O Partido Popular de Galicia solicita á Fegamp que intermedie co Goberno central para defender aos concellos permitíndolles utilizar o superávit orzamentario de 2024 de xeito autónomo e co fin de financiar aqueles servizos públicos que teñan maior necesidade en cada caso.
Unha medida coa que, en opinión do voceiro dos populares galegos no organismo que representa aos municipios e provincias de Galicia, Ángel Moldes, se contribuiría tamén a “paliar os problemas de financiamento que acusa, de xeito xeneralizado, a administración local”.
“Trátase dunha medida fundamental para os concellos tendo en conta, ademais, o incremento xeneralizado dos custes na prestación de servizos. Uns custes que, nalgúns casos, están provocando un aumento das taxas e dos impostos municipais á veciñanza para poder facerlles fronte”, explica.
Foi durante a última Xunta Directiva da Fegamp na que se recolleu a preocupación que comparten todos os alcaldes e alcaldesas polo uso que van poder facer do superávit orzamentario. Unha incógnita que está condicionando nalgúns casos incluso a elaboración dos orzamentos municipais do ano 2025. “É urxente e necesario que escoiten a voz dos alcaldes e tomen medidas ao respecto”, apunta Moldes neste sentido.
Cómpre recordar que durante os exercicios 2020, 2021, 2022 e 2023 o Goberno central suspendeu as regras fiscais en España. Pero esta medida non se fixo extensible ao 2024, no que, en caso de que non se regule algo distinto ao respecto, se aplicaría o artigo 32 da LOEPSF relativo ao destino do superávit orzamentario.
Ángel Moldes recorda que as regras fiscais limitan o gasto do diñeiro que sobra cada exercicio aos concellos e que, polo tanto, “falamos duns cartos que son da veciñanza e que deberían destinarse á prestación de servizos”.
“Os concellos non somos os culpables da débeda pública, polo que é inxusto que sexamos nós os que debamos asumir de xeito directo estas consecuencias con limitacións de gasto dun diñeiro que é da veciñanza e tendo en conta, a maiores, os problemas de financiamento que sufrimos”, conclúe.