Santiago, 6 de febreiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “imos apoiar os orzamentos da Xunta para 2017 porque son expansivos; equitativos tanto pola vía do ingreso como do gasto; son prudentes nas súas previsións; son equilibrados porque non incorren en déficit; e están contribuíndo a que, unha vez abandonada a recesión, poidamos seguir crecendo e redistribuíndo os resultados dese crecemento para que ninguén en Galicia teña problemas”.
O Parlamento insta á Xunta a aprobar canto antes un decreto regulador da cooperación para o desenvolvemento
Santiago, 3 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a aprobar canto antes un decreto regulador da cooperación para o desenvolvemento que facilite a xestión das axudas por parte das ONGDs. “Cremos que o novo escenario orzamentario, así como a nova arquitectura institucional, aconsellan que se aborde en breve prazo ese novo marco normativo que consideramos imprescindible para unha mellor articulación da cooperación ao desenvolvemento en Galicia”, manifestou do deputado popular Alberto Pazos.
Tellado cre que os alcaldes das Mareas dedícanse a “conspirar uns contra outros” mentres descoidan as súas cidades
Santiago, 3 de febreiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, comezou este venres a rolda de reunións de traballo cos grupos municipais dos concellos que avanzou na súa última xuntanza cos portavoces das sete cidades galegas. O obxectivo destes encontros é “coñecer as inquedanzas dos nosos compañeiros e aproveitar as sinerxias entre agrupacións, para atopar solucións comúns a problemas comúns”. “No PPdeG compartimos discurso, compartimos obxectivos e compartimos vontade de traballar polos nosos cidadáns. Ese é o mellor argumento para ser sempre un partido de goberno”, subliñou.
O GPP solicita a extensión no 2017 do programa de detección precoz do cancro de colon a todas as estruturas de xestión integrada da sanidade galega
Santiago, 3 de febreiro de 2017.- Con motivo da celebración no día de mañá do Día Mundial contra o Cancro, o Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a estender neste ano 2017 o programa de detección precoz do carcinoma colorrectal a todas as estruturas organizativas de xestión integrada da sanidade galega.
O Parlamento insta á Xunta a que o novo Plan Forestal siga as directrices consensuadas no Consello Forestal
Santiago, 2 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que insta á Xunta de Galicia a que na redacción do novo Plan Forestal de Galicia se sigan as directrices consensuadas polo Consello Forestal de Galicia.
O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González, lembrou que o actual Plan Forestal data do ano 1992, polo que ten 25 anos de vixencia e precisa unha actualización. “Desde o Grupo Popular, apoiamos un plan no que na súa redacción haxa unha forte participación do sector”, apuntou.
ADECUARSE ÁS DIRECTRICES
Deste xeito, González defendeu que o novo Plan Forestal se adecúe ás directrices marcadas polo Consello Forestal, un órgano consultivo e de asesoramento da Xunta de Galicia no que están presentes representantes da Administración galega, das organizacións sindicais, das asociacións de consumidores, dos colexios profesionais de enxeñeiros de montes e forestais, das universidades e expertos de prestixio profesional no sector.
“Queremos que na elaboración do novo Plan Forestal se conte co sector, e todo o sector está representado no Consello Forestal”, subliñou o portavoz popular.
Así mesmo, José González lembrou que “o modelo de Plan Forestal xa quedou fixado no 2015 coas directrices fixadas polo grupo de traballo do Consello Forestal que ao longo de todo ese ano traballou e estudou a situación na Comunidade galega. “Para nós, é fundamental que o Plan Forestal se adecúe a esas directrices xa fixadas”, indicou.
O PPdeG celebra que Galicia peche xaneiro con 24.639 desempregados menos que hai un ano
Santiago, 2 de febreiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou hoxe os datos de paro relativos ao mes de xaneiro. “Que pechemos xaneiro con 24.639 desempregados menos que hai un ano -descenso superior aos 10 puntos- constata a recuperación paulatina do mercado laboral galego”.
O GPP,en reposta ás demandas dos lucense, insta á Xunta de Galicia a impulsar a intermodalidade en Lugo
Santiago, 1 de febreiro de 2017.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a impulsar a intermodalidade na cidade de Lugo iniciando, á maior brevidade posible, o estudo de necesidades da terminal de autobuses integrada na nova estación intermodal lucense. Deste xeito, cumpriríase unha demanda histórica dos cidadáns do concello lucense e de toda a provincia, pois a súa execución permitirá mellorar notablemente as comunicacións luguesas.
