento económico e propostas e debates sobre actuacións futuras no ámbito da protección social de quen máis o precisa como consecuencia da crise”.
Dentro do ámbito económico, o portavoz popular destacou a comparecencia da conselleira do Mar e a proposición non de lei do Grupo Popular sobre o futuro do sector pesqueiro, así como a proposición non de lei sobre a autovía do Morrazo para que no presente ano estean en execución os dous primeiros tramos, así como a licitación do terceiro.
No ámbito social, Puy destacou a comparecencia do conselleiro de Política Social. “A maior marxe de endebedamento da Xunta como consecuencia de ter cumprido o criterio do déficit público en anos anteriores permite agora, por enriba dos recursos que o sistema aporta a Galicia e que implican un incremento do gasto, realizar investimentos e actuacións nos campos das políticas sociais, educativas ou sanitarias”, apuntou.
TRANQUILOS ANTE OS RECORTES
Cuestionado sobre a posibilidade de que sexan necesarios novos recortes, Pedro Puy sinalou que en Galicia “estamos tranquilos porque temos cumprido o déficit estes últimos anos e parece que non se vai chegar ao nivel do 0,7 por cento autorizado este ano para o conxunto das comunidades autónomas”.
O portavoz popular tomou como referencia o último informe da Autoridade Fiscal Independente (AiREF) para afirmar que “o previsible é que en Galicia non haxa recortes, senón que, como se está a comprobar coas últimas medidas aprobadas polo Goberno galego, temos maior capacidade para facer investimento e para contribuír á recuperación social de quen máis o precisa tras a crise”.
A nivel nacional, Puy lembrou que o Goberno de Rajoy “fixo un esforzo por combinar equilibradamente a necesidade de reducir un déficit público, xerado con gastos moitas veces dificilmente xustificables desde o punto de vista da recuperación económica, cunha recuperación da economía, acadando unha taxa de crecemento superior ao 3 por cento que permite xerar emprego e recuperar ingresos”.
“A posición do Goberno central alónxase dos maximalismos do cumprimento estrito do déficit, que tería malas consecuencias para a recuperación económica do país, pero evidencia un compromiso para reducir ese déficit, que xa pasou do 11 a pouco máis do 4 por cento”, sinalou.
ONDE HAI ESTABILIDADE AS COUSAS VAN MELLOR
A preguntas dos xornalistas sobre o primeiro aniversario dos novos gobernos municipais, Pedro Puy indicou que “a sensación é que onde hai estabilidade e un goberno que ten apoios e capacidade de tomar iniciativas as cousas van mellor, tanto en termos de aprobación dos orzamentos como nas políticas do día a día”.
O portavoz popular anotou que o PSOE “debe tomar en consideración o que está a ocorrer alí onde se entrega, antes incluso de coñecer os resultados electorais, a unhas coalicións de goberno que moitos dos seus membros non consideran as máis eficaces para gobernar”.
“Chama a atención que o PSOE só entenda a posibilidade de pactar nunha única dirección e cun único obxectivo, cando esta situación xa lle resta posibilidades de negociación, atándose de mans e pes e entregándose a unha única alternativa que lle esixe un prezo que non pode pagar”, dixo.
Tellado di que é unha burla que os socialistas falen de “pactos de perdedores”
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que as primarias do PSdeG, téñense convertido nun reality televisivo protagonizado por dous candidatos: un que pelexa para continuar, José Luis Méndez Romeu, e outro que o fai para volver, Xoaquín Fernández Leiceaga, dos que afirmou que están máis centrados en intereses personalistas que nos de Galicia.
Así se expresou o dirixente tralo primeiro comité de dirección do partido despois do XVI Congreso autonómico e que foi presidido por Alberto Núñez Feijóo. Tellado tamén se pronunciou sobre as declaracións realizadas por Méndez Romeu nas que falaba de “pactos de perdedores” referíndose aos seus opoñentes nas primarias socialistas Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero: “que sexan os socialistas os que utilicen esta expresión é unha burla á xente que lee os periódicos”.
Do mesmo xeito, tamén aseverou que lle resultaba sorprendente que Abel Caballero, “que é o que parece que manda agora no PSdeG”, busque un coruñés desde o seu localismo exacerbado para que protagonice o peor resultado do PSdeG nunhas autonómicas, récord que ata agora ten o propio Caballero.
Na súas declaracións, Tellado fixo referencia tamén a Xosé Manuel Beiras, do que dixo está definitivamente entregado a Podemos e a EU, “pasando de ser o merlo branco do nacionalismo galego a ser a ovella negra”. Ademais, indicou que despois de perder seis eleccións autonómicas, quere ser o candidato da súa coalición, buscando unha sétima derrota.
O PPdeG apostará por unha campaña participativa con “menos moqueta e máis beirarrúas”
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016.- O secretario do PPdeG e director de campaña para as vindeiras eleccións xerais, Miguel Tellado, asegurou que os populares farán unha campaña que aposte por maiores fórmulas de participación, facendo menos mítines, con máis presenza na rúa, máis conversa cos veciños, e con “menos moqueta e máis beirarrúas”.
Tras presidir o primeiro Comité de Campaña do PPdeG para os próximos comicios nacionais, o dirixente admitiu que xa teñen en marcha toda a maquinaria electoral do partido nas catro provincias para permitirlles sacar os resultados que merece o PPdeG, que é a primeira forza política na nosa comunidade.
Nesta liña, indicou que traballan no deseño dunha campaña que vai vir marcada polo clima xa que non é mesmo facer unhas eleccións en decembro que en xuño, podendo aproveitar as posibilidades climatolóxicas para sacar a campaña á rúa.
Tellado tamén apuntou que os populares explicarán nestes comicios cal é o seu proxecto de futuro para o país e cales son os riscos que corre España se cae en mans dun partido como Podemos ou dunha coalición -necesaria para evitar que goberne o PP- que estaría formada polo partido de Pablo Iglesias, o PSOE e partidos separatistas e da esquerda máis radical.
O dirixente afirmou que farán unha campaña “moi en positivo”, ao tempo que explicaba que non ten sentido entrar na estratexia de crispación que leva a cabo a oposición e que apelarán á razón e a criterios obxectivos que demostran que o mellor para o noso país é que continúe habendo en España un Goberno do PP.
No plano político, tamén asegurou que estes serán uns comicios diferentes, xa que en decembro o enfrontamento era entre o PP e o PSOE pero, tralo ocorrido nos últimos meses, agora a polarización será entre o PP e Podemos. Nesa liña, tamén engadiu que Podemos estalle pasando pola esquerda ao PSOE e que eles serán o eixo central da esquerda en lugar dos socialistas.
Por último, subliñou que asumen o reto co obxectivo irrenunciable de seguir sendo o primeiro partido de Galicia e o referente da maioría dos galegos xa que “só o PP garante a estabilidade política e institucional que é o que precisamos para seguir crecendo no plano económico e para seguir creando emprego, que é o que máis preocupa á cidadanía”.