O Parlamento aproba reforzar presenza empresas pesqueiras en feiras internacionais
O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA REFORZAR A PRESENZA DAS EMPRESAS PESQUEIRAS EN FEIRAS INTERNACIONAIS
· O acordo insta á Xunta a potenciar e ampliar as distintas liñas de apoio tanto desde o punto de vista técnico e económico
Santiago, 22 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar, co voto en contra dos grupos da oposición, a iniciativa do Grupo Popular dirixida a reforzar a presenza das empresas pesqueiras galegas nas feiras e mercados internacionais de maior prestixio.
O acordo insta á Xunta de Galicia a potenciar as distintas liñas de apoio que xa existen, ampliando os recursos económicos e técnicos dos que poden beneficiarse os distintos axentes profesionais do noso sector pesqueiro
O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, destacou que “unha medida destas características contribuirá a mellorar a eficiencia do sector, reforzar a súa visibilidade e presenza no exterior e aumentar a súa capacidade para ampliar mercados”.
UN SECTOR EXTERIOR EN ALZA
O portavoz popular salientou que “este é un momento especialmente acaído para este tipo de iniciativas posto que, segundo acreditan os datos, está en alza”. Neste sentido, subliñou que “as exportacións galegas de pescados e mariscos veñen de incrementarse un 9,2 por cento en 2014, superando as 210.000 toneladas e cun valor económico que supera tamén os 363 millóns de euros”.
Balseiro explicou tamén que as empresas galegas representan aproximadamente o 50 por cento do total do volume de exportacións de España de preparados, conservas e semiconservas e supón case o 60 por cento do valor económico das exportacións nestes sectores.
GPP defenderá no pleno cambios na cotización das persoas traballadoras do mar
O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO FACILITAR AOS TRABALLADORES DO MAR QUE POIDAN AUMENTAR VOLUNTARIAMENTE AS SÚAS BASES DE COTIZACIÓN
· A sesión plenaria procederá ao debate para a aprobación do proxecto de Lei de asistencia xurídica da administración xeral da comunidade autónoma e o debate de toma en consideración do proxecto de Lei de coordinación de policías locais
Santiago, 21 de marzo de 2016.- O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria da vindeira semana dúas proposicións non de lei dirixidas a facilitar que os traballadores do mar poidan aumentar voluntariamente as súas bases de cotización e para solicitar ao Concello de A Coruña a apertura do túnel do Parrote, xa que pasaron máis de 100 días desde a recepción das obras.
A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Romero, explicou que “os traballadores do mar carecen na actualidade da posibilidade, do mesmo xeito que os traballadores autónomos e do sector agrario, de incrementar voluntariamente as cotizacións para que as pensións que cobren no futuro sexan maiores”.
CAMBIOS NORMATIVOS
Deste xeito, a través dunha proposición non de lei, o Grupo Popular solicita que o Goberno central impulse os cambios normativos necesarios para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, estudando co sector a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as súas bases de cotización.
A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten como obxectivo a apertura do túnel do Parrote en A Coruña, “unha obra que foi informada favorablemente polos técnicos do Ministerio de Fomento asegurando que o tráfico podía circular polo mesmo, pero que a día de hoxe o Concello de A Coruña aínda non puxo data para a súa apertura”.
“Van máis de cen días desde a data da recepción das obras e o túnel do Parrote segue pechado á circulación, provocando prexuízos e molestias de tráfico a máis de 40.000 veciños e propietarios de comercios e locais de hostalería”, apuntou.
DOUS PROXECTOS DE LEI
Previamente a estas proposicións non de lei, a sesión plenaria dará comezo co debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de asistencia xurídica da administración xeral da comunidade autónoma e do seu sector público. “Esperamos que a aceptación que esta norma tivo en Comisión, onde saíu adiante sen ningún voto en contra, se manteña en Pleno para reforzar os servizos xurídicos da Xunta na busca dun maior control da legalidade, da transparencia, da loita contra a corrupción e, en definitiva, dunha maior defensa dos dereitos dos cidadáns”, manifestou a viceportavoz popular.
Cristina Romero apuntou que “o obxectivo da Xunta e do Grupo Popular é que esta lei saia adiante co maior consenso posible para garantir a súa permanencia, ao tempo que sexa capaz de dar resposta ás necesidades de asesoramento, control e defensa que precise a administración autonómica, os seus entes e os seus empregados públicos”.
