Monforte, 16 de outubro de 2019. As deputadas autonómicas Raquel Arias e Julia Rodríguez e a deputada provincial e alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, mantiveron hoxe unha xuntanza con rexedores e voceiros do PP da zona sur de Lugo para abordar a situación das conexións ferroviarias da provincia. Un encontro no que os asistentes amosaron a súa preocupación pola “constante precarización” dos servizos ferroviarios que afectan aos lucenses, derivado “da falta de prazas para longa distancia, das deficiencias nas infraestruturas, da ausencia de plans que melloren a conectividade da provincia con Galicia e co resto de España ou do incumprimento dos prazos para a chegada do AVE”.
Tellado di que, se en Europa hai 100 centrais térmicas funcionando, o Goberno debe atopar unha solución para As Pontes
16, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, dixo que, se quixese, o Goberno de Sánchez podería adoptar unha solución para evitar o peche inmediato da central das Pontes xa que ten ao seu alcance instrumentos fiscais que permitirían que as plantas térmicas do noso país volveran ser competitivas como fixeron os executivos de Francia, Alemaña ou Reino Unido. “A día de hoxe hai en Europa máis de 100 centrais térmicas funcionando. Non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos”, destacou.
O Grupo Popular demanda ao Goberno central que elabore un informe sobre os bens que pasaron a mans da familia Franco de maneira irregular ou ilícita
Santiago, 16 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos solicitou hoxe que o Goberno central elabore un informe amplo e exhaustivo sobre todos os bens que puideron pasar a formar parte do patrimonio dos Franco de maneira irregular ou ilícita, “do mesmo xeito que procedeu co inventario de bens inmatriculados pola Igrexa e que xa obra en poder do Goberno de Pedro Sánchez”.
O Parlamento demanda ao Goberno central que potencie o papel do procurador como colaborador da Administración de Xustiza
Santiago, 16 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita ao Goberno central que potencie o papel do procurador como colaborador da Administración de Xustiza, tamén na fase de execución das resolución xudiciais, coa realización de actos de cooperación acorde coas fórmulas empregadas no Dereito Europeo e coa finalidade de axilización dos procedementos xudiciais.
O Grupo Popular esixirá no Pleno que o Goberno central rectifique e tome medidas para garantir a continuidade da central térmica de As Pontes
Santiago, 15 de outubro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central que rectifique a súa política enerxética e tome as medidas necesarias para garantir a continuidade da central térmica de As Pontes. Así mesmo, solicitará un compromiso expreso do Goberno do Estado para que non aplique novas subas de peaxes na AP-9, ao tempo que realiza diversas obras comprometidas tanto nos accesos a esta autoestrada como na liberación ou bonificación das peaxes.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, salientou o extenso do Pleno da vindeira semana, no que se incorporaron 36 cuestións á orde do día, das que 27 son a iniciativa dos grupos da oposición. Ademais, subliñou que “19 iniciativas son de control ao Goberno galego, o que pon de manifesto que a maioría non coarta as iniciativas da oposición e o Goberno galego tampouco elude o control parlamentario”.
COMPARECENCIAS DA VALEDORA E EDUCACIÓN
A sesión plenaria inclúe a comparecencia da Valedora do Pobo, para presentar o seu informe anual correspondente a 2018; e da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional sobre o inicio do curso escolar no ensino non universitario de Galicia, no que están matriculados arredor de 400.000 alumnos nos centros galegos.
Dentro do apartado lexislativo, no Pleno debaterase a toma en consideración do proxecto de lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, a través do que se regulan estes establecementos e se garante a sustentabilidade e a salubridade do uso destas augas”. Así mesmo, debaterase a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular de medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos na Comunidade galega.
O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central que garanta a continuidade no funcionamento da central térmica de As Pontes ata 2045, ao tempo que proceda á negociación urxente dun convenio de colaboración para a posta en marcha da Estratexia de Transición Xusta en Galicia e inclúa á Comunidade galega nas axudas europeas para as zonas mineiras afectadas pola transición enerxética.
