O Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central mellore o sistema de cotización e protección sociolaboral dos traballadores do mar

Santiago, 4 de xuño de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza que de xeito inmediato rectifique a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 para incluír a creación dun novo Xulgado do Social para Lugo. Así mesmo, desde o Grupo Popular pedirase ao Goberno central que mellore o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, estudando a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, informou que a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para informar da planificación da Xunta de cara a continuar avanzando no reto dunha adecuada xestión do ciclo integral da auga.

 

MÁIS DE 300 ACTUACIÓNS

 

Tellado avanzou que esta comparecencia abordarase a importancia de que os concellos se doten de plans de emerxencia para afrontar posibles situacións de seca, co apoio das deputacións provinciais; ao tempo que se dará conta das máis de 300 actuacións realizadas pola Xunta en 186 concellos galegos para garantir un subministro de auga en cantidade e calidade.

 

No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá ao Ministerio de Xustiza que rectifique de inmediato a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019, de xeito que se cree un novo xulgado do social na cidade de Lugo.

 

Miguel Tellado lembrou que a Xunta de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de tres novos xulgados do social en Vigo, Santiago e Lugo. “Porén, o Ministerio de Xustiza respondeu a esta petición aceptando unicamente a creación do xulgado do social en Vigo e, logo da presión exercida polo Goberno galego e as institucións xudiciais galegas, en Santiago, pero ten rexeitado a creación deste órgano xudicial en Lugo”, explicou.

 

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular que se debaterá no Pleno da vindeira semana ten como obxectivo que o Goberno central continúe as xestións e impulse os cambios normativos que sexan precisos para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, así como estude a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización.

 

No apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polos resultados do cumprimento do decreto de garantía de tempos máximos de espera no acceso ás prestacións sanitarias públicas; pola impacto que está a ter o bono concilia nas familias galegas; e polas obras de conservación executadas nos últimos dous anos na muralla romana de Lugo.

 

DESIGNACIÓN DE SENADORES AUTONÓMICOS

 

Cuestionado sobre a designación dos senadores en representación da Comunidade galega, Miguel Tellado indicou que “a nosa vontade é proceder a esta designación neste mes de xuño”, coincidindo co que se fará nos doce parlamentos autonómicos para os que se celebraron eleccións o pasado 26 de maio.

 

Así mesmo, o viceportavoz popular indicou que na Xunta de Portavoces acordouse adiar tanto o proceso de designación dos senadores como a asignación de senadores entre os grupos parlamentarios galegos, “unha decisión sensata e responsable á vista do que está acontecendo no principal grupo da oposición neste Parlamento”.

Paula Prado anunciou que o Grupo Popular reclamará ao Goberno central “a execución de proxectos que demandan os galegos e que consideramos necesarios para o desenvolvemento de Galicia”

 

Santiago, 3 de xuño de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avanzou hoxe que “desde o PPdeG continuaremos defendendo por enriba de todo os intereses de Galicia e para iso traeremos ao Parlamento as propostas que os nosos candidatos anunciaron durante as recentes campañas electorais”. A modo de exemplo, indicou que “xa rexistramos unha proposición non de lei a través da que demandamos ao Ministerio de Fomento que inicie o estudo informativo dun novo acceso ferroviario que conecte a futura estación intermodal de Santiago co aeroporto internacional de Lavacolla, ao tempo que avalíe a posibilidade de empregar os terreos da antiga terminal aeroportuaria.

 

Paula Prado manifestou que, logo da celebración das eleccións xerais, municipais e europeas, “desde o Grupo Popular e desde o Partido Popular en Galicia imos continuar defendendo os intereses e atendendo as necesidades de todos os galegos, tanto con medidas e proxectos impulsados desde o Goberno galego como reclamando ao Goberno central a execución de proxectos que demandan os galegos e que consideramos necesarios para o desenvolvemento da nosa comunidade”.

 

Neste sentido, lembrou que nestas campañas electorais “os nosos candidatos puxeron enriba da mesa proxectos e medidas que buscan mellorar as condicións de vida e os servizos que reciben os nosos cidadáns, defendendo sempre os intereses de Galicia”. “Estas propostas forman parte do proxecto político do Partido Popular en Galicia e, por esta simple razón, desde o Grupo Popular imos recoller estas iniciativas para darlles un impulso desde o Parlamento de Galicia”, apuntou.