A continuación, procederase ao debate de toma en consideración do proxecto de Lei de coordinación de policías locais de Galicia, que actualiza e adapta a normativa existente ás novas normativas vixentes, establecendo unha serie de cambios e axustes que permitan acadar un maior índice de eficacia na organización e estrutura dos cadros de persoal das policías locais.
Entre as medidas que incorpora este proxecto de Lei, Romero subliñou a eliminación do tope de idade dos 36 anos para acceder ao corpo de policía local galego, así como unha mellora nos procesos de cobertura de prazas de mandos, que facilita tanto a promoción interna, como a mobilidade con ascenso desde outros corpos.
Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno sobre as consecuencias da sentenza do Tribunal Supremo que anula a prórroga das concesións de transporte público interurbano en Galicia, así como pola viabilidade dun cambio de modelo de xestión dos consorcios provinciais de bombeiros.
DEMAGOXIA COA BANDEIRA EUROPEA
Cuestionada sobre a decisión dalgúns concellos de arriar a bandeira europea en repulsa polo política europea sobre refuxiados, Cristina Romero manifestou que “estamos en contra” desta decisión e lembrou que existe un acordo unánime no Congreso dos Deputados que defende que calquera actuación debe respectar os dereitos dos solicitantes de asilo, a legalidade internacional e a europea. “A isto sumouse o acordo razoable e sensato asinado a nivel europeo o pasado venres que garante o respecto rigoroso á legalidade europea e internacional e a exclusión expresa de calquera tipo de expulsión colectiva”, indicou.
Así mesmo, a viceportavoz criticou “a demagoxia coa que actúan determinados grupos nacionalistas respecto desta situación, xa que por un lado están a arriar a bandeira de Europa, pero por outra poñen as dúas mans para recibir investimentos de Europa para as cidades onde gobernan”.
A Xunta Directiva do PPdeG reunirase o 2 de abril para convocar o Congreso autonómico
Feijóo avanza que A Xunta valida o acordo para a Lei da Área Metropolitana de Vigo
Feijóo anuncia que os empregados públicos recibirán a metade da paga extra de 2012
Feijóo di que o orzamento de Galicia 1000 permitirá apoiar case 1.500 proxectos
O pleno insta á Xunta a presentar os datos do rexistro galego de infarto de miocardio
O PLENO APROBA INSTAR Á XUNTA A PRESENTAR NO PARLAMENTO OS DATOS DO REXISTRO ÚNICO DE INFARTO AGUDO DE MIOCARDIO E AS CONCLUSIÓNS EN BASE AOS MESMOS
· Núñez Centeno subliñou que Galicia “conta cunha atención cardiolóxica das máis avanzadas de España, destacando a excelente capacitación profesional, a dotación tecnolóxica axeitada e completa, cunha boa distribución xeográfica, e cunha organización rexionalizada e en rede”
Santiago, 16 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a presentar, antes do remate do próximo mes de abril, os datos correspondentes ao rexistro galego de infarto agudo de miocardio (Regaliam), as conclusións da Consellería de Sanidade en base aos mesmos e as medidas oportunas que se precisen en función dos resultados para a mellora da atención das persoas enfermas.
O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, lembrou que esta mesma mañá se presentaron os datos técnicos deste rexistro galego, pero “seguimos a manter a nosa proposta para que a Consellería presente neste parlamento os datos recollidos, a interpretación dos mesmos e a valoración dos posibles novos recursos necesarios para a atención deste grupo de enfermos en función dos resultados”.
NACEU DUNHA INICIATIVA PARLAMENTARIA
Núñez Centeno recordou que o Regaliam nace logo da aprobación no Parlamento o 3 de decembro de 2014 dunha iniciativa do Grupo Popular na que se instaba á Xunta a elaborar un rexistro único de ámbito galego que recollera toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio. “O principal obxectivo era trasladar á cidadanía unha mensaxe clara e inequívoca de que a atención en toda Galicia é moi boa en caso de infarto agudo de miocadio”, apuntou.
Neste sentido, o portavoz popular subliñou que Galicia “conta cunha atención cardiolóxica no ámbito da cardiopatía isquémica das máis avanzadas de España, destacando a excelente capacitación profesional, unha dotación tecnolóxica axeitada e completa, cunha boa distribución xeográfica, e cunha organización rexionalizada e en rede, coincidindo coas recomendacións das sociedades científicas, entre elas a Sociedade Española de Cardioloxía”.