Puy lembrou que esta central térmica “estaba traballando para adaptarse á normativa europea de emisións co horizonte certo de 2045 previsto pola Unión Europea de descarbonización da economía”. “Porén, desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España e con el a ministra Teresa Ribera, o único que temos son novas desfavorables para esta empresa, que están a facer que a situación na comarca comece a ser moi preocupante pola incidencia que ten esta empresa na zona”, sinalou.
PEAXES E MELLORAS NA AP-9
A segunda proposición non de lei “ten como obxectivo demandar ao Goberno de España, sexa o que sexa o que saia das próximas eleccións xerais, un compromiso expreso de que non se van aplicar novas subas de peaxe na AP-9, do mesmo xeito que as novas obras que se acometan non sexan financiadas con cargo a novos incrementos de peaxes aos usuarios”, concretou o portavoz popular.
Así mesmo, esta iniciativa demanda a execución de obras comprometidas para a mellora das conexións da autoestrada, como Alfonso Molina en A Coruña, o Enlace Orbital en Santiago, o Nó de Bombeiros en Pontevedra, medidas compensatorias en Chapela, integración urbana do ramal de entrada a Vigo ou a autorización da conexión da Vía Ártabra coa AP-9. Ademais, solicítase a activación á maior brevidade da liberación da peaxe entre Redondela e Vigo comprometida polo Ministerio de Fomento e a posta en marcha dun sistema de bonificación de peaxe para usuarios frecuentes da autopista de, cando menos, o 25% do itinerario de ida e volta.
Xa no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas accións que está a facer ante o Goberno central para que rectifique a súa falta de solucións para que a industria electrointensiva manteña a súa actividade, moi especialmente no referente á planta de Alcoa en San Cibrao; sobre a oferta de prazas MIR para o próximo ano 2020 en Galicia; e sobre a negativa do Goberno central a transferir a totalidade dos 700 millóns que debe a Galicia. “Unha vez que está desfeito o problema xurídico para abonar as entregas a conta de 2019, tamén debe estalo para a devolución da mensualidade do IVE de 2017 e as compensacións por ser Galicia unha comunidade cumpridora en materia de déficit e débeda”, sinalou Pedro Puy.
Pedro Puy asegura que “os cidadáns non entenden que o Goberno central se apropie dunhas cantidades recadadas que son das comunidades autónomas”
Santiago, 14 de outubro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “os cidadáns non entenden que o Goberno central se apropie dunhas cantidades recadadas que corresponden ás comunidades autónomas” e indicou que “o que subxace é un intento de transferir ás comunidades un problema de axuste do gasto ou de déficit”. Así mesmo, criticou que o delegado do Goberno avanzara onte un adiamento da chegada do AVE a Galicia ata 2021, “só tres semanas despois de que o seu partido apoiara no Debate sobre o Estado da Autonomía unha resolución na que se pedía ao Goberno central que o AVE estivera funcionando con todas as garantías de seguridade e se puideran mercar os billetes o vindeiro ano 2020”.
Pedro Puy manifestou que a aprobación no Consello de Ministros do pasado venres do traspaso a Galicia das cantidades correspondentes ás entregas a conta “nos deixa un saber agridoce”. Neste sentido, salientou que “ao final se impuxo o que dixemos desde o primeiro momento, ratificado por un informe dos Servizos Xurídicos da xunta e remitido ao Goberno central”, polo que considerou “unha manobra lamentable do Goberno socialista porque era posible facelo por decreto lei, sen que iso vulnerase ningún principio de legalidade”.
Así mesmo, recordou que “queda o pago da mensualidade do IVE pendente de 2017, algo que xa ingresou a Administración do Estado e que algunhas comunidades autónomas incluíron nos seus orzamentos, así como as compensacións previstas para as comunidades cumpridoras” en materia de déficit e débeda. En concreto, lembrou que no caso de Galicia ambas partidas suman 370 millóns de euros.
“O que subxace a todo isto é un intento do Goberno socialista de transferir ás comunidades autónomas un problema de axuste do gasto ou de déficit”, manifestou Pedro Puy, quen apuntou que a AIReF sitúa en dúas décimas de déficit o que a Administración central corrixe a costa das comunidades autónomas.