 

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

 

A viceportavoz popular explicou que “a realización de moitos destes proxectos fai necesaria a colaboración institucional entre administracións, principalmente desde o Goberno central, para o que consideramos importante que conten co maior respaldo posible, e neste eido revélase fundamental o apoio dos grupos da oposición”.

 

“Desde o PPdeG imos defender sempre os intereses de Galicia e enfrontarnos ao Goberno central cando adopte medidas que afectan directamente aos intereses dos galegos, como o estamos a vivir coa falta da prometida saída ao problema das electrointensivas, o anunciado peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama, a crise que vive o sector da automoción cos vaivéns respecto do imposto do diésel e a contaminación ambiental, ou a parálise do naval público de Navantia”.

 

CONEXIÓN DA INTERMODAL

 

A modo de exemplo, Paula Prado informou que o  Grupo Popular xa ten rexistradas algunhas destas propostas, como a que ten como obxectivo que o Ministerio de Fomento, como administrador titular das competencias en materia ferroviaria, inicie a redacción do estudo informativo dun novo acceso ferroviario que, desde a futura estación intermodal de Santiago, conecte o Eixe Atlántico co aeroporto da capital galega.

 

Esta mesma proposición non de lei tamén solicita a Fomento que, para levar a cabo a contrución da terminal ferroviaria en Lavacolla, avalíe a posibilidade de empregar os terreos da antiga terminal aeroportuaria. “Consideramos fundamental que cando unha infraestrutura perde a función que tiña non se pode deixar baleira, polo que é necesario que a esta antiga terminal se lle dote de contido e funcións”, sinalou.

Tellado: “A Xunta e o PPdeG temos o reto de defender os intereses da Comunidade fronte ao Goberno de Sánchez”

2, xuño, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, afirmou que a Xunta e o PPdeG teñen o reto de defender os intereses da nosa Comunidade fronte ao Executivo de Pedro Sánchez, que agraviou constantemente a Galicia o último ano -cos seus PXE e co ataque claro aos nosos sectores produtivos como o das electrointesivas, as centrais térmicas, a automoción ou a parálise dos sector naval público-.“Cada día que pasa Sánchez encárgase de converter a Rajoy no mellor presidente que tivo nunca España na súa democracia”, engadiu.

Continue reading

O Parlamento demanda manter a condición de familia numerosa especial cando un dos fillos cumpra as condicións establecidas na lei

Santiago, 29 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita que en Galicia se manteña a condición de familia numerosa de tipo especial mentres un dos fillos cumpra as condicións de idade, convivencia e dependencia dos país que esixe a lei, na liña das últimas sentenzas xudiciais e de acordo á recomendación do Defensor del Pueblo.

Continue reading

O Parlamento galego pide que se estude a regulación das funcións dos técnicos en coidados auxiliares de enfermería

Santiago, 29 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e En Marea, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central que solicite ao Consello Interterritorial de Saúde o estudo dunha posible regulación das funcións dos e das técnicos en coidados auxiliares de enfermería para adaptar a normativa existente respecto ao marco normativo de titulacións vixente na actualidade, dentro do principio de lealdade institucional, coa garantía do seu financiamento.

Continue reading

O Grupo Popular salienta que a Xunta leva investidos nesta lexislatura máis de 355 millóns de euros na loita contra o declive demográfico

Santiago, 28 de maio de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos salientou hoxe no Parlamento que a Xunta “leva investidos nesta lexislatura máis de 355 millóns de euros na loita contra o declive demográfico”.“Para o PPdeG e para o Goberno galego o problema demográfico de Galicia é algo máis que unha prioridade, é a prioridade”, sinalou.

Continue reading

O Grupo Popular asegura que a Lei de rehabilitación “é unha oportunidade para recuperar os cascos históricos”

Santiago, 28 de maio de 2019.- A deputada do Grupo Popular María Antón asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que a Lei de rehabilitación “é unha oportunidade para recuperar os nosos cascos históricos” e demandou á oposición que “non enreden con argumentos falaces e mensaxes catastrofistas porque esta norma nin crea inseguridade xurídica nin contradí outras leis, nomeadamente a de patrimonio cultural”.

Continue reading

O PPdeG apoia esixir ao novo Goberno central un calendario de actuacións de mellora do transporte ferroviario entre Ourense, Santiago e A Coruña

Santiago, 28 de maio de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei a través da que se esixe ao novo Goberno do Estado que, no prazo de dous meses desde a súa constitución, negocie co Goberno galego un calendario de actuacións para a mellora no transporte ferroviario entre Ourense, Santiago e A Coruña.

Continue reading