DATOS OBXECTIVOS E COMPARABLES
Aurelio Núñez manifestou que “será moi importante valorar e comparar no Regaliam as cifras de falecemento en aqueles enfermos de infarto agudo de miocardio que superaron os 120 minutos entre o inicio da clínica e a revascularización, así como valorar as decisións adecuadas para o control da evolución posterior dos enfermos tratados despois deses 120 minutos”.
“A súa supervivencia en anos, a súa calidade de vida ou a presenza de complicacións derivadas do seu proceso inicial de infarto agudo de miocardio son datos importantes a avaliar”, sinalou o portavoz popular.
Núñez Centeno afirmou que “ter un rexistro único e cos mesmos parámetros permitirá dispoñer de datos obxectivos e comparables de todas as áreas de saúde de Galicia para tomar decisións sobre as necesidades reais de recursos humanos e materiais, así como sobre a distribución xeográfica dos mesmos, para unha atención de calidade aos enfermos que sufran un infarto agudo de miocardio en Galicia”.
O Parlamento aproba demandar á Alcadía de Madrid manter a rúa Álvaro Cunqueiro
O PARLAMENTO APROBA, A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, DEMANDAR Á ALCALDÍA DE MADRID O MANTEMENTO DA RÚA ÁLVARO CUNQUEIRO
· Tamén se insta ás institucións e entidades culturais de Galicia a honrar publicamente o traballo desenvolvido por Cunqueiro, ao tempo que se solicita ao Consello da Cultura elaborar un informe sobre a relevancia literaria deste escritor e a súa contribución á defensa e difusión da lingua e cultura galegas
· O portavoz de Cultura afirmou que retirar a rúa “sería un acto de intolerancia, revanchismo e cinismo intolerable, propio de listas negras e censura ideolóxica impropia da sociedade actual”
Santiago, 16 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, á que se sumaron emendas do PSOE e do BNG, a través da que se demanda á Alcaldía de Madrid o mantemento da rúa en memoria de Álvaro Cunqueiro no rueiro desta cidade. Así mesmo, insta ás institucións e entidades culturais de Galicia a honrar publicamente o traballo desenvolvido por Álvaro Cunqueiro, ao tempo que solicita ao Consello da Cultura Galega elaborar un informe sobre a relevancia literaria deste escritor e a súa contribución á defensa e difusión da lingua e cultura galegas.
O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, considerou a Álvaro Cunqueiro como “un grande da cultura de Galicia e de España, un home dunha obra tan grande, complexa e extraordinaria que sería mellor pintalo que explicalo, porque faría falta un dicionario enteiro e aínda non chegaría”.
Baamonde lembrou que o feito de retirar a rúa Álvaro Cunqueiro de Madrid “aínda non está consumado, porque o propio Concello xa rompeu a súa relación coa cátedra da Universidade Complutense que elaborou o informe” que relaciona ao escrito co franquismo.
“Sería un acto de intolerancia, revanchismo e cinismo intolerable, propio de listas negras e censura ideolóxica impropia da sociedade actual”, sinalou o portavoz popular. Por este motivo, reclamou “respecto para Cunqueiro e para Galicia”, para o que “invoco a propia Lei de Memoria Histórica que defende o espírito de respecto e non confrontación”.
DECISIÓN SEN FUNDAMENTO
Baamonde sinalou que a decisión de retirar a rúa a Álvaro Cunqueiro “carece de fundamento porque basta con revisar a súa biografía para ver que non tivo participación activa na represión franquista e tamén porque o recoñecemento outorgado a Cunqueiro e outras persoas incluídas nese listado non foi pola súa afiliación franquista, senón polo valor inmenso da súa obra”.
“A opinión pública outorgoulle o seu recoñecemento e o levou a categoría de referente da cultura de Galicia e España e colocouno na historia”, lembrou o portavoz popular, quen fixo referencia á “gran cantidade de rueiros e prazas que levan o seu nome, entre eles o novo hospital público de Vigo”.
Deste xeito, apuntou que “quen é capaz de concitar tal unanimidade e impacto na conciencia colectiva desta terra non pode ser denostado como franquista”, ao tempo que salientou o seu papel galeguista e o dominio extraordinario tanto da lingua galega como da castelá”.