RESTAR CREDIBILIDADE
O portavoz do Grupo Popular lamentou que “xogar con estas cuestións fan que o debate político reste credibilidade aos xestores do público diante da opinión pública”. “Os cidadáns non entenden que o Goberno central se apropie dunha cantidade recadada que corresponde ás comunidades autónomas e reforza os discursos maximalistas dalgunhas formacións políticas sobre o financiamento autonómico”, polo que confiou en que “todo isto se vaia solucionando, porque nos entristece que en época electoral se poida xogar coas cousas de comer”.
Pedro Puy tamén se referiu á situación de crise que están a vivir algunhas industrias galegas como consecuencia das decisións adoptadas polo Goberno central. En concreto, dixo que “seguimos sen alternativa para a térmica de As Pontes; as electrointensivas seguen a pagar moito máis polo prezo da luz que os seus competidores europeos, o que pon en risco empresas como Alcoa ou Ferroatlántica; seguimos sen ter solución para o naval de Ferrol ata que se comece a construción das fragatas F-110; e pende a ameaza sobre moitas empresas pola modificación da lei de costas, como é o caso de ENCE ou conserveiras”.
EXCESIVO ENTUSIASMO DO DELEGADO DO GOBERNO
Por último, Puy criticou que o delegado do Goberno avanzara onte un novo adiamento sobre a chegada do AVE a Galicia, fixándoo para 2021 e logo de que no último Debate sobre o Estado da Autonomía se aprobara unha resolución do Grupo Popular, co apoio de socialistas e BNG, a través da que se pedía ao Goberno central que se cumpran os prazos comprometidos para a chegada do AVE a Galicia, de xeito que estea en probas antes de que remate este ano e que en 2020 estea funcionando con todas as garantías de seguridade e poidan mercarse os billetes.
Pedro Puy considerou “excesivo o entusiasmo co que o delegado do Goberno” defende ao Goberno socialista e explicou que no caso da factoría de Alcoa en San Cibrao “o principal problema que ten é o custo da electricidade, polo que recoméndolle que lea a Constitución Española onde se di que o Goberno do Estado é o responsable do réxime enerxético en España”. “Deberíamos facer todos un esforzo en cuestións que son fulcrais para a vida de moitas persoas e ser máis responsables aínda que esteamos en campaña electoral permanente”, indicou.
Tellado: “O PSOE vai pagar nas urnas o que non lle está dando a Galicia”
13, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o PSOE vai pagar nas urnas o que non lles está dando a Galicia. Así se expresaba nunha entrevista en Radio Nacional, na que afirmou que Pedro Sánchez é un mal presidente para España “pero aínda máis especialmente para Galicia”, engadindo que, en lugar de ser a solución, resultou ser o problema.
O Parlamento galego demanda que a Xunta difunda e defenda o ditame do Consello Galego de Pesca sobre o novo Fondo Marítimo e de Pesca
Santiago, 10 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a difundir e defender o ditame aprobado no Consello Galego de Pesca en relación coa “Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se derroga o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello”, así como facer partícipe del ao Goberno central, para que os seus representantes poidan facer valer os argumentos sinalados polo sector pesqueiro galego.
O Parlamento galego solicita que o Goberno central estude a separación do stock sur da anchoa na zona IXa
Santiago, 10 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que considere a petición dunha posible separación do stock sur da anchoa na zona IXa e demande a determinación dunha flexibilidade, canto menos do 25 por cento, nas zonas de confluencia entre a zona VIIIc e IXa.
O Grupo Popular critica que a oposición rompa o consenso unánime acadado en xuño respecto do depósito dos lodos da dragaxe do río Lérez
Santiago, 11 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular criticou hoxe “a viraxe” dos grupos da oposición respecto do depósito dos lodos da dragaxe do río Lérez “ao rexeitar esta mañá en Comisión o texto da proposición non de lei aprobado por unanimidade nun Pleno do Parlamento no mes de xuño e que demandaba á Xunta a elaboración, conforme á normativa vixente e ás directrices existentes respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que se garante que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, en especial á ría de Arousa”.