A iniciativa, asinada por todos os deputados populares da provincia de Lugo, supón un paso máis no compromiso que o Partido Popular ten con esta provincia en materia de infraestruturas. Neste sentido, lembrar que no Pleno do pasado 27 de decembro aprobouse outra proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reivindica a modernización da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, a través de Monforte de Lemos. Concretamente.
En concreto, a través desta proposta instouse á Xunta a traballar con determinación e insistir ante o Estado para acometer, no menor tempo posible, o proceso de modernización desta liña, na busca de mellores prestacións e servizos máis eficientes e competitivos, e adaptados ás necesidades dos viaxeiros.
Neste caso, amosábase necesario a tal fin, poñer en servizo a maior brevidade, a variante de Pobra de San Xiao, pero tamén demandar do Ministerio de Fomento, que se prioricen os investimentos que garantan tal modernización e faciliten a conexión de Lugo cos servizos de alta velocidade ferroviaria, co obxectivo de que a comunicación Lugo-Ourense-Madrid, se poida efectuar nun promedio de tres horas.
MELLORA DA INFRAESTRUTURA
O que se está a plantexar é unha mellora da infraestrutura que eleve a velocidade de circulación nos treitos máis lentos, mediante variantes ou rectificacións do trazado, que non so permita que Lugo se sitúe con respecto a Madrid en tempos semellantes a Vigo ou A Coruña, senón que permita tamén a prestación de servizos de media distancia competitivos, mellorando a calidade do servizo para todo os usuarios.
Trátase esta, dunha actuación global asumible economicamente, ao basearse en variantes e rectificacións de trazado que poden ser planificadas en fases sucesivas, acomodándose as dispoñibilidades orzamentarias.
A mellora dos servizos ferroviarios na provincia precisa avanzar nunha progresiva mellora da intermodalidade, de aí a necesidade de mellorar a conexión física dos servizos ferroviarios e de autobús que se ofrecen dende Lugo a través da realización dunha estación intermodal. Esta actuación permitiría coordinar horarios, recorrer a un billete único, garantir enlaces, e así ofrecer unha maior e mellor conectividade. A estación intermodal de Lugo contribuirá por tanto a incrementar a accesibilidade no cambio entre trens ou do tren ao autobús.
“Agora que está próximo o remate da variante de Poboa de San Xiao, é preciso seguir traballando pola mellora dos servizos ferroviarios entre Lugo e Ourense. Compre, por tanto, ir dando os primeiros pasos de cara á execución dunha estación intermodal en Lugo”, expoñen os deputados na iniciativa.
O GPP demandará no pleno evitar o peche do CIM de Ponte Caldelas e adecuar os coeficientes redutores da idade de xubilación á pesca galega
Santiago, 31 de xaneiro de 2017.- O Grupo Popular defenderá no pleno da vindeira semana que se adopten as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller de Ponte Caldelas, así como que se adecúen os coeficientes redutores da idade de xubilación as características da actividade marítimo-pesqueira en Galicia.
A remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que o vindeiro luns, 6 de febreiro, procederase ao debate para a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2017 nun pleno extraordinario. En primeiro lugar, terá lugar o debate do conxunto das seccións e, de seguido, será a quenda do articulado dos orzamentos.
ACORDO PARA CONCELLOS CON PXOM ANULADO
A sesión plenaria tamén incorpora o debate do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos presupostos. Neste sentido, Puy destacou a dificultade para chegar a acordos coa oposición cando “dúas terceiras partes das emendas que presentaron eran de supresión”.
Porén, salientou o acordo acadado entre o Grupo Popular e o Socialista para incorporar no proxecto de lei a posibilidade de que os concellos con plan xeral anulado, como Vigo ou Ourense, poidan aprobar medidas urbanísticas de ordenación provisionais, a través das que se manteña a actividade vinculada a determinados ámbitos do planeamento anulado que acadaran un elevado grao de desenvolvemento con carácter previo á anulación do plan e que sexan considerados como de especial interese.
CIM PONTE CALDELAS E XUBILACIÓNS NA PESCA
Respecto das proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá que o Concello de Ponte Caldelas adopte as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller, logo de que os responsables municipais decidiran pechar este servizo logo de dez anos de traballo e de ter un presuposto asignado por parte da Xunta de Galicia.
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará á Xunta que, á espera de que entre en vigor o vindeiro verán o regulamento aprobado polo Parlamento europeo e o Consello de Europa que define as características dos barcos de pesca, abra un proceso de diálogo de cara á adecuación dos coeficientes redutores da idade de xubilación ás características da actividade marítimo-pesqueira en Galicia.