A modificación da Lei de Servizos Sociais recoñece novos dereitos ás persoas usuarias
MARTA RODRÍGUEZ AFIRMA QUE A REFORMA DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS “RECOÑÉCE OS DEREITOS DE LIBRE ELECCIÓN, AO ARRAIGO Á CONTORNA SOCIAL E Á ATENCIÓN PERSONALIZADA E INTEGRAL”
· “Trátase dun documento aberto ás propostas dos grupos parlamentarios que melloren o texto orixinal e que permitan que saia adiante co maior respaldo”, apuntou
Santiago, 15 de marzo de 2016.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou hoxe que a través da modificación parcial da Lei de servizos sociais “recoñécense por primeira vez unha serie de dereitos ás persoas usuarias, como o dereito da libre elección, o dereito ao arraigo da persoa á súa contorna social e o dereito á atención personalizada e integral”. Esta modificación proposta polo Grupo Popular, que hoxe iniciou a súa tramitación parlamentaria coa aprobación da súa toma en consideración polo Pleno, introduce novos modelos de xestión: o concerto social, como sistema diferenciado da modalidade de concerto xeral; e os acordos marco coas entidades, promovendo a libre elección das persoas usuarias.
Rodríguez Arias lembrou que a Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia regula no seu artigo 29 as formas de prestación dos servizos sociais na Comunidade galega, establecendo que serán prestados polas administracións públicas directamente, ou de maneira indirecta a través das diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público.
“Porén, a Directiva europea 2014/24 sobre contratación pública establece que os estados membros e os poderes públicos teñen liberdade para organizar os servizos sociais, de maneira que non sexa necesario celebrar contratos públicos sempre que dito sistema garanta a publicidade suficiente e se axuste aos principios de transparencia e non discriminación”, indicou a portavoz popular.
ADIANTARSE Á LEXISLACIÓN ESTATAL
Deste xeito, esta directiva abre a posibilidade de que as administracións públicas adopten fórmulas de organización da xestión dos servizos públicos no ámbito dos servizos sociais distintos dos contidos na lexislación contractual. “Á espera de que o Estado traslade ao dereito español esta directiva, que deberá traducirse nunha nova Lei de contratos do sector público, é necesario establecer o concerto social mediante a modificación da Lei de servizos sociais de Galicia”, sinalou Rodríguez Arias.
Esta modificación xa foi levada a cabo noutras comunidades autónomas como País Vasco, Baleares, Asturias e Murcia, que estableceron legalmente o concerto social como nova modalidade para a mellora da xestión dos servizos sociais de proximidade por parte das entidades non lucrativas de acción social.
PRIORIDADE ÁS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO
Marta Rodríguez explicou que esta reforma da Lei de servizos sociais establece o concerto social como modalidade contractual diferenciada do concerto xeral recollido na norma xeral de contratos do sector público. Neste sentido, apuntou que “no establecemento destes concertos sociais atenderanse aos principios de atención personalizada e integral, arraigo da persoa na contorna de atención social e libre elección da persoa usuaria”.
Así mesmo, engadiu que con estes concertos sociais as administracións públicas “darán prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, sempre que se garanta a libre concorrencia e os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia”, ao tempo que establecerán fórmulas para garantir o mantemento da prestación por parte das entidades que xa os viñan prestando, “cuestión que favorece a continuidade dos colectivos que traballan neste sector e contan con acreditada experiencia”.
ACORDOS MARCO PARA ATENDER A LIBRE ELECCIÓN
A reforma da Lei de servizos sociais tamén incorpora a posibilidade de que as administracións públicas poidan asinar acordos marco con entidades sociais para a prestación de determinados servizos sociais durante un período concreto de tempo. “Trátase dunha figura contractual prevista na normativa de contratos do sector público co obxectivo de atender, de forma prioritaria, a libre elección da persoa destinataria do servizo de que se trate”, explicou Marta Rodríguez.
A portavoz popular subliñou que esta proposición de Lei presentada polo Grupo Popular “nace das aportacións realizadas polo CERMI-Galicia” e se trata dun “documento aberto ás propostas dos grupos parlamentarios que melloren este texto orixinal e que permitan que saia adiante co maior respaldo posible”.