
Santiago, 9 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a adoptar as medidas necesarias para modernizar e humanizar os puntos de encontro familiar que actualmente se atopan en funcionamento en Galicia, tal e como está previsto facer nos centros de nova creación. Así mesmo, solicítase un protocolo que permita a valoración de risco nestes puntos de encontro fronte a situacións de violencia machista, así como deseñar canles de comunicación e colaboración interinstitucionais que garantan a protección das e dos menores e das súas nais, co obxectivo de unificar e harmonizar os criterios de intervención.