Para rematar, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as medidas e axudas que está a impulsar para a vertebración do sector lácteo galego; a evolución dos datos da enfermidade gripal neste inverno; e o balance do programa Reconduce
O PPdeG propón de novo á oposición aprobar unha declaración institucional para reclamar investigación independente sobre accidente de Angrois
Santiago, 31 de xaneiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, propuxo hoxe de novo aos grupos da oposición aprobar unha declaración institucional na que se solicite, a raíz do informe elaborado pola Axencia Europea Ferroviaria e as demandas realizadas pola Eurocámara, a apertura dunha investigación que reúna os requisitos de independencia e analice as debilidades das investigacións realizadas sobre o accidente de Angrois.
Pedro Puy lembrou que o Grupo Popular xa propuxo o pasado 12 de xullo a aprobación polo Pleno dunha declaración institucional a través da que se solicitaba a apertura dunha investigación independente sobre o accidente de Angrois. Porén, lamentou que esa declaración non saíu adiante “como consecuencia do veto dos grupos parlamentarios de BNG, AGE e Mixto”.
LECTURA NO VINDEIRO PLENO
Deste xeito, apuntou que “se o que suscita de novo o debate sobre este accidente son as recomendacións europeas, desde o Grupo Popular estamos dispostos a retomar esa declaración institucional, coa incorporación das recomendacións da Eurocámara, e darlle lectura no vindeiro Pleno”.
“Somos coherentes co que vimos defendendo sempre que se solicita unha comisión de investigación”, sinalou o portavoz popular, quen reiterou que o Parlamento de Galicia, á marxe de temas relacionados coas emerxencias e a atención sanitaria, “non ten competencias sobre o accidente”. “Os parlamentos autonómicos non teñen capacidade para abrir investigacións sobre materias de competencia estatal”, engadiu, polo que esa comisión de investigación “tería pouca capacidade para investigar este accidente porque os responsables estatais non acudirían a comparecer dado que quen exerce o control sobre o Goberno do Estado son as Cortes Xerais”.
Pedro Puy asegura que os cambios no GPP permitirán manter a boa relación co Goberno e equilibrar a capacidade de traballo dos deputados
Santiago, 30 de xaneiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que os cambios no grupo parlamentario, motivados pola renuncia de cinco conselleiros ás súas actas de deputados e a permanencia doutros cinco membros do Goberno galego na Cámara galega, permitirán manter unha boa colaboración entre o Goberno e o grupo parlamentario, ao tempo que se equilibra a capacidade de traballo dos deputados a tempo completo.
Pedro Puy considerou “bo a presenza dalgún membro do Goberno como deputados” e apuntou que neste caso “o equilibrio é correcto, xa que hai persoas que seguirán desempeñando o escano facilitando a coordinación co Goberno e ao mesmo tempo o grupo pode xa con 35 deputados dedicados ao Parlamento determinar cales son os portavoces e outras cuestións”.
Máis en concreto, explicou que ao longo desta semana procederase á substitución dos conselleiros de Facenda, Infraestruturas, Educación, Sanidade e Medio Rural polos novos deputados do Grupo Popular. En concreto, se producen dúas baixas pola provincia de A Coruña, que serán ocupadas por Soraya Salorio Porral e Gonzalo Trenor; e tres pola provincia de Pontevedra, que serán substituídos por Isabel Novo Fariña, Moisés Rodríguez e Jacobo Moreira, unha vez que tamén renuncie ao escano o actual director do Instituto de la Juventud, Javier Dorado.
INGRESOS MAL CALCULADOS
Por outra banda, Puy informou que esta mañá rematou a tramitación en comisión dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2017, que serán debatidos para a súa aprobación definitiva nun pleno extraordinario o vindeiro luns.
Respecto das emendas presentadas polos grupos da oposición, o portavoz popular subliñou que as súas propostas de incremento de ingresos, vía suba de impostos bastante xeneralizada, está mal calculada”.
Deste xeito, apuntou que no Grupo Popular “temos a certeza de que o que se está votando vaise executar e no caso de que haxa máis ingresos, como consecuencia de que somos conservadores nas previsións de crecemento, existirá unha marxe interesante e importante para seguir incrementando o gasto social, especialmente no ámbito sanitario”.
CONDENA VIOLENCIA DE XÉNERO
Pedro Puy tamén manifestou a firme condena do Grupo Popular ao novo caso de violencia de xénero acontecido no día de onte no Carballiño. Neste sentido, avogou porque “todos debemos facer un esforzo para adoptar acordos por unanimidade que melloren a atención ás persoas susceptibles de ser vítimas de violencia de xénero”, recoñecendo que “é unha loita complexa e longa, na que toda a sociedade se ten que involucrar e na que os representantes públicos tratamos de estar á altura das circunstancias e da envergadura do problema”.